Fervenza do Cinca e Llanos de La Larri
Regresamos ao Parque Nacional de Ordesa e Monte Perdido. Nesta ocasión imos ao val de Pineta para facer un dos seus percorridos máis coñecidos e tamén dos máis fermosos. A ruta comeza no aparcadoiro (1270 m), situado ao final do val, antes de chegar á ermida de Pineta.
Comezamos camiñando por unha pista pola que imos subindo pouco a pouco por un bosque moi fermoso e de xeito moi cómodo. Cando levamos algo máis de dous quilómetros, deixamos a pista e enlazamos cunha senda sinalizada. Neste punto, a pendente aumenta e o terreo é algo máis incómodo. Logo dun tempo subindo, chegamós á base da espectacular fervenza do río Cinca, ou tamén denominados Es Churros de Marmorés.
Despois regresamos ao sendeiro e ao pouco de descender tomamos un desvío polo sinuoso camiño de Montaspro, que nos leva ata Llanos de La Larri. Este camiño é estreito e ten un paso equipado cunha cadea, pero cremos que nin sequera é preciso facer uso da mesma, salvo que o terreo estea moi mollado. Ao chegar a La Larri, facemos un percorrido polo val ata a fervenza e, a continuación, descenderemos seguindo as marcas do sendeiro GR-11 que nos levan, en forte descenso, ata o aparcadoiro onde nos agarda o bus.
MIDE:
- Lonxitude: 8 km
- Desnivel: Medio (forte nalgún punto)
- Dificultade: Media-baixa
- Horario: 2.55 h.
- Desnivel de subida: 455 m
- Desnivel de baixada: 455 m
- Severidade do medio natural: 3
- Orientación no itinerario: 2
- Dificultade no desprazamento: 2
- Cantidade de esforzo necesario: 2
- Tipo de percorrido: Circular
Comezamos a camiñar…
Hoxe tivemos o mesmo horario de onte e xa nos imos acostumbrando ás madrugadas. Despois dun completo almorzo tipo buffet (que ben nos están tratando no Hotel Bielsa), volvemos sair ás oito no bus, que nos vai achegar á cercana Pradera de Pineta, máis concretamente ao aparcadoiro do Centro de Información do Parque Nacional de Ordesa e Monte Perdido, lugar onde comezamos a xornada. É tal a impresión que levo ao baixar do autobús que, case antes de prepararnos xa estou a facer fotos dende a ponte sobre o Cinca cara ao circo de Pineta. Destacan o Pico de Pineta (2861 m), medio tapado polas nubes, e a Punta do Focarral (2760 m), e á esquerda o circo de Pineta cos seus saltos de auga. Que marabilla!
Aínda que na montaña sóese erguer cedo, unha das vantaxes de madrugar neste tipo de rutas tan frecuentadas (ademáis, hoxe é domingo), é que case non te atopas con camiñantes en gran parte do percorrido permitíndoche gozar dos espazos comodamente, polo que podes ir sen a máscara perfectamente, gardando a distancia entre nós. Será ao final do percorrido cando nos crucemos con pequenos grupos, sobre todo familiares, pero nós xa imos co traballo feito…
Pronto tomamos o sendeiro polo bosque de faias á beira do río Cinca. Unha vez pasado o Centro de Interpretación, este sendeiro coincide ao principio co camiño ás fervenzas de La Larri; sen embargo, máis adiante bifúrcase, e nós seguimos as indicacións de “Camino Marboré”. O camiño é doado e condúcenos polo fondo do val. Imos camiñando agradablemente por un bosque moi sombrío en medio de abeleiras, faias e bidueiros.
Ao pouco saímos do bosque e xa temos máis cerca o impoñente circo de Pineta. A pendente faise máis pronunciada e o camiño vai gañando altura. Estamos na zona coñecida como o Felqueral. O val péchase e xa intuimos un barranco que teremos que bordear. Cruzamos o barranco dos Churros por unha ponte sobre o río Cinca e detémonos para facer as primeiras fotos e a contemplar cómo baixa o río, que xa ten un caudal importante (non imaxino como baixará co desxeo, debe ser espectacular!).
Un pouco máis adiante temos que abandonar o camiño e tomamos un sendeiro marcado cara a esquerda. O sendeiro hai que subilo con decisión e, aínda que a pendente é forte, faise moi agradable. Adentrámonos nun sombrío e fresco faial con incribles exemplares centenarios. Pronto chegamos a un cruce de camiños onde un sinal indicador nos marca claramente por onde temos que seguir. En xeral, o camiño ata a fervenza está ben sinalizado e non ten perda.
Saímos do bosque e xa comezamos a escoitar a fervenza. Facemos unha parada á altura dunha pía para para que beba o gando dende onde temos unha visión da súa espectacularidade e das paredes que forman o circo de Pineta. Continuamos logo deste pequeno descanso, e a partir de aquí a pendente suavízase cara arriba. Camiñamos entre rochas, seguindo sempre os diferentes fitos que nos van indicando os pasos máis seguros.
Non nos esquecemos de mirar ás nosas costas, e imos gozando de vistas privilexiadas do val de Pineta. A panorámica do val é cada vez máis ampla conforme ascendemos. Costa imaxinar que nesta fermosura de val, hai 15000 anos había un glaciar inmenso. Como nos lembra Víctor cando estivemos nos Alpes, o impresionante glaciar da Mer de Glace que visitamos vaise converter co tempo nun val coma o que estamos a contemplar.
Así chegamos ao espectacular salto de auga con 200 m de caída vertical. O Cinca nace nos neveiros e glaciar de Monte Perdido e Lago de Marboré, un alxibe natural que nutre de auga ao val, precipítase no Val de Pineta e, despois de atravesalo, compón o Val de Bielsa ata que se une co río Ara en Aínsa, desembocando finalmente no río Ebro.
Estes momentos hai que gozalos. Estamos un bo intre baixo os saltos de auga, facéndonos fotos sen parar, pero tamén contemplándoos, sentindo a súa forza e a súa beleza gravando esta imaxe para procurar non esquecela. Logo, continuamos o ascenso pola senda durante un corto tramo de forte pendente para conseguir novas vistas e un maior achegamento aos impresionantes saltos de auga. Espectacular!
Continuamos camiñando polo circo de Pineta, por unha zona practicamente pegada ás paredes, que vista desde abaixo parecíanos imposible andar pola altura á que andamos. Cruzámonos cun pequeno grupo que baixa do Balcón de Pineta e indicámoslles que paga a pena desviarse ata a fervenza do Cinca, recomendación que aceptan encantados.
Imos cara ao leste, en dirección a La Larri e, chegados a un punto, volvemos dividirnos: un pequeno grupo volvemos sobre os nosos pasos e temos que acometer o descenso polo camiño de subida e regresar á pista, mentres que o máis numeroso decide ir polo sinuoso camiño de Montaspro, que os leva ata os Llanos de La Larri practicamente sen perder cota. Logo comentaron que o camiño, estreito, ten un paso equipado cunha cadea, pero que nin sequera é preciso facer uso da mesma, salvo que o terreo estea moi mollado.
Regresar á pista permitiunos coñecer a fervenza de La Larri. Imos a bo ritmo mentres seguimos subindo pola pista disfrutando do xogo de luz e cores da follaxe das faias, que nos dan sombra, e cruzándonos xa con bastante xente. A medida que avanzamos sentimos o rumor dun salto de auga que ven dun novo barranco e enseguida chegamos á fervenza de La Larri. Este segundo salto de auga non é tan alto como o do Cinca, pero vai caendo de xeito escalonado ata o fondo do val e sorprende pola cor avermellada das rochas. Como non, a pesar de ir con présa, non podemos deixar o lugar sen facernos unhas fotos sobre a ponte que o atravesa.
Continuamos camiño e, en nada, estamos co resto do grupo. As árbores van disminuindo en número a medida que ascendemos e pouco a pouco empezamos a avistar as extensas pradeiras dos Llanos de La Larri. Outro val fermosísimo!
Alcanzamos os Llanos de La Larri, onde nos agarda o groso do grupo, descansando un pouco máis abaixo do pequeno refuxio. Ao fondo do val, se miramos con atención, podemos observar as fervenzas do Barranco de La Larri, lugar ata o que nos achegamos percorrendo toda a pradeira. Facémolo con certa urxencia pois comezan a debuxarse no ceo unhas nubes de evolución que non teñen moi boa pinta e compre que non nos colla a chuvia.
O paseo ata a fervenza é un regalo, a pesar da cantidade de xente que hai a esta hora paseando pola pradeira, pois nos permite ir disfrutando das vistas sobre os grandes picos que nos rodean. Chegamos á fervenza e vemos como un tipo se está bañando nunha das súas pozas, cando non está permitido o baño no Parque Nacional!… parvos hainos en todas partes. Iniciamos pronto o regreso pois a chuvia ameaza cada vez máis.
Xa descendendo pola pista distingo o cilindro de Marboré medio cuberto (estivo cuberto de nubes todo o día e os picos máis altos non se deixaron ver), e comezan a caer as primeiras pingas, polo que decido recoller a cámara de fotos, non vaia a ser que me colla o chaparrón e non me dea tempo a gardala. Algún comeza a buscar o paraugas ou chuvasqueiro e levalo a man, e outros xa o poñen directamente mentres a xente sigue subindo cara aos Llanos.
Pronto deixamos a pista e adentrámonos nun frondoso bosque de faias e buxos, baixo o que apenas penetra a luz solar, pero con moita humidade no ambiente, polo que a roupa de auga comeza a sobrar rapidamente. O sendeiro que tomamos continúa descendendo por pendente acentuada e constante, perdendo neste tramo a maior parte do desnivel do percorrido. Aínda así, a auga comeza a mollar algunha parte do percorrido, polo que hai que baixar con moita precaución de non esvarar. Temos que ir con moito coidado xa que a beleza do entorno a menudo fai que nos despistemos e non prestemos atención ao terreo, con moitas raíces de faia e de piñeiro que temos que sortear.
O descenso debémolo facer moi rápido pois en pouco tempo fomos chegando aos poucos á Ermida de Nosa Señora de Pineta, alcanzando finalmente o aparcadoiro. Non houbo ocasión de facer os estiramentos, polo que o bus arrancou para Bielsa se máis demora.
Unhas cervexas antes da cea son o premio ao esforzo do día. Sentados na terraza do hotel sentímonos felices.
Cea de hoxe: Arroz con verduras, confit de pato con froitos vermellos e flan de callada.