De Compostela ata A Sionlla
Saimos dende a Praza do Obradoiro cara ao norte do concello ata acadar no Meixonfrío o Camiño Inglés que seguiremos practicamente ata Enfesta, cruzando o Polígono do Tambre e fermosas paraxes a partir de aquí. Unha vez pasado o castro de Formarís, viramos á dereita camiño desta aldea. Hai que cruzar a N-550 neste punto para chegar ata A Sionlla de Abaixo, lugar onde se encontra a antiga estación do tren.
Iniciamos o regreso dende este punto e camiñamos un pequeno treito pola antiga vía para continuar ata A Sionlla de Arriba. Dende aquí, accedemos ao perímetro do polígono industrial da Sionlla. Volvemos entrar en zona industrial e o camiño vai entre a autoestrada A-6 e a nova vía do tren de Santiago á Coruña, ata que entramos no núcleo de San Lázaro por Agro dos Mozos, onde seguimos o Camiño ata o Obradoiro.
- Lonxitude: 19,5 km
- Desnivel: baixo
- Dificultade: media, pola distancia
- Track
Comezamos a camiñar…
Nas andainas compostelás teño tres puntos de saída básicos no que acostumo a quedar, na Porta dos Leóns da Alameda, no Parque de Galeras, logo de tomarlle un café no Tertulia e, con menos frecuencia, na Praza do Obradoiro, espazo que, nestes tempos tan estraños que estamos a vivir, non me acostumo a ver esta imaxe tan insólita: a praza valeira de xente.
Hoxe decidimos quedar nesta ágora valeira pois a intención é chegar ata a vella estación do tren da Sionlla percorrendo os últimos quilómetros do Camiño Inglés dentro do termo municipal compostelán. Evidentemente, non imos seguilo na súa totalidade pois houbo uns cambios relativamente recentes no seu trazado e preferimos sair da cidade a través dos parques que circundan Compostela.
Ás nove da mañá abandonamos o Obradoiro pola rúa de San Francisco e a Avenida de Xoán XXIII, avenida aberta a finais dos anos cincuenta para mellorar o acceso dos visitantes, cada vez máis numerosos, á catedral. A reordenación deste espazo nos anos noventa foi moi controvertida (en tempos, un compañeiro describiuna como Astano en Compostela, en referencia á ciclópea marquesiña que se estaba instalando), aínda que hoxe en día xa está plenamente integrada na paisaxe mental que os habitantes temos da cidade.
En nada poñémonos na Praza da Paz e, tras atravesala, pasamos fronte á igrexa de San Caetano, cuxa fachada principal con espadana se ergue fronte á rúa do mesmo nome. Esta rúa arborada de curta traxectoria desemboca na Praza de España, que cruzamos camiño do parque de Salgueiriños, ata chegar ao Meixonfrío. Neste barrio retomamos o Camiño Inglés na rúa do Tambre, que discorre nun ambiente rural, no que as vivendas illadas se alternan aos terreos de labranza. O trazado continúa pola rúa das Mulas, pasando fronte ao tanatorio e cemiterio de Boisaca. A ruta xacobea pasa a discorrer por un ámbito urbano industrial, de amplas rúas pavimentadas. Como en todas as entradas dos camiños a Compostela, esta está practicamente reformada, mellorando moito o impacto que supón o paso polo Polígono do Tambre.
O trazado avanza pola Vía de Galileo e deixamos as naves do polígono industrial do Tambre entre a zona arborada de eucaliptais por unha pista de concentración parcelaria. Por fin! Logo dun pequeno treito no que imos vendo a parte posterior das naves, a partir de aquí a cousa cambia e podemos considerar que xa estamos plenamente nun ambiente de natureza. Durante uns metros baixo un arboredo espeso que dá paso ao agro do Barral. Camiñar en dirección contraria polo Camiño non é nada doado e temos que ir moi atentos nos poucos cruces que nos atopamos.
A pista adéntrase nun camiño que descende cara ao rego Salgueiro e intérnase nunha carballeira, anunciada como o Bosque Encantado, que discorre de xeito practicamente paralela á estrada N-550 pola parte traseira das instalacións do Hotel-Restaurante Castro. Unha vez deixamos atrás o complexo hoteleiro chegamos a unha nave que temos que bordear. O camiño bordea a parte baixa da defensa do castro de Formarís, situado nun outeiro e que consta dun único recinto oval defendido por este terraplén cuberto practicamente de maleza o que impide ter unha boa visión do mesmo.
Segundo a ficha do PXOM do concello de Santiago do 2007, as súas medidas oscilan entre os 75 e 125 m. na súa croa. Unha canteira industrial afectouno directamente na súa cara sudoeste, ademais de ser utilizado como extracción tradicional de pedra na súa croa. Atopouse cerámica, muíños de man e fragmentos de bronce amorfo. Na actualidade encóntrase inzado de toxo e é moi difícil andar por el ou chegar á croa.
Toca abandoar o Camiño antes de descender cara ao complexo escolar de Sionlla, e facémolo cara á dereita. O castro está sobre un túnel da vella vía da liña ferroviaria Santiago-A Coruña. Situado nun outeiro a unha altitude 364 m. En tempos, os que viaxabamos pola N-550 á altura de Enfesta víamos sobre un outeiro un dos famosos touros de Osborne, que foi retirado hai bastantes anos. Non sei se estaba asentado no mesmo castro ou moi preto del, pero a pista que nos leva ata Formarís recordoume o lugar onde estaba chantado.
Hai que cruzar a N-550 e hai que facelo con moita atención e coidado, pois a zona non ten boa visibilidade e a circulación é bastante rápida neste punto. Xa na Sionlla de Abaixo, divísase ao final da estrada, a vella estación de ferrocarril. A pesar de encontrarse abandonada, a súa monumentalidade contrasta coa función que debeu desempeñar cando estivo operativa, pois non debía haber moito viaxeiro nela. A medida que nos imos achegando, chama a atención a arquitectura do edificio, que non ten nada que ver coa do entorno, pois, a pesar do seu estado de abandono, semella que estamos nunha estación do País Vasco. Na fachada principal destacan dúas voluminosas chemineas que enmarcan unha gran balconada no primeiro piso e as fiestras do segundo.
No ano 2018, a área técnica da Xerencia de Patrimonio Histórico e Turismo Ferroviario da FFE, redactou dous proxectos construtivos, recuperando como Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, de 36,85 km, que constituen a totalidade do percorrido entre a estación da Sionlla e as proximidades da estación de Cerceda. O primeiro proxecto redactado discorre integramente no termo municipal de Santiago de Compostela e hai poucos días publicouse a nova do comezo das obras para a primavera, pero non me quedou claro que incluise esta parte do proxecto.
Damos un pequeno rodeo para acceder á caixa da vía do tren pois a lama e a cantidade de auga acumulada impide que o fagamos polo camiño, que nestes momentos está practicamente intransitable. A parte frontal da vella estación, a fachada que daba ás vías, hoxe suprimidas e o seu espazo invadido pola vexetación, mostra un pórtico cuberto para protexer aos viaxeiros das inclemencias do tempo. Sobre este, semella que houbo unha solaina, hoxe completamente tapiada e, no piso superior, unha galería coa estrutura bastante danada.
Agardo que esta imaxe mude pronto e se converta nun espazo idóneo para camiñar por el ou para percorrer en bicicleta. Continuamos camiño, xa de regreso, e non podemos facelo polo trazado da vía como pretendiamos. Para chegar ata a Sionlla de Arriba tivemos que abeirar un prado bastante encharcado que nos deixa na estrada, da que percorremos un cincocentos metros ata a aldea. Un pequeno túnel baixo a vella vía do tren transpórtanos de novo a unha paisaxe de carballeiras espectacular. Imos ao bordo da vía, pois por ela é imposible camiñar, ata que desembocamos na autoestrada que debería dar acceso ao polígono industrial da Sionlla, unha obra onde se evidencia o desleixo dos gobernantes, pois deixárona sen conexión coa A-6, que queda a menos de cen metros, quedando a zona industrial moi mal comunicada co exterior.
Seguimos xa por pista á beira da A-6 pola esquerda e pronto nos vemos limitados pola nova vía ferroviaria pola dereita. Volvemos a ralentizar a marcha pois o camiño está impracticable debido ás últimas chuvias. A pesar de ir entre dúas grandes vías de comunicación, na maior parte do traxecto non semella que esteamos tan cerca da cidade, pois seguimos gozando da frondosidade do entorno.
Pasamos á beira do río Sar, case no seu nacemento, e cruzamos por Agro do Mozos para acadar San Lázaro, lugar onde nos incorporamos ao Camiño de Santiago para chegar ata o noso punto de partida. Xa na zona monumental, despois de baixar pola rúa de San Pedro e entrar nela pola Porta do Camiño, chegamos á praza de Cervantes e continuamos pola rúa da Acibechería para despois atravesar a Praza da Inmaculada, entre o Mosteiro de San Martiño Pinario e a Catedral, e chegarmos a unha Praza do Obradoiro onde damos por rematada a andaina.
A praza, e a cidade, sen peregrinos en pleno ano santo… Ao final vai ser verdade que este ano santo vai pasar á historia!