Puerto Viejo de Bielsa
Na fronteira con Francia encontramos unha montaña amplia, con diferentes portos que se usaron historicamente para pasar ao país veciño. O máis significativo é Puerto Viejo ou Collata L´Agulleta (tamén coñecido en aragonés/francés como Puerto Biello/Port Vieux), o principal paso transfronteirizo entre o val de Bielsa e Francia ata a construcción do túnel en 1976. Puerto Viejo tamén é coñecido por ser o histórico lugar de fuxida ao exilio francés durante «La Bolsa de Bielsa», republicanos desta parte de Aragón que escapaban fuxindo do ataque do exército franquista.
Esta zona ofrece distintas posibilidades de rutas a realizar, como unha circular por todo o cordal montañoso. Nós faremos unha combinación das dúas.
A ruta comeza xusto na boca sur do túnel de Bielsa (1630 m), no aparcadoiro. É un percorrido moi fermoso que pouco a pouco vai gañando altura ao longo do barranco de Pinarra ata chegar ao Puerto Viejo, a 2382 m de altitude, xusto na fronteira con Francia.
Ata aquí son pouco máis de 700 m de desnivel por un camiño relativamente cómodo cunha paisaxe marabillosa. Desde o porto podemos subir ao Pico de Puerto Viejo (2723 m), pero nós optaremos por outra solución, contemplando dúas opcións: regresar polo mesmo camiño, ou facer unha pequena circular, subindo un pouco máis ata o Pic de l’Aiguillette (2510 m), e seguir o cordal enlazando cos cumios Pico de la Forqueta (2533 m) e o Pic de Marioules (2564 m), ata o Puerto de Bielsa, e descender o tramo amodo e con coidado de non esvarar. Isto incrementa a dificultade da ruta.
Unha vez aquí, a senda lévanos novamente ao camiño de subida, por onde regresaremos ao punto de partida no aparcadoiro.
Todo o percorrido ten unha paisaxe abraiante e a auga cobra un protagonismo especial xa que hai torrentes e fervenzas ao longo de todo o val.
MIDE:
- Lonxitude: 11 km
- Desnivel: Medio alto
- Dificultade: Media
- Horario: 5.50 h.
- Desnivel de subida: 900 m (ou 700)
- Desnivel de baixada: 900 m (ou 700)
- Severidade do medio natural: 3
- Orientación no itinerario: 3
- Dificultade no desprazamento: 3 (ou 2)
- Cantidade de esforzo necesario: 3
- Tipo de percorrido: Ida e volta
Comezamos a camiñar…
Outra ruta lineal por alta montaña, pero este percorrido ten moita carga emocional, pois segue os pasos daquelas persoas que en abril de 1938 tiveron que exiliarse a Francia, fuxindo polos portos de montaña, mentres que o pobo de Bielsa era brutalmente bombardeado e incendiado.
No aparcadoiro da entrada sur do Túnel internacional Bielsa-Aragnouet, ten o punto de partida o camiño ben marcado, o PR-HU 182. Unha serie de paneis con indicacións, oriéntannos polo camiño a seguir, pasando por detrás da estación de control do túnel. Nada máis iniciar o percorrido, xa se ve á esquerda, por riba dos piñeiros, a caída de 30 metros do Churro da Pinarra (aquí chámanlle churros aos saltos de auga), unha fermosa fervenza que baixa do circo do mesmo nome, á que chegamos tras remontar o piñeiral en varias lazadas que axudan a salvar a pendente do sendeiro.
Alcanzamos sen dificultade o chamado desfiladeiro do Barranco del Puerto, para adentrarnos no Val de Pinarra, un antigo circo glaciar repleto de verde pradeira que non nos abandonará ata o final do percorrido. No Alto Aragón esta vexetación herbácea é coñecida como “tasca” alpina.
Aínda que o desnivel a salvar é elevado, a realidade é que facemos unha subida bastante cómoda e sen grandes exixencias en canto a esforzo físico, nunha progresión constante e cunha sucesión de lazadas que nos levarán ata o máis alto do percorrido.
A medida que ascendemos en altura, o val vaise convertendo nun espazo máis amplo, entre as enormes cicatrices que forma na paisaxe o barranco da Pinarra, como digo, o bosque é substituido por grandes extensións de pradeiras de montaña, nas que o gando pasta libremente nos meses de verán. Esta zona é coñecida como As Lienas.
A medida que imos gañando altura, o modelado glaciar apréciase máis claramente, o circo glaciar na cabeceira do val, escarpados picos, o val típico en forma de V, e incluso podemos ver o pequeno ibón Gorgo del Puerto ou de Pinarra, que está medio escondido no fondo do val.
En continúo ascenso, situámonos na cabana ou refuxio do Forato, actualmente utilizado polos pastores. Aquí reagrupámonos e, mentres facemos un pequeno descanso adiántanos paseniñamente unha parella de franceses xa bastante maior que, logo de saudarnos coméntannos que van ir ata o pequeno Ibón de Pinarra antes de subir a Puerto Viejo. A pesar de cruzarnos con pouca xente, semella ser unha ruta bastante frecuentada, sobre todo por quen sube aos picos próximos ou que cruza ou ven de Francia.
Á sombra da cabana de pastores, Víctor coméntanos o que nos imos atopar no que nos queda de percorrido, describindo parte do val, pois xa temos unhas bonitas vistas do circo de la Pinarra, e aproveita para amosarnos o estado do interior da cabana, cheo de bosta, polo que nos lembra que hai que deixar sempre pechadas este tipo de construccións, para que non entren os animais nela.
A ruta avanza uns metros e tópase coas ruínas doutra cabana, a da Pleta. A pouco máis de 3 km desde o inicio, chega un cruzamento que marca a separación dos camiños aos portos Viejo e La Forqueta. Este será o punto de unión dos que decidan facer o cordal ata o Puerto de Bielsa dende Puerto Viejo. Agora seguimos de fronte polo PR-HU 182 en dirección ao Puerto Viejo a 2382 m e, tras un último esforzo duns 1,3 km, alcanzamos o paso que cruza a Francia polo pequeno e escarpado val francés da Géla e ao Parque Nacional dos Pirineos franceses.
No porto, ademáis dunha antiga caseta de vixiancia, unha placa recordatoria lémbranos a triste evacuación: “A cuantos cruzaron este puerto para romper el bloqueo de la Bolsa de Bielsa por defender la libertad frente al fascismo. En honor a la población civil del Alto Aragón y a la 43 división republicana. Dignidad, memoria y paz. Puerto Biello 1938-2008”.
Moitas e moitos de nós non sabiamos deste episodio, ou tiñámolo medio borroso. A caída das diferentes frontes de batalla en España deu como resultado cinco movementos migratorios cara ao exterior. O terceiro deles tivo lugar na primavera de 1938. Ante a inminente conquista do Alto Aragón, ao redor de 25000 persoas se precipitaron alén da fronteira Francesa. Durante varias semanas os máis de 6000 homes da 43 división do exército republicano aguantaron o envite franquista, pero cando a súa resistencia se esgotou, a desbandada foi inevitable e miles de civís fuxiron a Francia por unhas montañas cheas de neve. Os pastores da zona, coñecedores de excepción da particular orografía do val, organizaron a ruta de escape, acompañaron a mulleres e nenos, primeiro ata Parzán, e posteriormente ata a cima do Puerto Viejo, punto no que lles esperaban voluntarios franceses que ían axudarlles a descender ata Aragnouet. Tras eles, virían as tropas republicanas en retirada.
Antes e despois da guerra esa mesma ruta foi utilizada por contrabandistas, principalmente de gando e produtos de consumo, que desenvolvían a súa actividade entre Francia e o Val de Bielsa; tamén coñecidos como paqueteros, repartidos por toda a cordilleira pirenaica, os contrabandistas foron durante décadas, os responsables de manter activo o comercio á marxe das leis económicas ditadas polas autoridades de España e de Francia a través de camiños que eles mesmos trazaron. Posteriormente, entre 1939 e 1945 o porto foi utilizado non só para ocultar o paso de mercadorías pola fronteira, senón tamén para permitir a saída de Europa daqueles que fuxían da persecución Nazi.
Hai moita emoción en nós e facémonos fotos sen parar diante da placa conmemorativa. O camiño de Puerto Viejo sitúate fronte ao drama que padeceron aquelas persoas. Quen alí estabamos resultábanos duro poder imaxinar unha longa ringleira de persoas maltreitas e cansas, subindo como podían e levando tan só o xusto, sabendo que, en moitos casos, no volverían ver a terra onde naceron.
Pero tamén facemos fotos tendo unhas excelentes vistas sobre a parte francesa. Apreciando perfectamente a senda de baixada pola cara norte, así como o val e os cumios franceses. Dá gañas de estar aquí un bo intre, como se non pasase o tempo.
Cando xa nos estamos preparando para descender, chega ao collado un camiñante que nos comenta que ven de Cantabria e agarda a que marchemos para facer unhas fotos só, coa sua gorra tricolor. Seguro que é un lugar no que se fan moitas homenaxes a este feito histórico, o camiño a unha nova vida para os exiliados da Bolsa de Bielsa.
Hai que retomar a actividade. Desde o porto un grupo prepárase e opta por seguir o cordal polo Pic de l’Aiguillette ata o Puerto de Bielsa, para descender dende alí e enlazar co camiño polo que subimos anteriormente. O resto decidimos voltar sobre os nosos pasos pouco a pouco.
Os once quilómetros da ruta fíxéronse relativamente en pouco tempo, o que nos permitiu regresar ao hotel, mudarnos e ter tempo para desprazarnos ata Aínsa para pasar a tarde facendo turismo neste fermoso pobo. Cea de hoxe: Macarróns Boloñesa, pescada en salsa de porros e melón.
Qué beleza e qué emotividade, todo xunto, qué día máis rotundo!!!
Grazas Mariví. A verdade é que estamos tendo unha viaxe espectacular. Os Pireneos non defraudan vaias por onde vaias. Quedo namorado desta paisaxe!