Camiño dos Faros. De Niñóns ao Roncudo
Facemos hoxe a nosa segunda etapa do Camiño dos Faros comezando na igrexa de San Xoán de Niñóns*. Baixando pouco máis dun quilómetro pola estrada chegamos á praia. O camiño vai case todo o tempo pegado á costa ata chegar ao pequeno porto de Santa Mariña de Brantuas. Ao pouco acadamos o cumio de monte Meán o que nos permite ter unhas vistas moi fermosas da enseada da Barda. Un tramo de forte descenso déixanos xa moi preto das praias de Area Grande e Area Pequena.
Aquí comeza un treito do camiño bastante duro pero abraiante pola súa beleza e o ambiente que o rodea, o cal nos leva ata a aldea do Roncudo, fermoso lugar con bastantes mostras de arquitectura tradicional. Un tramo en descenso con moi forte desnivel lévanos xa ás proximidades do faro de Roncudo, onde remata a etapa de hoxe.
O percorrido desta etapa dos faros, sen chegar a ter una dificultade alta, sube e baixa continuamente, o que fai que as nosas pernas se cansen. Transcorre case todo momento por sendeiro estreito, e esixente e, nalgún tramo podemos atopar algo de vexetación alta. Pero todo isto compénsase en moitos puntos cunha beleza abraiante!
*Debido ao incendio forestal que afectou á parroquia de Niñóns este verán, os 5 primeiros quilómetros do traxecto previsto víronse gravemente perxudicados, decidíndose modificar o traxecto de xeito que os primeiros 4 quilómetros serán por asfalto (non se atoparon outras opcións). Deste xeito pasaremos polos lugares de Niñóns e Brantuas, indo sempre por estradas moi secundarias con moi escaso tráfico e onde teremos ocasión de observar diferentes elementos da arquitectura tradicional nun entorno eminentemente rural. Chegaremos ata o monte Faro, onde poderemos ver unhas fermosas panorámicas da contorna e a capela da virxe. De aquí iremos ata Guxín (lugar situado a 3 km) onde xa poderemos enlazar co itinerario previsto inicialmente, na enseada da Barda.
Estas modificacións suavizan levemente a dificultade da ruta inicialmente prevista así como a lonxitude.
MIDE:
- Lonxitude da ruta: 14 km aprox.
- Desnivel: medio (subidas e baixadas)
- Dificultade: media-alta
- Horario: 4.45 h.
- Desnivel de subida: 589 m
- Desnivel de baixada: 583 m
- MIDE / Severidade do medio natural: 3
- Orientación no itinerario: 2
- Dificultade no desprazamento: 3
- Cantidade de esforzo necesario: 3
- Tipo de percorrido: Travesía
Comezamos a camiñar…
Logo de tomar o café en Pazos, o bus achegounos ata a igrexa de San Xoán, en Niñóns onde, logo de dar unha volta polo seu adro e admirar o cruceiro, demos por comezada a ruta. Como diciamos máis ariba, por mor do incendio forestal que afectou á parroquia de Niñóns este verán, houbo que modificar o traxecto e prescindir dos cinco primeiros quilómetros previstos pola costa, pois víronse gravemente perxudicados, o que aconsellaba non camiñar por eles.
Deste xeito, os primeiros catro quilómetros de hoxe foron por asfalto, o que permitiu que pasásemos polos lugares de Niñóns e Brantuas, indo sempre por estradas con moi escaso tráfico, pero nos que tivemos ocasión de observar diferentes elementos da arquitectura tradicional nun entorno eminentemente rural. Ás veces, non está nada mal dar unha volta para coñecer estes lugares, que tamén teñen o seu encanto, como pasar pola igrexa de Brantuas, co seu adro perimetrado por un muro coroado de cruces, das que vimos unha na fachada dunha casa, ou admirar o seu fermoso cruceiro.
Case sen decatarnos, despois dunha pequena subida, chegamos ao monte Faro, onde gozamos dunhas fermosas panorámicas da contorna, sobre todo da ría de Corme e Laxe, e a capela da virxe do Faro.
Aquí tamén se atopa a torre/miradoiro do Faro, un monumento relixioso ao Sagrado Corazón de máis de 30 metros de altura, promovido por un emigrante natural de Brantuas (como van cambiando os tempos: a principios do s. XX, os emigrantes costeaban escolas, logo pasaron a facelo con capelas e construcións deste tipo e xa recentemente a pagar as festas do lugar… canto temos que aprender dos devanceiros!). O lugar é máis que peculiar, eu diría que único en toda a xeografía galega. Pódese subir por unhas eternas e estreitas escaleiras de caracol, tendo desde arriba unhas excelentes vistas pero, temas de seguridade, non aconsello subir a el.
A opción de percorrer o interior das parroquias fai que a etapa de hoxe non sexa tan esixente como inicialmente estaba previsto, pero coido que paga a pena coñecer estas aldeas e o miradoiro, dominando o entorno e a bocana da ría de Corme e Laxe.
Dende o miradoiro imos ata Guxín, lugar situado a uns tres km, onde xa podemos enlazar co itinerario previsto inicialmente, na enseada da Barda. Descendemos ata a Barda para introducirnos xa na senda dos Faros, voltando a camiñar pegados á costa de cantís nun tramo espectacular que percorremos con subidas e baixadas, nalgún momento de certo vértixe, mentres contemplamos como o mar, algo máis tranquilo que o sábado pasado pero igual de espectacular, bate nesta enseada, apreciando en primeiro termo todo o Monte Meán queimado á nosa dereita, cunha paisaxe descorazonadora alí onde chegou o lume, vendo tamén como algún pequeno grupo de camiñantes descende polo sendeiro chamuscado. Eu creo que fixemos moi ben en seguir as recomendacións da asociación Camiño dos Faros. Medo me dá pensar como vai quedar a enseada cando comecen as chuvias, arrastrando toda a terra queimada ao mar.
A medida que avanzamos, nun segundo plano, vai aparecendo Punta Nariga e o seu fermoso faro. Natureza en estado puro! Aínda así, temos que ir con todos os sentidiños, xa que iniciamos o ascenso e logo baixada, pois é o que ten esta costa do Roncudo. Este vai ser o perfil da ruta de hoxe, un sube e baixa constante, co mar rompendo aló embaixo. Nalgún punto o ambiente é sobrecolledor, que marabilla!
Lembro que a primeira vez que fixen esta etapa decidimos descansar un pouco antes da Punta do Castro, aproveitando a pequena sombra duns penedos á beira do camiño, pero hoxe non nos detemos aquí, imos moi cedo e non faremos a parada para xantar ata chegar á aldea do Roncudo.
O día acompaña en todo momento, e non fai tanta calor como o sábado pasado. Ademáis, no Roncudo a veciñanza ten a disposición dos camiñantes dos Faros auga da traída para que repoñamos, se fose necesaria (da outra vez tamén bebín moito, case tres litros de auga).
Tamén lembro que antes de comezar a subida á aldea xa comezamos a ver como polo sur entraba a borraxeira que ía ir cubrindo toda a costa e que nos ía estropear as vistas do último tramo da andaina. Afortunadamente, hoxe o ceo está despexado e imos ter moita sorte cando iniciemos o descenso para achegarnos á costa de novo e camiñar sobre os cantís.
Reemprendemos a andaina, primeiro por pistas que desembocan pouco a pouco na senda que leva á baixada cara ao faro, unha baixada moi empinada que hai que facer nalgún punto con moito coidado. Superado isto, a sensación de ir sobre grandes cantís é abraiante e máis aínda cando ves por primeira vez o faro do Roncudo ao lonxe.
Facemos unha pequena parada antes de acometer o tramo final. Ensimismado con este mar azul batendo nas rochas, vexo pasar unha gaivota que me lembra o comentario de Víctor sobre o descenso da poboación destas aves mariñas. O dato que nos deu é moi significativo: o Ceida de Santa Cruz, en Oleiros, censou máis de 2600 parellas no Golfo Ártabro, a inmensa maioría en Malpica, onde nos noventa había 13000… e o mesmo está a pasar no Parque Nacional das Illas Atlánticas. Acostumados a velas cada vez máis en ambientes urbanos, é un feirto que a súa poboación está descendendo a niveis que, de seguir así, converteránse en aves en perigo de extinción.
Reanudamos a marcha e, en nada, poñémonos na explanada que hai diante do faro. Testemuñas de naufraxios e perdas de percebeiros é o que nos lembran as cruces espetadas nas rochas na súa honra, unha imaxe icónica desta costa que non paro de fotografar.
Coma sempre, o final da xornada hai que comentala en torno a unhas cervexas, e que mellor que facelo en Corme, vila onde comezaremos a seguinte etapa desta fermosa travesía. Outro día para reter na retina e lembrar!