Val, circo e cumio de Barrosa

25-07-2021
Val, circo e cumio de Barrosa
Circo de Barrosa

A ruta desta xornada consiste en facer unha estupenda visita ao Val de Barrosa. Comeza na ponte do Tartico, no quilómetro 88 da estrada que conecta con Francia polo túnel de Bielsa. É un percorrido de ida e volta polo val de Barrosa, nun impresionante ambiente pirenaico.

Aos catro quilómetros de andar chegamos ao refuxio de Barrosa, unha cabana de montaña utilizada por pastores e montañeiros. Aquí comeza unha longa ascensión ata o Puerto de Barrosa (2536 m), na fronteira con Francia, dende onde se divisa unha paisaxe impresionante. En xeral, este ascenso faise moi ben grazas ao zig-zag que fai o camiño, aínda que hai puntos rochosos nos que hai que andar con coidado de non esvarar. Incluso algún destes tramos pode dar vertixe.

Dende o Puerto teremos opción de seguir subindo dun xeito relativamente cómodo e levadío ata acadar o cumio de Barrosa, a 2762 m. Dende aquí, as vistas e a paisaxe son espectaculares.

MIDE:

  • Lonxitude: 23 km
  • Desnivel: Alto
  • Dificultade: Media
  • Severidade do medio natural: 3
  • Orientación no itinerario: 3
  • Dificultade no desprazamento: 2
  • Cantidade de esforzo necesario: 4 (ou 3)

Comezamos a camiñar…

Sabiamos dende un principio que vir camiñar aos Pireneos supuña madrugar. Hoxe tocou facelo ás seis da mañá. Almorzo ás sete e saída ás oito para comezar a andar ás oito e media. Estamos aloxados no Hotel Bielsa, na mesma localidade, e a impresión do aloxamento non pode ser mellor. A tónica xeral de horarios destes días vai ser sempre esta.

Val, circo e cumio de Barrosa

Imos adentrarnos nos Pireneos e a ruta de hoxe é longa. Ademáis teño certo medo a que me pase factura a longa viaxe de onte, pois imos subir ao cumio de Barrosa, aproveitando un dos ancestrais camiños de comunicación entre o Val de Bielsa e Francia. O camiño percorre, dende a ponte do Tartico, o descoñecido val de orixe glaciar de Barrosa.

Val, circo e cumio de Barrosa

A pista pola que comezamos a andar enseguida gaña altura e o Xerardo vai preocupado porque non dá cargado o track da ruta e vai tardar en facelo. Nótase que estamos en zona con pouca cobertura, aspecto que se vai reproducir noutras rutas destes días. Mentres subimos, o bosque de piñeiro negro vai ser o dono da paisaxe a medida que imos deixando atrás o bosque caducifolio ribeirego.

Aos quince minutos, sempre subindo, chegamos a un camiño chairo, situado enriba do cascallo do material que se sacaba dunha mina. Estamos pasando polo “teleférico” mineiro das minas de Parzán que subía polo mineral ao alto da Serra de Liena, onde encontramos varios paneis que nos descobren a tradición mineira do lugar.

Val, circo e cumio de Barrosa

A mediados do s. XIX estas minas, das que está documentada a súa explotación xa no s. XII, despertan o interés en enxeñeiros franceses e, a principios do s. XX, a Société Minas de Parzán, con sede en París, consegue a concesión da explotación mineira. Para levar o mineral a Francia, hai que idear un sistema de transporte que o faga rendible. E a solución está no “cable”. Desde aquí, un medido sistema funicular cargaba as vagonetas para ascender ata a vertente francesa polo porto de Salcorz, onde había un sistema de ángulo que posibilitaba o cambio de pendente e os vagóns continuaban descendendo, para transportar máis abaixo o mineral á estación de Arreau. Aínda hoxe, algunhas xentes de Bielsa chaman ao de Salcorz o “puerto del cable”.

Val, circo e cumio de Barrosa

O aire vaise volvendo máis fresco (o descenso térmico vai ser importante cando gañemos cota), as vistas vanse abrindo e o bosque denso comeza pouco a pouco a difuminarse entre prados que van gañando terreo; á dereita o río Barrosa acompáñanos polo espléndido entorno. O camiño continúa val adentro, co son do río a man dereita e ascendendo de forma suave. Así, sen avisar, a pista tórnase en senda e o bosque dá paso a espazos abertos. En hora e media de camiñada xa vemos o fondo do val, e ao pouco o refuxio de Barrosa (1770 m de altitude). Tras vadear o río chegamos ao refuxio, onde facemos unha boa parada para reagruparnos e coller forzas pois hai que iniciar a subida ao collado.

Val, circo e cumio de Barrosa

Magnífica a vista, xunto á cabana, do Circo de Barrosa. Gozamos das vistas deste magnífico accidente xeográfico de orixe glaciar. Descansamos á beira do refuxio, impresionados polo silencio e a tranquilidade deste recóndito e escondido lugar, interrompido por un bo rabaño de vacas, que coas súas características chocas non paran de soar. Atopámonos ao outro lado do cirque de Troumouse, que visitamos en 2017.

Val, circo e cumio de Barrosa

Comeza aquí a segunda parte da ruta, e tamén comezamos a notar a presenza de marmotas. O peculiar bruído emitido por algún dos membros do grupo que actúa como vixiante, dános as primeiras pistas da súa presenza. Xa no collado, os que ascenderon tiveron a sorte de divisar unha manada dos característicos sarrios pirenaicos.

Val, circo e cumio de Barrosa

Lazadas e máis lazadas trenzan un duro ascenso continuado ata o collado Puerto de Barrosa. Xa superados os 2000 m, un pouco antes de chegar ao Puerto, o Víctor reúnenos coa finalidade de decidir quen sube ata o collado e, unha vez alí, quen se anima a ir ata o Pico Barrosa.

Val, circo e cumio de Barrosa
Foto de Jaime

A pesar de que xa vou un pouco xusto de forzas, o que me anima a quedar é que aínda quedan puntos rochosos nos que hai que andar con coidado de non esvarar. Incluso algún destes tramos pode dar vertixe. Quedan moitos días por diante e prefiro reservar forzas, pois deste xeito, a lonxitude da ruta e o desnivel redúcense salientablemente para min. O lugar para quedar non pode ser mellor elixido. Quedamos catro, e máis tarde vanse unir tres compañeiras que descenden acompañadas por Rocío.

Val, circo e cumio de Barrosa
Foto de Xerardo

Polo que me contan os que chegaron ao collado, non se podía parar moito polo vento frío que había naquel momento (había menos frío no cumio da Barrosa), pero as vistas son fabulosas, onde a guinda é a vista cara aos Lacs de Barroude cubertos por pequenas nubes que salpican todo o val. O Puerto de Barrosa sitúase a 2534 m de altitude, entre os picos de Puerto Viejo (á dereita, 2742 m) e La Munia (á esquerda, 3134 m), dando paso ao val francés de Aragnouet.

Val, circo e cumio de Barrosa
Foto de Xerardo

Todos os que quedaron animáronse a subir ata o cumio de Barrosa. A subida dende o Puerto foi máis doada do esperado e as vistas dende alí, distinguindo varios cumios da cordilleira, pagaron moito a pena. Unha vista panorámica cunha forza visual espectacular foi a recompensa a tal esforzo. Estamos no 25 de xullo e Jaime e Xerardo fotografíanse cunha bandeira galega, para non esquecer celebrar o noso día lonxe da terra. Despois deste deleite hai que desfacer o camiño andado para volver ao lugar de partida.

Val, circo e cumio de Barrosa
Foto de Jaime

O regreso realizámolo seguindo o mesmo itinerario. Os que non acadamos o porto, iniciámolo antes e facémolo pousadamente, sen présas, e imos admirando a flora que hai ao longo do percorrido. Predominan os lirios azuis, pero tamén identificamos máis flores de montaña, como a azucena dos Pireneos.

Val, circo e cumio de Barrosa

Facemos unha última parada de novo no refuxio e, logo dun bo tempo de descanso, cruzamos de novo o río e continuamos. Imos disfrutando moito, captando detalles que pasaron desapercibidos na subida. Ata que nos metemos de novo no camiño boscoso que é o que queda por percorrer para chegarmos ao punto de partida. Non me lembraba eu do incómodo que era pois había que levar coidado de non esvarar pola cantidade de pedra solta que ten. Mentres estiramos, agardamos na chegada de quen decidiron subir ata o cumio e notamos nas súas facianas o desgaste físico que traen a medida que van chegando, pero felices de ter acadado o cumio. A estadía non podía comezar mellor!

Val, circo e cumio de Barrosa

Ao non pertencer ao Parque Nacional de Ordesa y Monte Perdido este é un val pouco frecuentado, pero para min non ten nada que envexar ao cercano val de Pineta, o seu veciño más famoso polo que camiñaremos mañá. Sen dúbida, o circo de Barrosa é un deses lugares que se teñen que saborear se nos gusta a montaña.

Cea de hoxe: Ensalada ilustrada, troita con bacon e tarta de chocolate

2 comentarios sobre “Val, circo e cumio de Barrosa”

  1. Mariví+Pardo+Gómez

    Estaba xa eu desexando ver as imaxes deste precioso, e esforzado, roteiro. Qué sensación de paz!!!!. Precioso!!!

    1. Pois si, unha andaina marabillosa e sen practicamente xente coa que cruzarnos. Natureza en estado puro! Salvo a de mañá, as outras rutas foron case para nós sós.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio