Escuaín, Cuello Viceto
A ruta sae mesmo de Escuaín (1200 m), e lévanos polo val de Puértolas, onde se sitúa a garganta de Escuaín, ata Cuello Viceto (2002 m). Este é un punto estratéxico xa que está nun enclave entre a garganta de Escuaín e a de Añisclo. As vistas dende este lugar son moi fermosas e abraiantes. Dende aquí hai opción de subir un pouco máis ata o cumio Tozal d’o Basón (2132 m), dende onde as vistas sobre o Añisclo son aínda mellores.
O percorrido non ten grandes dificultades, salvo a distancia e o desnivel a salvar. Ao comezo transcorre por unha cómoda pista e logo vanse aproveitando distintas sendas feitas polo gando. No último treito, antes de chegar a Cuello Viceto, podemos atopar algún punto rochoso, pero sen maior dificultade. Cando regresemos a Escuaín haberá opción de facer a Senda de los Miradores, un percorrido de menos dun quilómetro que nos leva por diferentes miradoiros dende onde podemos observar a agreste orografía da garganta de Escuaín.
MIDE:
- Lonxitude: 19 km
- Desnivel: Medio alto
- Dificultade: Media
- Horario: 7.00 h.
- Desnivel de subida: 800 m
- Desnivel de baixada: 800 m
- Severidade do medio natural: 3
- Orientación no itinerario: 3
- Dificultade no desprazamento: 2
- Cantidade de esforzo necesario: 3
- Tipo de percorrido: Ida e volta
Comezamos a camiñar…
Hoxe houbo que madrugar de novo. Démoslle descanso a Andrés, o noso chófer, pois houbo que desprazarse nun microbús dende o hotel de Bielsa ata Escuaín, un antigo pobo abandonado en pleno Parque Nacional de Ordesa e Monte Perdido. Despois duns corenta minutos de viaxe por unha estreita estrada que nos regala unhas vistas espectaculares a medida que imos ascendendo, o bus déixanos nunha pequena explanada á entrada de Escuaín. Preparámonos para iniciar o percorrido e consultamos varios paneis informativos alí instalados antes de iniciar a marcha.
Imos percorrer un dos sectores máis descoñecidos do Parque Nacional de Ordesa e Monte Perdido, pero non por iso menos interesante, e camiñar por unha das poucas paisaxes do Parque Nacional que conservan unha pegada humana tan clara e evidente como a do Val de Escuaín. Trátase dunha zona que se atopa moito menos frecuentada que o resto de sectores do Parque, os vales de Ordesa e Pineta e o Canón de Añisclo. De feito, salvo ao principio da ruta, non nos cruzamos con ninguén e gozamos da tranquilidade da que carecen os seus vales veciños.
Comezamos a camiñar por unha pista de uso restrinxido, atravesando antigos campos de cultivo e ladeiras en socalcos, ata que chegamos a unha barreira e paneis que marcan a entrada ao Parque Nacional de Ordesa e Monte Perdido. Por certo, agora hai engadido un novo panel advertindo da prohibición do uso de drons no Parque Nacional.
Gañamos altura de forma cómoda e progresiva pola pista que vai ascendendo suavemente no percorrido que temos ata chegar a La Valle.
O camiño é fácil de seguir e moi agradable, e o día non pode estar mellor para camiñar. Durante uns cinco quilómetros imos rodeados de piñeiros, buxos e algún exemplar illado de capudre e acivro; tamén vemos unha restaurada borda (nome utilizado nos Pireneos para a edificación empregada xeralmente para resgardar o gando ou para almacenar produtos agrícolas, especialmente comida para os animais), nunha paraxe moi fermosa. Nos claros que nos deixa o bosque podemos ver os paredóns da serra das Zucas, o Circo de Gurrundué e o aínda afastado Cuello Viceto.
Tras hora e media de camiño, a pista finaliza, o bosque vaise facendo menos denso e os espazos abertos van gañando protagonismo. Case de xeito continuado pasamos xunto a antigos campos de cultivo dedicados ao pastoreo, rodeados de muros de pedra e nos que se conservan sinxelas construccións pastorais denominadas mallatas.
E vemos como aínda están en uso, pois chegamos a unha pradaría que está a pleno rendemento, na que os gandeiros non para de soltar cabezas de gando en torno a este cercado de pedra coñecido como o Corral de la Corona. O ruído das chocas, mezclado co bruar dos animais, exténdese por todo o val. Tamén hai sinalizado neste entorno un observatorio de aves rapaces polo que non está permitido camiñar.
A pesar de ir nalgún momento gañando cota campo a través sen camiño definido, a dirección que temos que levar non ofrece dúbidas, ao ter sempre á vista Cuello Viceto. Remontamos La Valle a media ladeira por carreiros que se van difuminando e, avanzando por extensos pasteiros paralelos á marxe dereita do barranco Carcil, ímonos achegando ao collado, con vistas sobre o Tozal de San Vicenda (2093 m), o Tozal d’o Basón (2132 m), a Suca (2802 m) e das estéticas Tres Marías, que aparecen e desaparecen por mor da néboa que comeza a acompañarnos.
É unha delicia camiñar polo pé destes cumes herbosos denominados tozales. Semellan cumes sinxelos, nos que o Tozal d’o Basón é o máis prominente e de maior altitude. De feito, tiñamos intención de alongar a nosa ruta ata coroalo, pero a persistente néboa obrigounos a deixalo, pois non pagaba a pena subilo para non poder gozar das panorámicas dende o seu cume.
Nunhas tres horas chegamos a Cuello Viceto (2002 m), desde onde a vista é realmente espectacular. Atopamos unha sa convivencia entre vacas pastando ao redor dunha pía e dámonos por convidados. Séntamonos e descansamos en torno a ela, mentres imos chegando aos poucos.
Entre lirios e coa única compaña das vacas, e o pouco que nos permitiu ver a néboa, gozamos durante uns minutos da panorámica sobre o macizo calcáreo máis alto de Europa, o Monte Perdido. Mentres estamos coa vista posta sobre o canón do Añisclo que neste momento nos permite ver a néboa, unha recua de bestas sorpréndenos gratamente ao galope ladeira arriba. Que regalo ver esta grea de cabalos salvaxes nun entorno tan fabuloso!
A pesar de que vai un pouco de vento frío, dedicámoslle un bo tempo a gozar deste momento, facémonos fotos e fotos e contemplamos a natureza en estado puro. Como xa teño comentado en máis dunha ocasión, nestes espazos é cando te decatas do insignificante que eres ante semellante grandiosidade. A paz que se respira aquí é difícil de describir.
Toca prepararnos para iniciar o regreso por onde viñemos e buscar ladeira abaixo un lugar máis abrigado para xantar e sen esta néboa que vai e ben. E facémolo sobre unhas rochas dende as que temos unha vista privilexiada sobre todo o val, e onde tamén chama poderosamente a atención o circo de Gurrundué.
Neste lugar é habitual a presenza de aves necrófagas, e abofé que nos entretemos vendo como uns cantos voitres, ou voitres brancos, voan en círculo sobre nós mentres tratamos de identificalos. Agardemos que non nos consideren preas…
Xa máis abaixo, coméntanos Víctor, mentres observamos unha parella de xabaríns no fondo do val vendo como fuxen ao notar a nosa lonxana presenza, que por esta zona é onde se alimenta aos quebraosos. Estamos preto dun punto de alimentación onde a gardería do Parque Nacional realiza os aportes. Mágoa que non nos coincida co seu día de xantar, pois disque é un espectáculo ver o gran número de aves deste porte que se achegan ata o comedeiro, primeiro os voitres, logo os quebraosos, algún raposo despistado e incluso corzos ou os fuxidizos xabaríns que acabamos de ver.
Continuamos camiño e só nos queda seguir o sendeiro que colléramos pola mañá, para tomar a continuación a cómoda pista que nos leva de regreso a Escuaín.
Para min, esta ruta foi todo un descubrimento. Pareceume unha pequena alfaia marabillosa que paga moito a pena visitar.
Senda de los Miradores
Mentres agardamos a que nos veña recoller o microbús, fomos camiñar pola Senda de los Miradores, tamén Senda de las Proas de O Castiello, que parte dende o mesmo Punto de Información do Parque, e de paso coñecer este pobo semi abandoado, un percorrido de menos dun quilómetro que nos leva por varios miradoiros dende onde podemos observar a agreste orografía da garganta de Escuaín, que o río Yaga foi excavando durante séculos na rocha.
O pobo conserva o encanto do pasado e nel obsérvanse casas en ruinas e casas rehabilitadas que, fóra da época invernal, animan as súas ruelas. No seu pequeno núcleo destaca a igrexa de San Pedro (s. XVI), en serio perigo de derrumbe, e a oficina de información do Parque Nacional, ubicada na antiga escola de Escuaín, na que nos paramos a ver unha colección de fotografías de quebraosos, apreciando como vai variando a súa plumaxe segundo a idade das aves.
Facemos a pequena ruta circular que nos vai descubrindo diferentes puntos dunha alta e estreitísima garganta desde uns miradoiros impresionantes, nos que podemos marabillarnos dun dos aspectos máis fermosos de Ordesa e Monte Perdido, a súa xeoloxía, amosandosenos paisaxes incribles. Impresiona observar o modelado da auga sobre a rocha caliza, a envergadura da garganta, a vexetación que a coloniza… Unha fermosura. Sen decatarnos, e con outro feixe de fotos na tarxeta da cámara, estamos de volta no pobo. Toca facer visita ao bar.
Como aínda non chegou o bus tomámoslle unha cervexa na terraza da “cantina” que hai aberta na tempada de verán, en animada charla co seu propietario, e somos convidados por Jesu, que hoxe cumpre anos. Parabéns! Regresamos ao bus para que nos leve de novo a Bielsa. Hoxe de cea: Menestra de verduras, zanco de polo con patacas e delicias de piña.