Senda do río Lérez

Senda do río Lérez

Desprazámonos ata Pontevedra para percorrer unha ruta fluvial que discorre polas marxes do Río Lérez, podendo gozar de bosques autóctonos, pasarelas, presas, pontes, vellos muíños de auga, unha praia fluvial, as ruínas dun antigo balneario e a Illa das Esculturas.

O Río Lérez nace a 62 km da cidade de Pontevedra, na Serra do Candán, e conta con cinco afluentes: Salgueiro, Cabaleiros, Grande, Ou Castro e Almofrei, atravesando os concellos de Forcarei, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade e, finalmente, desembocando ao mar no de Pontevedra.

A senda está moi ben sinalizada en todo o seu percorrido e, como está moi próxima ao centro urbano de Pontevedra, é moi usada para práctica do deporte ou simplemente para dar un paseo. Aínda así, ten un gran valor natural, pois o entorno está catalogado como “Lugar de Importancia Comunitaria” e “Zona de Protección Especial dos Valores Naturais”.

O percorrido pódese realizar de xeito lineal ou circular, como fixemos nós, pois no primeiro tramo discorre pola marxe dereita do Río Lérez ata a segunda presa, a Presa de Bora, onde toca dar media volta para regresar polo mesmo itinerario, ata que chegamos de novo á ponte metálica que está xunto á Estación de Bombeo de augas, que cruzamos para regresar pola outra beira, se non se quere repetir todo o percorrido de regreso.

  • Lonxitude: 13,35 km
  • Desnivel: baixo
  • Dificultade: baixa
  • Track

Comezamos a camiñar…

Co inicio da semana santa, as novas  limitacións impostas polas autoridades sanitarias impiden que nos despracemos as persoas non convivintes no mesmo vehículo particular, polo que os plans que tiñamos argallados para camiñar esta fin de semana e para a próxima hai que aparcalos para mellor momento. Como solución de urxencia, decidimos usar o transporte público para poder viaxar o pequeno grupo fóra de Compostela, e nada mellor que coller o tren e desprazarnos ata a cidade de Pontevedra en pouco máis de media hora.

Senda do río Lérez

A idea é percorrer o último tramo do río Lérez dende a Ponte dos Tirantes, punto de partida desta ruta, e ir río arriba ata a Presa de Bora. Como está moi próxima ao casco urbano de Pontevedra, nos primeiros quilómetros coincidimos con bastante xente que a usa para a práctica deportiva ou simplemente para darse un paseo. Que marabilla ver tanta actividade!

Senda do río Lérez
Foto de Xerardo

Logo de sair da estación do tren e tomarnos un café, achegámonos ata a Ponte dos Tirantes, onde está establecido o inicio da senda. Camiñamos pegados ao río que está condicionado pola marea baixa neste momento. Aínda así vemos xente adestrando distintas modalidades de remo, antes de chegar á ponte peonil que está a 400 metros da Ponte dos Tirantes.

Senda do río Lérez

A ponte peonil, moi rechamante, é a que enlaza coa Illa das Esculturas, que é por onde regresaremos ao rematar a ruta. Desde aquí seguimos a Senda Fluvial do Lérez pola marxe dereita do río en todo o momento ata a segunda presa, Presa de Bora que está a uns 6 km.

Senda do río Lérez

Chegamos á Praia Fluvial do Lérez, para o que hai que baixar cara a ela e continuar xunto ao río. Seguidamente, tras pasar por baixo da vella ponte do tren xira á dereita e, tras un pequeno ascenso, acadamos a beirarrúa da Avenida de Buenos Aires. Levamos un bo anaco vendo o Mosteiro de San Benitiño de Lérez, pero dende aquí é dende onde o temos máis próximo.

Senda do río Lérez

Uns poucos metros máis adiante hai un panel informativo da Senda do Lérez e tomamos o desvío á esquerda, que nos introduce en zona de bosque a través de pasarelas recén restauradas. En todo momento a senda continúa próxima ao Lérez pola súa marxe dereita. O río baixa fermosísimo, cun verde esmeralda impresionante en todo o seu traxecto. Non puidemos escoller mellor día para facer a ruta.

Senda do río Lérez

A uns 400 metros do panel, hai unha intersección non correctamente sinalizada, pero non hai dúbida, hai que continuar pola esquerda, sempre pegados ao río. A medida que avanzamos o número de camiñantes vai descendendo e adiántanos algunha que outra bicicleta. Despois deste primeiro tramo de carácter máis urbano, a paisaxe faise máis auténtica. Abundan as típicas árbores do bosque de ribeira e tamén pequenos carreiros da antiga ruta de pescadores que se internan nos chamados salóns do Lérez. Os salóns son zonas onde o río está en calma e á súa vez nas súas marxes aparecen espazos chairos onde abunda a vexetación de ribeira; trátase ademais de zonas indicadas para o recreo, paseo e goce da natureza como a Fervenza da Fillagosa.

Senda do río Lérez

Ao pouco chegamos ao antigo Balneario, do que só queda unha pequena edificación abandonada. Construído polo emigrante pontevedrés Casimiro Gómez cando decidiu regresar de Arxentina cunha gran fortuna, tratando de mellorar en todo o posible a súa cidade natal con diferentes proxectos, dos cales o máis ambicioso sería o Balnerario e Aguas Lérez. Inaugurouse no verán de 1906 e, ademais o Balneario, contou tamén cun centro de saúde e lecer que o converteu nun punto de encontro dos pontevedreses e de importantes políticos da época como Monteros Ríos ou Cobián Roffignac. O Balneario, conforme foi quedando pequeno foise ampliando gradualmente cunha serie de pavillóns que se dotaron da máis moderna maquinaria para poder explotar mellor a auga. Ademais do usar a auga para o Balneario, Casimiro Gómez decidiu probar fortuna coa venda de auga embotellada que, grazas a unha intelixente campaña publicitaria, as Aguas Lérez empézanse a coñecer en Europa e América sendo Arxentina o seu principal mercado. A pesar do gran éxito que tivo durante as dúas primeiras décadas do século XX, tanto o Balneario como Aguas Lérez comezan a perder clientes debido á competencia doutros balnearios polo que aos poucos foi perdendo importancia ata caer no esquecemento.

Senda do río Lérez

Tras os restos do balneario hai unha ponte metálica, que cruzamos ata a metade para ver dende ela a fermosura do río e da vexetación que o rodea pois a primavera comeza a facerse notar. Se decidimos cruzar a pasarela de ferro ata a outra beira poderemos ir visitar o Mosteiro de San Benitiño de Lérez, un antigo mosteiro bieito con elementos barrocos e neoclásicos do que se teñen noticias desde finais do século IX, a pesar de que non se coñece a data exacta da súa creación. A mediados do século XVII creouse nel o Colexio de Artes e Filosofía, onde estudaron persoeiros importantes como Pai Feijoo e Frei Martín Sarmiento. Entrou en decadencia no século XIX, cando os monxes abandonaron o mosteiro obrigados polas leis desamortizadoras, perdéndose material tan importante como o que había na biblioteca, o arquivo, obxectos litúrxicos, mobles, etc.

Senda do río Lérez
Foto de Xerardo

Continuamos de fronte ata a Presa de Bora e detémonos un bo rato na presa de salmónidos que está pouco antes da seguinte ponte metálica e a estación de bombeo de augas. Esta vai ser a ponte que usaremos no regreso para írmonos pola outra beira do río, pero agora continuamos de fronte ata a Presa de Bora, pasando xunto ás ruínas de antigos muíños de río.

Senda do río Lérez

Na Presa de Bora finaliza o tramo da Senda do Lérez. Saimos do camiño e descendemos ata o río para facer un pequeno descanso e tomar unha froita e repoñer forzas, ante a atenta mirada dun corvo mariño, mentres o Jaime aproveita para meter os pés nas súas augas; o home non vai moi ben pois dóelle unha perna polo que busca o alivio na frescura da auga. Xunto á presa hai unha edificación e poucos metros máis adiante está o panel informativo desta ruta, que nos indica o final da mesma.

Senda do río Lérez

Hai quen decide continuar e bordea a presa para coller a outra beira do río máis adiante. Hai que pasar o panel informativo e ir pola estrada de Ourense ata a ponte romana, onde se cruza o río e iníciase o descenso por un camiño de pescadores. Teño entendido que este tramo pode ser un pouco perigoso.

Senda do río Lérez

Nós decidimos dar media volta na presa e regresar polo mesmo camiño, pois o tempo vénsenos enriba e queremos chegar a Pontevedra e dar un paseo pola cidade, antes de coller o tren de regreso. Se non se quere regresar ao punto de partida repetindo o mesmo camiño, pódese atravesar o río por unha das súas pontes metálicas que pasamos no camiño de ida. Escollimos a primeira que hai regresando, a da estación de bombeo, pois tiñamos gañas de toparnos cunha pouca de dificultade.

Senda do río Lérez

Tras cruzar a ponte, viramos á dereita para baixar á beira do río, e acometemos un pequeno tramo no que o camiño está en mal estado. Non é un paso técnico, pero poida que a algunhas persoas lles pareza perigoso e, por iso, igual é máis aconsellable cruzar o río na seguinte ponte do Balneario que é onde enlaza esta senda.

Senda do río Lérez

Dende a ponte do Balneario, o camiño convértese nunha senda que nalgún pequeno tramo pode ter algo de dificultade, pero moi levadeira. Continuamos cara a Pontevedra pola marxe esquerda do río. Este tramo de senda está ben pisado e sinalizado ata a Illa das Esculturas.

Senda do río Lérez

A perna de Jaime necesita un descanso e facémolo na Illa das Esculturas, practicamente coa ruta rematada, pois so queda cruzar o Río Lérez pola ponte peonil para concluír no mesmo punto de partida.

E agora a gozar da cidade durante unhas horas… sen dúbida, unha moi boa elección para pasar o día.

2 comentarios sobre “Senda do río Lérez”

  1. Xaquín Soliño

    Moi boas. O roteiro pódese facer circular sen ter que dar volta até a ponte de ferro. Pasada a presa de Bora,a poucos metros vai un pequeno camiño que nos leva a carón do río por unhas veigas privadas polas que se pode pasar (cuidar de deixar os pasos pechados). Despois hai que facer un pequeno anaco por asfalto e coller a desviación que vai cara a ITV e continuar pola estrada. Pasando a ponte vai un pequeno camiño que baixa cara o río para seguir o camiño de pescadores. É un treito verdadeiramente fermoso, máis aínda se nos desviamos cinco minutos para gozar do río Couso.
    Noraboa pola páxina, é de moita utilidade

    1. Ola Xaquín. Grazas pola suxestión pois descoñeciamos o paso polas fincas, pero seguro que a volveremos facer como nos aconsellas. A verdade é que é unha ruta moi fermosa para todo tipo de idades e a un paso da cidade pero, como sendeiristas, gustounos para camiñar moito máis a outra beira do río.
      Alédanos moito que che guste a páxina. Moitas grazas e unha aperta.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio