Espierba-Collada Las Coronetas-Plana Fonda-La Estiva
A ruta comeza na estrada de Pineta, no barrio de Las Cortes (1200 m), subindo pola estrada ata chegar a Espierba, un bonito pobo dende onde podemos ver unha fermosa paisaxe desta zona de Pineta. Logo, por un camiño ben definido, seguimos subindo ata chegar ao collado de Espierba.
Aquí tomamos rumbo norte, por unha zona máis montañosa pero moi cómoda de andar, rodeando o Tozal Blanco e os Llanos del Dué e seguimos subindo deixando á nosa dereita o cumio do Comodoto, que non subiremos e deixaremos para outra ocasión, ata chegar á Collada las Coronetas (2157 m).
Neste punto temos dúas alternativas. Quen queira intentar acadar o cumio do Chinipro aínda ten que subir (e baixar) case 700 m máis de desnivel. Quen desbote esta opción comezará o descenso pola Plana Fonda ata acadar a pista de La Estiva, que de xeito moi cómodo vainos levando de regreso a Espierba.
Pouco antes de chegar, tomaremos un sendeiro por un bosque de buxos e piñeiros que nos deixa no aparcadoiro situado ao carón do camping de Pineta.
O percorrido non ten maiores dificultades, salvo o desnivel a salvar e a lonxitude, excepto o último treito de ascenso ao cumio do Chinipro, xa que é moi rochoso e hai que axudarse coas mans nalgúns puntos de forte pendente, en tramos de potenciais caídas a distinto nivel. Pode dar vertixe.
MIDE:
- Lonxitude: 24 km
- Desnivel: Alto
- Dificultade: Media-alta
- Horario: 10.50 h.
- Desnivel de subida: 1000 m (ou 1700 m)
- Desnivel de baixada: 1000 m (ou 1700 m)
- Severidade do medio natural: 3
- Orientación no itinerario: 3
- Dificultade no desprazamento: 4
- Cantidade de esforzo necesario: 4 (ou 5)
- Tipo de percorrido: Circular (case)
Comezamos a camiñar…
Último día da nosa estadía polo Pireneo e, para despedirnos como convén, regresamos ao entorno de Pineta polo que imos facer unha andaina que pode considerarse como un complemento da feita hai tres días polo Circo de Pineta e Llanos de La Larri. Tamén vainos permitir coñecer o val do río Real.
Temos 24 quilómetros por diante polo que hoxe erguémonos unha hora antes para estar no monte coa fresca o maior tempo posible. Como sempre, o almorzo que nos deron, estupendo.
Desprazámonos a 6 km de Bielsa e nada máis deixarnos o bus na estrada de Pineta, xusto no desvío a Espierba, iniciamos un prolongado ascenso ata este lugar ao que accedemos por unha estrada asfaltada pero moi estreita, que serpentea entre casas ata chegar á parte máis alta da poboación. Espierba non ten un núcleo definido e caracterízase pola dispersidade das súas construcións, motivada principalmente pola súa función agropecuaria. Superadas as casas, nunha curva pechada, tomamos unha pista que nos leva directamente ao Collado de Espierba.
A pendente é dura, pero superable. Ademais, as vistas das Paredes de Pineta vannos acompañando e case sen decatarnos chegamos ao Collado de Espierba, un claro no bosque onde facemos a primeira parada para reagruparnos, e onde nos facemos as primeiras fotos mentres gozamos dunha panorámica de 360º, ao ter xa unha primeira visión do val de Chisagüés, outro dos grandes vales da zona entre Pineta e Barrosa, con grandes desniveis e fermosas paisaxes, por onde discorre o río Real.
Ainda que o sendeiro que debemos tomar é evidente, o sinal instalado no colado non indica o desvío ao Comodoto, nin á Collada La Coroneta. Pero está claro o camiño a percorrer. Dende aquí e durante a subida, imos gozando dunhas fermosas vistas do val de Chisagüés e as súas máis ou menos cercanas cristas (Comodoto, Punta Chinipro, Robiñera ou La Munia e os seus 3133 m de altitude). Montañas espidas, inmensas, escarpadas, redondeadas, lonxanas pistas a mediana altura, ou barrancos verticais, é o que abarca o noso cadro paisaxístico.
Dende o colado levamos diante unha parella de mulleres (supoño que nai e filla), que nos van deixar pasados os Llanos de Dué, onde vemos que optan pola senda que ascende recta ao pico Comodoto. Nós seguimos subindo, pero deixando este cumio á nosa dereita.
A medida que imos ascendendo, vai cambiando a visión do pico Comodoto, que pouco a pouco vaise convertendo nunha tapizada e verdosa pradeira, a tasca alpina, cubrindo as abas da lomba. Como nos comenta Víctor, este cume ten que quedar para outra, pois o Chinipro agarda e fainos falta o tempo. Un pequeno descanso para reagruparnos despois da subida e continuamos ata a Collada Las Coronetas.
Coroamos Collada las Coronetas (2150 m). Como recompensa marabillámonos cunha vista espectacular do que deixamos atrás e da Plana Fonda (2070 m). Como noutras rutas, neste punto hai que decidir quen se anima a subir ao Chinipro e quen decide ir baixando cara a Plana Fonda. Víctor volve amosar os datos: quen queira intentar acadar o cumio do Chinipro aínda ten que subir (e baixar) case 700 m máis de desnivel…
Apúntanse sete, que saen de contado pois o tempo é o gran inimigo. Durante todos estes días non tivemos sorte coa visibilidade en altura, pois a partir dos dous mil metros aproximadamente, as nubes estiveron presentes e non nos permitiron admirar as cristas que coroan estes vales. E ese é o contratempo que se poden atopar os que decidiron continuar. Máis adiante, enterámonos que abortaron a subida moi cerca do cume, pois non estaba nada claro o panorama e, como se di, o importante é volver, que a montaña de aí non marcha. Tamén a emoción foi grande entre eles, polo que deron por cumprida a subida. Parabéns!
O resto do grupo optamos pola ruta fácil. Descendemos ata Plana Fonda. O carreiro baixa entre rocas, ben trazado, sen dificultade, ata este fermoso val suspendido e camiñamos por el cruzándonos con algunha xente que sube ata aquí, en coche, en bicicleta ou camiñando. Andar por esta gran planicie alongada ata a pista que leva ao Refuxio de La Estiva é un relax, pois acabaron as subidas por hoxe e imos atravesando un espazo maxestuoso. Ao fondo do val que semella interminable, pouco a pouco o manto verde polo que andamos vaise transformando por rodadas de coches sobre a herba ata converterse na pista que leva ao refuxio.
O Refuxio de la Estiva (2100 m) está ubicado nunha zona gandeira con vistas excepcionais ao Circo de Pineta, e vai ser o lugar elixido por Rocío para xantar aproveitando o prado e a sombra que nos regala a pequena construción. Xantar contemplando o val e as Paredes de Pineta, polas que se precipitan Es Churros de Marmorés (as fervenzas do río Cinca) é un auténtico regalo. Montes verdosos, escuros e elevados, con manchas pedregosas nuns escarpes pronunciados e cornixas con caídas de 2000 m máis abaixo. Un espectáculo grandioso e fantástico.
Aínda así, a falta de coroar o Chinipro, o premio gordo da xornada tampouco o poidemos saborear completamente pois, como en todos estes días, as inmensas panorámicas que se presentan ante nós, o Monte Perdido e os picos que coroan o impoñente Circo de Pineta, estiveron medio tapados por esas nubes permanentes que nos quitaron algo de visión, pero a imaxe non desmereceu en absoluto.
Tras o descanso, iniciamos a baixada ata Espierba (1420 m). Para pechar a circular, só queda deixarnos caer pola pista, en bo estado aínda que con algo de pedra solta, o que fai bastante incómoda a andaina. O descenso pola pista pode parecer aburrido, pero permítenos ir camiñando como por un balcón apreciando toda a beleza do val de Pineta aos pés, por onde o Cinca avanza polo fondo do val.
Pero sobrecollen en particular, as montañas salvaxes de en fronte que xa víramos cando ascendemos a Espierba ao comezo da ruta: La Man Pacina, «o lado sombrío», unha longa serra que pecha Pineta polo sur. O bosque ascende vertical polas abas da montaña entre grandes barrancos, como La Mallateta, La Fuen Blanca ou Es Morlaz, e xa en altura vemos circos, planas verdes e faixas de vértigo antes de chegar ás grandes paredes rochosas e os cumes, que as nubes siguen sen permitirnos admirar completamente. Mallo Chico e Mallo Gran sobresaen impoñentes a metade do val, e tras eles La Pennampla e Las Zucas que nos conducen ao fondo do val. Impresionante!
Antes de entrar a Espierba, no seu barrio Alto tomamos un camiño á dereita á altura dunha borda que nos conduce ata as portas do mesmo camping, na estrada de Pineta. O carreiro vai por un bosque rodeado de fabulosos exemplares de buxo fundamentalmente, moi tupido e nótase a condensación do ambiente.
Non puido haber mellor ruta para pechar a nosa estadía en Bielsa. Vistas de 360 graos excelentes, vales de La Estiva, de Pineta e de Chisagüés, aparte da innumerable cantidade de montañas que se poden admirar. Cea de despedida: Ensalada Bielsa, coello ao forno con ali oli e tarta
Tanto los textos como las fotos de esos días en el Pirineo ¡magníficos¡
Muchas gracias.
Grazas Pilar! A verdade é que a semana por Bielsa fíxose moi curta, pero así hai opción de volver máis veces. Bicos