Camiño dos Faros. De Malpica a Niñóns

18-09-2021
Camiño dos Faros. De Malpica a Niñóns
Praia e aldea de Barizo

Imos camiñar a primeira etapa do Camiño dos Faros, unha senda que une a localidade de Malpica co faro de Fisterra e que vai case todo o percorrido pegada ao mar. A etapa comeza en Malpica e remata en Niñóns. É un percorrido moi fermoso cunha paisaxe espectacular. Sae da vila cara a praia de Seaia, rodea o cabo Santo Hadrián, coas illas Sisargas xusto enfronte, pasa polas praias de Beo, Seiruga, Barizo. Rodea todo o monte Nariga, ata chegar ao seu faro e de aí por un camiño impresionante chega á praia de Niñóns.

A dificultade da ruta podémola encadrar como media alta, pola lonxitude e por algunhas zonas con chanzos rochosos de máis ou menos altura e que poden ser incómodos e esvaradíos. Hai tramos que, aínda que son curtos, parecen máis propios dunha ruta de montaña que de sendeirismo. Tamén hai tramos moi curtos do percorrido que poden dar un pouco de vertixe.

Quen non queira facer o percorrido enteiro, e evitar o tramo máis dificultoso (de Barizo a Niñóns), ten a opción de ir camiñando desde o porto de Barizo ata Mens (por estradas secundarias). Deste xeito a dificultade redúcese considerablemente. En Mens, pode ser interesante botar un ollo á súa igrexa de Santiago e ás Torres de Mens (B.I.C), que aínda que non se poden visitar non deixa de ser interesante velas.

MIDE:

  • Lonxitude: 23 km
  • Dificultade: Media Alta
  • MIDE / Horario: 7.15 h.
  • MIDE / Desnivel de subida: 735 m
  • MIDE / Desnivel de baixada: 745 m
  • MIDE / Severidade do medio natural: 3
  • MIDE / Orientación no itinerario: 2
  • MIDE / Dificultade no desprazamento: 3
  • MIDE / Cantidade de esforzo necesario: 4
  • MIDE / Tipo de percorrido: Travesía

Comezamos a camiñar…

Despois deste paréntese na publicación de entradas, comezamos pouco a pouco a retomar a escrita das andainas polo país. Este curso académico, a Fundación USC programou, coido que acertadamente, percorrer de novo o Camiño dos Faros, senda que iniciáramos aló polo 2014 cando aínda non era moi coñecido. Teño unha sensación pracenteira ao revisitar esta ruta. O pracer de revisitar é como o de reler (o meu amigo Marcial aínda me comentaba hai pouco a súa relectura de Rayuela e coido que isto seméllase un pouco a esa sensación), volver a empezar descubrindo o que antes non se vira ou non se reparara nel. Coido que a memoria permítenos sermos conscientes e gozar do contraste dos recordos co momento que vivimos. E neste caso dáse completamente.

Camiño dos Faros. De Malpica a Niñóns
Porto de Malpica, de gran tradición mariñeira e un dos grandes portos do cerco de Galicia

A chegada a Malpica, o pequeno paseo polo porto, o café no bar da Casa do Pescador, a caracola na panadería… e a camiñar, que temos por diante unha xornada moi completa. Reunímonos en torno á balea que recorda a pegada que deixou Urbano Lugrís nesta Casa do Pescador e, sen máis preámbulos, comezamos a andar pola arteria da vila e, no camiño cara ao Caldeirón, para enfiar a praia de Area Maior, damos co monumental mural de Yoseba, o pintor das superavoas que locen por medianeiras de Santiago e moitas vilas de Galicia.

Camiño dos Faros. De Malpica a Niñóns
Mural de Yoseba

A Yoseba encargáronlle recentemente que pintara un barco para lembrar a fuxida por mar dos tres barcos malpicáns que chegaron a Francia con sesenta e tres veciños por mor do golpe militar de 1936. Inspirouse no barco Novo Castelao, que loce na proa a caricatura de Castelao. Comezaron as críticas polo nome do barco e o alcalde pediu que se cambiase o nome da tarrafa por Novo Malpica para que fora máis de todos (como se Castelao non fose de todos, vamos). Así que o problema foi Castelao. Para quen estaba detrás disto, a súa presenza copaba o protagonismo na nova praza que pasaba a ser, dixo, unha homenaxe a Castelao e non aos barcos exiliados e, en xeral, ás xentes do mar. Sen dicilo claramente, deixou caer que, ou se modificaba o mural, ou a súa doazón quedaba no aire. O artista acabou decidindo facer caso, cambiando na proa a imaxe de Castelao por unha imaxe do escudo dos leóns dos Condes de Andrade, que representa perfectamente o que fixo o veciño: caciquismo.

Camiño dos Faros. De Malpica a Niñóns
Praia de Area Maior ateigada de surfistas

Enfiamos o Caldeirón e vemos Area Maior repleta de surfistas que semellan arroaces. A marea está baixa e dan gañas de descalzarse e ir camiñando pola praia ata a de Canido, antes de tomar o camiño que leva á praia de Seaia e ao santuario de Santo Hadrián.

Camiño dos Faros. De Malpica a Niñóns
Area Maior, moi acaída para pasear por ela coa marea baixa

Estes primeiros quilómetros facémolos con bastante ritmo, pois xa haberá tempo de ralentizar os pasos avanzada a xornada. A ruta é longa e o tempo vai axudar durante toda a travesía: excelente, con calor, anunciaban chuvias pero non apareceron en todo o día. O sendeiro síguese moi ben, e coido que se pode facer perfectamente sen levar o track, aínda que é recomendable levalo para maior seguridade.

Camiño dos Faros. De Malpica a Niñóns
Fonte de augas milagreiras de Santo Hadrián

Achegámonos á fonte de Santo Hadrián, de augas milagreiras segundo a tradición, xa que ten poderes curativos para limpar a pel de verrugas de aqueles romeiros e romeiras que, ademais de fe no Santo, deixen a secar na fonte o pano branco co que enxugaron as súas verrugas e feridas. Ollo, que as máscaras non son panos e non sirven para este fin e dá vergoña ver como se deixan e acumulan na árbore que dá sombra á fonte, provocando unha imaxe deplorable, parecendo máis unha esterqueira que un lugar de devoción popular.

Camiño dos Faros. De Malpica a Niñóns
Dende o miradoiro de Santo Hadrián temos a última vista da vila de Malpica

E chegamos ao miradoiro de Santo Hadrián, xusto diante do santuario. Facemos unha pequena parada e tirámonos fotos, sobre todo a xente nova como Carolina ou Andrew que veñen por primeira vez a estas rutas. Sácolles unhas fotos e lémbrome que hai sete anos facíao cos nosos islandeses Johanna e Helmut neste mesmo lugar. Cantos recordos. Unha aperta para eles!

Camiño dos Faros. De Malpica a Niñóns
Illas Sisargas co seu faro, que marca o inicio do Camiño dos Faros

A partir de aquí, o camiño cambia completamente. Abandonamos a pista e tomamos carreiros nun sube e baixa pegados ao mar coas illas Sisargas presentes en todo o percorrido. O mar está espectacular nun día típico de setembro, cun lixeiro mar de fondo que fai axitar as ondas cando chegan batendo a terra.

Camiño dos Faros. De Malpica a Niñóns
Punta Nariga co seu faro

Sobrepasamos as Sisargas e xa temos ao lonxe o faro de Punta Nariga, para min o referente desta etapa xunto coas illas. A xente nova non cre que teñamos que chegar ata alí, pero pouco a pouco van ir vendo como nos imos aproximando a el.

Camiño dos Faros. De Malpica a Niñóns

O camiño lévanos nunha alternancia de praias cunha costa de cantís que percorremos a pouca altura. Unha pequena parada na aldea de Beo para repoñer sobre todo líquidos (a calor comeza a ser importante), pequena charla cunha veciña que nos dá ánimos para continuar e camiñamos ata a seguinte parada obrigada na praia de Seiruga, onde temos que descalzarnos para cruzar o pequeno regato que desemboca na mesma praia. Que ben senta aos pés esta auga!  Houbo quen non considerou descalzarse e cruzou acabando co calzado na auga e os pés mollados por dentrosen decatarse que e aínda queda moita etapa e levar pés mollados pode ser un incordio.

Camiño dos Faros. De Malpica a Niñóns
Na praia de Seiruga temos que descalzarnos para cruzar o pequeno regato

De camiño ata o areal de Barizo, xa imos con gañas de repoñer forzas, polo que decidimos pararnos ao comezo da praia e sentarnos sobre as pedras, vendo o ir e vir das ondas e como vai subindo a marea. Mentres comemos, non paran de pasar pequenos grupos de camiñantes que están facendo este percorrido. Que gusto dá ver xente polo Camiño dos Faros!

Camiño dos Faros. De Malpica a Niñóns
Praia de Barizo

Ao final da enseada de Barizo, como unha prolongación dos cantís, podemos ver o pequeno porto coas embarcacións locais. Por aí será por onde continuemos ata Punta Nariga. A subida é importante e hai que tomala con calma. Ademáis, se voltamos a vista atrás, quédanos unha imaxe da enseada e do camiño andado espectacular.

Camiño dos Faros. De Malpica a Niñóns

Percorremos un tramo de costa escarpada que non me canso de admirar e, en continuo ascenso imos superando este tramo ata que temos á vista por primeira vez o faro de Punta Nariga. Que beleza de paisaxe e que día estamos tendo para gozar del!

Camiño dos Faros. De Malpica a Niñóns

Teño comentado que a primeira vez que fixen este tramo de Barizo a Punta Nariga fíxoseme moi longo, non daba chegado ao faro. En cambio hoxe, foi distinto, non tiven esa sensación de cansanzo, a pesar de levar moita calor e ir con moi pouca auga na mochila.

Camiño dos Faros. De Malpica a Niñóns
Camiño dos Faros. De Malpica a Niñóns

O entorno de Punta Nariga é espectacular! As formacións rochosas, afectadas pola constante acción erosiva do vento e da auga, provoca que nelas apreciemos as máis variadas formas, polo que hai que deixar que traballe a imaxinación: elefantes, figuras antropomorfas… non paro de tirar fotos.

Camiño dos Faros. De Malpica a Niñóns

Deseñado por César Portela, o faro de Punta Nariga é o último faro construído en España e está ubicado entre a Punta do Roncudo e as illas Sisargas e sorprende por introducir a “artificialidade” nun entorno tan natural e salvaxe como esta costa. Destaca pola súa plataforma de 39 m de granito, que permite que a luz emitida acade as 22 millas náuticas. Non paramos moito, e unha vez reagrupados iniciamos o último tramo deste percorrido.

Camiño dos Faros. De Malpica a Niñóns

O camiño que queda por andar é impresionante, do mellor da ruta, xa que voltamos a ir pegados á costa de cantís camiño da Enseada do Lago e Niñóns; un tramo de costa espectacular que percorremos con subidas e baixadas de vértixe mentres contemplamos como o mar bate nesta impresionante costa tendo todo o perfil do Roncudo á fronte!

Camiño dos Faros. De Malpica a Niñóns

Imos gozando con vagar da luz do noso solpor atlántico que vai consumindo o día con este mar, sen límites, con esa gama cromática dos nosos azuis e verdes baixo o ceo. Que máis se pode pedir!

Camiño dos Faros. De Malpica a Niñóns

Despois duns dous quilómetros andados, imos vendo o que non poderemos percorrer na seguinte etapa, pois a outra banda da enseada ata o alto do Monte Meán está completamente calcinada polo lume. Chegamos a un sendeiro que nos leva ata a praia de Niñóns, onde damos por rematada a ruta, xunto con outros sendeiristas que están agardando polos taxis para que os leven de regreso. Nós, despois dos estiramentos, moi necesarios hoxe, fómoslle tomar a cervexa a Pazos e soubo a gloria! (hoxe caeron máis dunha e de dúas… que sede levabamos!).

1 comentario sobre “Camiño dos Faros. De Malpica a Niñóns”

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio