Roteiros Galegos 2021


161 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (5 votos, media: 4.80 de 5)
Loading...
Esta fotografía, Baixando do Pico Nevadín, presenteina ao concurso da Semana de Senderismo FEDME 2021, e foi unha das dez gañadoras do mesmo.

Cando hai un ano faciamos balance do 2020, estabamos convencidos de que o 2021 ía ser mellor, e que sería imposible empeorar o ano do confinamento. Pero non, e estes últimos doce meses foron igual de peores que os anteriores. Vimos de deixar outro ano que quixo ser tan protagonista como o anterior, limitándonos os soños e aflorando as frustracións, e tamén, como non, provocando que recuperemos a esperanza e o desexo sentido de que todo vaia a mellor. Seica é o único e o máis transcendente que podemos desexarnos nestes tempos tan incertos como anómalos para esquecer, tan axiña como poidamos, estes aciagos anos 2020 e 2021.

Ruta do Monte Tahume. Porto do Son

A pesar de todo isto, non interrompemos as saídas, menos numerosas que en tempos anteriores á pandemia pero ben fermosas. As novas medidas sanitarias a comezos de ano impideron sair do noso concello, polo que as primeiras rutas do ano estiveron cinguidas a Compostela. Así, en xaneiro, achegámonos ata o Castro de Figueiras primeiro, e logo fomos De Compostela ata A Sionlla, punto de partida dunha Vía Verde ata as proximidades da estación de Cerceda que non acaba de arrancar en Santiago, pois somos moitos os que agardamos que este punto pronto se converta nun espazo idóneo para camiñar por el ou para percorrer en bicicleta. Entre incidencias acumuladas altas e medias, a partir de marzo xa puidemos movernos pola área sanitaria, polo que aproveitamos para chegarnos ata o concello de Porto do Son e percorrer unha circular polo Monte Tahume. Que gañas tiñamos de facer unha ruta costeira e poder gozar do mar!

Senda do Lérez. Pontevedra

Co inicio da semana santa, as novas  limitacións impostas polas autoridades sanitarias impediron que nos desprazásemos as persoas non convivintes no mesmo vehículo particular, polo que os plans que tiñamos argallados para camiñar esa fin de semana e para a próxima houbo que aparcalos para mellor momento. Como solución de urxencia, decidimos usar o transporte público para poder viaxar o pequeno grupo fóra de Compostela, e nada mellor que coller o tren e desprazarnos ata a cidade de Pontevedra en pouco máis de media hora. Alí fixemos a Senda do río Lérez, percorrendo o último tramo do río dende a Ponte dos Tirantes, e ir río arriba ata a Presa de Bora… e tamén gozar da cidade durante unhas horas; sen dúbida foi unha moi boa elección para pasar o día.

Ruta ao Monte San Marcos e Ruta da Auga-Muiños de Riamonte. Ames

Sorprendeu gratamente a ruta ao Monte San Marcos e Ruta da Auga-Muiños de Riamonte, no concello veciño de Ames. A andaina foi excelente (aínda que habería que incidir no seu mantemento e correxir a falla de indicacións), cunhas boas vistas que se divisan desde a parte máis alta do monte e un descenso moi placenteiro a carón do regato de Riamonte. Unha boa experiencia!

Ruta dos Muíños de Catoira

En abril retomamos os roteiros da USC fóra de Compostela e achegámonos ata o concello de Silleda para facer unha ruta ben fermosa, o Roteiro polo Río Deza e carballeiras. Repetimos fervenza en maio, tamén en Silleda, a Fervenza de Férveda en Escuadro, e tamén en xuño achegándonos a coñecer a Fervenza e castro de Callobre, no concello da Estrada. A verdade é que quedei moi contento con estes roteiros, sobre todo por volver a ver a Rocío e Víctor, así como a compañeiros e compañeiras de andainas, despois de tanto tempo confinados, con peches perimetrais, limitacións de grupo, etc… a xornada foi moi gratificante. Pero mentres non se dan ofertado as rutas de sábado, nós apoveitamos para seguir camiñando pola nosa conta. Jaime preparounos unha ruta circular e fomos coñecer os Muíños de Catoira, acompañados por moita historia como a visita a petróglifos ou ao entorno das Torres do Oeste. Tamén gozamos dunhas vistas impresionantes da ría de Arousa e, por suposto, dun bo xantar.

Ruta dos Cerqueiros e Pena Fesa. Monfero

Coa chegada de verán, unha luz abriu a posibilidade de retomar as rutas e, sen dúbida, percorrer as Fragas do Eume polas Rutas dos Cerqueiros e Pena Fesa, en Monfero foi un excelente inicio. Pero sen dúbida, a Ruta da Torre de Doncos foi do mellor que levabamos feito.

Ruta da Fervenza do Cinca e Llanos de La Larri. Bielsa

No verán, xogamos a cabalo gañador e repetimos estadía nos Pireneos, programada para finais de xullo pola zona de Bielsa. Que semana máis fermosa tivemos, realizando rutas polo entorno do val de Pineta ou achegándonos ata o Puerto Viejo de Bielsa. A verdade é que a semana por Bielsa fíxose moi curta! Agosto e setembro tamén se levaron ben, reralizando algunha ruta nova sen sair do País e repetindo algunha outra, como as tres etapas do Camiño dos Faros De Malpica a NiñónsDe Niñóns ao RoncudoDe Corme a Cabana de Bergantiños, senda que iniciáramos aló polo 2014 cando aínda non era moi coñecido, provocándonos unha sensación moi pracenteira ao revisitar esta ruta tan espectacular que temos na nosa costa.

De Corme a Cabana de Bergantiños. Camiño dos Faros

Sen sair de Galicia, outra comarca que sempre triunfa é a Ribeira Sacra, e desta vez fomos coñecer parte dela pola beira ourensá. E desprazámonos ata Castro Caldelas a percorrer a Ruta do Miradoiro de Matacás. Non puidemos escoller mellor momento para facela, o outono, e comezar a gozar das marabillosas cores desta estación, aínda incipiente, pero que xa se manifestan sobre todo nos viñedos.

Ruta do Miradoiro de Matacás. Castro Caldelas

Aínda que non escribimos crónica, tamén quixemos probar un camiño a Santiago distinto, a Vía Künig, unha variante do Camiño Francés que pasa por Lugo, que percorremos durante cinco días dende Villafranca del Bierzo ata Lugo. A verdade é que a experiencia pagou a pena. Tamén rematamos cando o confinamento nolo permitiu, o Camiño Primitivo que deixáramos arrombado en Melide o ano anterior, pois o retorno ás restricións cos peches perimetrais impediron que saíramos de Compostela para acometer as etapas que restaban.

Ruta de Ferrería de Bois. As Nogais

O outono tamén foi o gran protagonista das últimas rutas realizadas, a Ruta da Ferrería de Bois e a última do ano, a Ruta dos Pazos e Ponte Taboada por Lalín.

Ascenso ao Pico Nevadín desde Omaña

Deixo para o final dúas saídas fóra de Galicia que estiveron espectaculares. Aproveitando a ponte de Todos os Santos e a  ponte da Constitución saímos de Galicia e fomos gozar do Alto Sil no veciño León, e ata Cantabria, a disfrutar da comarca de Liébana durante cinco días, unha saída na que disfrutamos moito a pesar dos medos que levabamos polo tempo. Nas dúas escapadas, optamos por apuntarnos aos servizos que ofrece Víctor, a través da Moa Natureza Sendeirismo, que nos agasallou cunha serie de rutas moi atraintes para estes días. Parabéns polo traballo e desexos de que esta nova andaina dure moito tempo, Víctor!

Liébana. Ruta de Potes a Porcieda

Pois ata aquí chegou o ano, rematámolo reiterando o de sempre: o pracer e o luxo de compartir un ano máis o vídeo, con menos andainas das desexadas, pero no que seguimos deixando moitas imaxes no caixón, e no que pretendemos pór cara aos verdadeiros protagonistas dos roteiros… Vós! Rir, falar, comer, camiñar, amar é o que temos que recuperar, pois diso é do que vai o conto!

Os meus mellores desexos para vós e os vosos e que nos sigamos vendo nos vindeiros anos, o que significará que continuaremos con boa saúde para seguir transitando polos camiños. Agardamos un 2022 máis exitoso e esperanzador que este ano que remata.

Eu agardo poder seguir escribindo sobre os roteiros. Agardo que moita xente descubra o sendeirismo como a marabilla que é. Agardo que me sigades lendo, aínda que escriba menos… Vémonos no 2022! Unha aperta moi forte.

Saúde e Terra!


Vídeo




4 comentarios en “Roteiros Galegos 2021”

  1. Deseixovos cen roteiros máis , (ou douscentos, en fin unha chea deles) sempre en paz e en harmonía, e sempre en forma!!!. E, polo momento, un moi feliz 2022

    Responder
  2. A verdade é que vendo o resumo que fas deste ano pasado con toda esa morea de actividades non parece que fose tan malo¡¡ Vese marabilloso

    Pero levas razón no que dis, o virus este tennos moi limitados. Ogallá o 2022 sexa millor.

    Saúde para todas/os e moitas rutas e natureza ¡

    Responder

Deixa un comentario

*