De Compostela ao Castro de Figueiras
Saímos de Compostela e subimos ao Monte Pedroso pola Finca do Espiño, Monte Pío, San Paio do Monte e Granxa do Xesto. Baixamos polo oeste para visitar o petróglifo de Correxíns, logo achegámonos ata o castro de Figueiras e despois de visitalo baixamos buscando o camiño a Fisterra, que nos trae de volta a Compostela pola beira do río Sarela.
O camiño vai todo por pistas, ainda que temos asfalto, sobre todo pola parroquia de Figueiras.
- Lonxitude: 16 km
- Desnivel: medio
- Dificultade: media baixa
- Track
Comezamos a camiñar…
Como case todas as andainas que facemos polo concello de Compostela, o punto de reunión soemos acordalo no café Tertulia, que nos sirve para ter unha charla animada e planificar o percorrido da xornada en torno a un café. Hoxe tivemos que facelo fóra, na terraza, pois as novas medidas sanitarias impiden que se poida estar no interior das cafeterías. Menudo frío vai! O peche perimetral, xunto cos concellos de Ames e Teo, permite que se animen a vir con nós Marga e Xerardo, e retomemos as andainas de novembro. Ademais, hoxe tamén nos acompaña Begoña, a filla de Elvira e, coma case sempre, imos guiados por Jaime que coñece o concello mellor que a palma da súa man. É unha sorte ir guiados por el pois cada día coñeces algo distinto.
Non son moi dado a relatar a crónica das andainas que fago por Compostela, pola frecuencia con que as fago, pero a miña amiga Rocío espabiloume e animoume a que fixese o relato das mesmas. Que sorte temos en Compostela, pois non hai que botar man do coche case nunca ao termos rutas de andar moi cerca da casa! E esta beira do Sarela para min é das preferidas para comezar a camiñar.
O día está frío e hai risco de xeada nestas primeiras horas da mañá, polo que decidimos non aventurarnos e variar un pouco a nosa subida clásica ao Pedroso polo Sarela. Desta vez acometeremos a subida pola Finca do Espiño e bordear o Monte Pío para gozar das vistas da cidade co sol saíndo por detrás dela. Que marabilla!
Pasamos polo lavadoiro das Casas Novas, un dos moitos testemuños do papel de gran importancia social e económica que cumpriron. As lavandeiras gañaban un xornal lavando roupa no río Sarela, en Santa Isabel ou no Sar. O seu era un traballo moi duro: pois tanto no inverno como no verán había que ir polas casas da cidade a recoller a roupa para logo lavala, deixala clarear, secala, para finalmente devolvela.
Con precaución de non esvarar, dirixímonos ata a sinxela capela de San Paio do Monte, para adentrarnos xa nas abas do Monte Pedroso. O templo é dunha soa nave con cuberta a dúas augas. A súa orixe está relacionada coa visita de San Francisco a Santiago en 1214, que viviu na casa do carboeiro Cotolay nesta zona, e ao que confiou a fundación do convento de San Francisco de Valdedeus. É un templo románico, do s. XII, que se reedificou en 1753. A ábsida románica é de planta rectangular, de altura considerablemente menor que a nave e con sinxelos canzorros na cornixa.
Unha vez nos adentramos no monte, imos subindo pouco a pouco por sendeiro ata a Granxa do Xesto, dende onde acometemos o maior desnivel da xornada que nos levará polo tramo do via crucis que ven dende a cidade ata o cume do Monte Pedroso (461 m). Logo de admirar Compostela dende aquí (unha vista que nunca cansa), desviámonos uns cen metros para achegarnos ata o petróglifo do Pedroso, no que hai dous conxuntos de gravados: un con tres figuras de círculos e outro cunha figura circular concéntrica, pero a luz do momento e o esvaradío da laxe, fai que non o distingamos ben e non paramos moito.
Toca descender ata Correxíns, primeiro ata o miradoiro do Pedroso que hai na aba suroeste, dende temos unha magnífica vista da parroquia de Figueiras e todo o val da Mahía. Continuamos pola pista xeada, pero sen ningunha complicación, que nos leva ata o lugar de Correxíns. Xusto antes de entrar na aldea desviámonos á esquerda e a uns douscentos metros damos co petróglifo de Correxíns. As descricións que levamos sinalan que os gravados ocupan unha rocha plana e pouco destacable do terreo circundante, dstribuíndose dous conxuntos. O primeiro consta de varias figuras de círculos concéntricos, enlazados entre sí por trazos lonxitudinais. O outro ten, tamén, disversas figuras de círculos concéntricos, aillados e en maior cantidade. Como nos pasou co anterior do Pedroso, non adiviñamos moitos gravados. Unha mágoa!
Toca agora camiñar por asfalto ata o Castro de Figueiras. A idea de vir ver o castro xurdiu onte, cando íamos camiño de Piñor e pasamos pola parte baixa do mesmo, inaccesible dende esa cara e case sen distinguirse moito a súa estrutura por estar tan cuberto de vexetación. Picounos a curiosidade de velo pois case non se diría que aí hai un castro.
Parecido é o que nos ocorreu hoxe para chegar ata el. Logo de deixar a estrada, accedemos por unha pista e, grazas a que atopamos a un home facendo toradas dun eucalipto coa motoserra, que nos indicou o camiño a seguir para alcanzar a croa, pois o castro hoxe en día atópase case perdido entre unha xungla de eucaliptos.
O Castro de Figueiras ou Marmancou, no lugar de Codesedas, conserva moi ben a fisonomía castrexa, pero está alteradísimo, primeiro co laboreo agrícola e, abandonado este, coa actual plantación de eucaliptos en toda a súa extensión. Coméntame Jaime que el recorda ver plantado millo e patacas na súa superficie. A súa pranta é circular (35×35 m), e presenta dúas plataformas defendidas por sendos muros de cachote, case íntegros nalgunhas zonas, estando a máis periférica guarnecida ao NE por outra plataforma amurallada. Coincido co Colectivo A Rula, gran divulgador e defensor da arte rupestre da comarca compostelá e da arqueoloxía en xeral, en estarmos convencidos de que unha boa limpeza do castro e o seu mantemento farían del en pouco tempo un elemento identitario e un recurso educativo e turístico de primeira magnitude.
Souben que en decembro pasado o proxecto Compostela Rupestre vai ter moi pronto Plan Director. O documento incluirá un plan específico de documentación e investigación, un plan de protección, conservación preventiva e de mantemento e un plan de divulgación, comunicación e musealización. A ver que sae de todo isto e non queda en mera propaganda…
Logo de dar unha volta case perimetral polo recinto, abandonamos o lugar co ruído de fondo da motoserra. Toca agora camiñar por asfalto durante un bo treito ata Moas de Abaixo, onde tomamos o camiño que vai cara a Fisterra en sentido contrario, ata que chegamos a Sarela de Abaixo, lugar onde os peregrinos teñen a última panorámica da catedral e da cidade, antes de meterse na espesura do monte que acabamos de deixar nós. Toca baixar ata Ponte Sarela, onde abandonamos o camiño a Fisterra e tomamos o paseo do río Sarela ata o Carmen de Abaixo, onde damos por rematada a andaina de hoxe e, de novo no Tertulia, pero desta vez cunhas crevexas ben frescas, falamos do fermosa que foi a xornada!
PS: A maioría das fotos que amosamos son de Xerardo. Moitas grazas!
Que gusto lerte de novo! Os que non podemos saír de Compostela agardamos ansiosos por máis rutas pola zona ?.
Grazas! Algo máis haberá, pois non se pode perder o costume de escribir, ainda que con este tempo… pero seguro que escribo máis. Grazas novamente!