Monte Tahume
Imos percorrer no concello de Porto do Son unha pequena ruta de sendeirismo polo monte Tahume, que atesoura un miradoiro que permite contemplar boa parte da costa galega, a pesar de que apenas conta cunha altura de 242 metros. Para min, un dos mellores miradoiros de Galicia.
A ruta comezámola na pista deportiva que hai á beira de Casa de Cultura de Novas, e durante dous quilómetros vai intercambiando pistas de terra con pistas asfaltadas, ata que chegamos a un cruce que nos levará ao desvío cara o monte Tahume. O ascenso, por asfalto, facémolo cunha forte pendente, pero recompensaranos o esforzo coas vistas desde o cume do monte. Cara ao sur veremos parte da ría de Arousa e co día claro as illas de Sálvora, Ons e Cíes. Máis cara ao suroeste teremos una magnífica vista das Dunas de Corrubedo e a lagoa, a vista continuará cara o faro de Corrubedo e as praias de Balieiros, Espiñeirido, Basoñas, As Furnas e Río Sieira. Cara ao interior distínguese o monte Graiade, Os Forcados, o segundo máis alto do Barbanza e a Curota.
Descendemos pasando pola capela de san Bieito de Seráns, camiño da costa; chegados a ela, unha boa parte do percorrido farémola por unha pasarela de madeira entre as dunas. Percorrida a pasarela cambiaremos o rumbo e dirixirémonos por pistas de terra ata o final da ruta, na pista deportiva.
- Lonxitude: 9,5 km
- Desnivel: medio
- Dificultade: media baixa
- Track Monte Tahume
Comezamos a camiñar…
Logo deste comezo de ano tan atípico con límites perimetrais, podendo realizar só rutas polo concello onde se vive, por fin retomamos pouco a pouco o pulso ás andainas “extramuros” e, como había moita gaña de ir ver o mar, que mellor opción que esta para facelo. Non buscabamos unha ruta moi esixente, ainda que temos que coller forma como sexa, pero si que poideramos gozar da paisaxe, marítima sobre todo, procurando que houbera pouca afluencia de xente, e coido que acertamos.
Hoxe uniuse ao grupo María, que levaba unha chea de tempo sen camiñar e quixo vir probar con nós o seu estado de forma. Unha alegría comprobar que se atopou estupendamente e saber que volverá pouco a pouco a andar polos camiños na nosa compaña. Benvida!
O Tahume pode acometerse dende varios puntos da xeografía barbanzá, pero especialmente interesante é a descrita no blog Gata con Botas, que propón punha ruta circular partindo dende Corrubedo. Nós non imos facer tanto percorrido e ímonos cinguir á ruta desdeñada polo concello de Porto do Son, a R12 Ruta do Monte Tahume.
Logo de deixar o coche diante da casa de cultura de Novás, comezamos a ruta á beira da pista deportiva; nos primeros tramos as pistas de terra están intransitables pola abundancia de auga caída estes días pasados, pero pronto irán desaparecendo para dar paso ás pistas asfaltadas. Boa parte do camiño neste primeiro tramo vai ser por pista. O entorno non é moi variable, moito pino e moito eucalipto vanos acompañar en todo momento.
Comeza o camiño cara o Monte Tahume, para o que hai que cruzar a estrada, a DP 7103. Subimos ao pico, sempre por asfalto, onde as vistas que nos agardan son inmellorables. A estrada chega ata a cima, polo que o lugar é plenamente accesible para todos os públicos. Tamén para os amantes do ciclismo, que atoparán nesta subida un quilómetro e medio de puro sufrimento pracenteiro para as súas pernas, tal como me comenta Xerardo. Un par deles cruzáronse con nós e o esforzo notábase ben nas súas facianas.
Despois de varios zigzagueos con curvas bastante pechadas, chegamos á parte alta, onde está instalada unha enorme antena da estación remota de salvamento marítimo, e onde están ubicados un par de paneis fotográficos que nos ilustran sobre o que estamos a ver. Pero nós subimos un pouco máis, ata acadarmos o punto xeodésico do cume, comandado por unha cruz de ferro. Non queda outra que descansar e admirar a paisaxe durante un bo tempo. Non sabes para onde mirar! A pesar de termos un día espléndido para camiñar, a visibilidade non é moi limpa, pero aínda así podemos gozar das vistas.
Cara ao oeste, a inmensidade do Atlántico. Debaixo, toda a península de Corrubedo, coas súas marabillosas dunas, a súa praia, o seu faro case aos nosos pés… e aos nosos pés temos un monte queimado coma un mundo! Un incendio do ano pasado afectou a case toda a ladeira do monte e aínda podemos apreciar perfectamente a desfeita que provocou. Ao norte, a ría de Muros e Noia, Monte Louro, o monte Pindo e o cabo Fisterra. Cara ao leste, a inmensa serra do Barbanza rematando na Curota, cos seus maxestuosos 618 metros. E cara ao sur, as marabillosas illas atlánticas (só acertamos a ver a de Sálvora), a costa arousá, a do Salnés e, mesmo, en días claros, disque se pode divisar a de Baiona.
Toca descender cara ao mar. Logo de baixar a empinada estrada zigzagueante por onde subimos, tomamos o desvío que nos leva á cercana Capela de San Bieito de Seráns. Capela de nave única, na que destaca o frontón lobulado situado no muro lateral da sancristía. Na fonte que hai ao pé da igrexa (coido que é o único punto da ruta onde podemos refrescarnos), un home afánase en encher un montón de botellas, non sei se porque é auga milagreira ou porque realmente é auga fresca e rica. Está tan ocupado na faena que non o interrumpo, nin agardo a que remate para poder probala, e continúo camiño.
Volvemos cruzar a estrada e baixamos cara o mar. Estamos na parte baixa do percorrido e a mañá regálanos uns campos case primaverais, coas beiras dos camiños cheas de flor. Sen dúbida estamos a percorrer outro dos puntos fortes da ruta. Chegamos ata a praia de Espiñeirido e imos por carreiros e pasarelas de madeira paralelos á liña da costa máis virxe de Porto do Son, cuxa flora e fauna fana obxecto de inclusión na Rede Natura 2000, que lle outorga un grao máximo de protección.
O estado do mar está tan fermoso que nos atrae, e non temos máis remedio que achegarnos a el na Punta Rego de Xoaniña para admiralo e facernos unhas cantas fotos con el de fondo. O tempo estase indo sen decatarnos, non hai présa.
Continuamos un bo treito pola pasarela de madeira ata que remata e viramos cara ao interior por pistas de terra, abandonando a costa, na procura da Casa de Cultura, lugar onde pecharemos o círculo e remataremos o percorrido. Un par de repeitos déixannos ao pé da pista polideportiva e a calor xa a notamos polo que a cervexa comeza a estar na mente de todos nós. Mudámonos rápido e imos ata Porto do Son a tomar a desexada cervexa. Un regalo de día!
Precioso recuerdo de uno de esos días imborrables, como tu sueles decir. Muy bien narrado y con la precisión de todas las localizaciones??????La incorporación de María aumentó la alegria que la naturaleza produce en estas andainas