Ruta da Torre de Doncos
O municipio das Nogais encóntrase entre o límite meridional da Serra dos Ancares e o val que forma o curso do río Navia, dentro do conxunto das serras orientais galegas. O territorio sobre o que se asenta o municipio corresponde a unha espectacular paisaxe de montaña, na que a natureza é a protagonista. Caracterízase por unha alternancia de vales, destacando o curso fluvial do Navia, entorno polo que andaremos na xornada de hoxe.
A ruta da Torre de Doncos é unha ruta relativamente curta pero moi intensa en canto á beleza das súas paisaxes e a súa contorna. Ten un percorrido circular que comeza e remata nas Nogais. Os primeiros quilómetros, que nos levan ata a parroquia de Doncos, son coñecidos para nós, pois xa os fixemos na última ocasión que visitamos este concello facendo a ruta da Serra Longa. Son pouco máis de 3 quilómetros por un camiño (pista) moi amplo, entre bosques, que une a capital do concello con Doncos. Unha vez aquí temos que dirixirnos ao val de río Navia o cal temos que cruzar por unha ponte ao carón do Muíño da Veiga. Seguimos por fermosos camiños por zonas boscosas ata chegar á Torre de Doncos, situada nunha atalaia de enorme beleza, onde o río xa lle serve como foxo. O camiño segue entre bosques, subindo pouco a pouco ata o lugar de Chan de Vilar situado nun alto entre os vales dos ríos Navia e o Boullón. Aquí comeza o descenso ata As Nogais, pasando polo lugar de Robledo.
O percorrido non ten dificultades salientables, salvo os desniveis e lama nalgún punto concreto.
- Lonxitude: 13 km aprox.
- Desnivel: medio
- Dificultade: media
Comezamos a camiñar…
Bosque dos Grobos
Chegamos ás Nogais e, logo de facer a parada para o café, subimos ao bus novamente para que nos achegue ata o Bosque dos Grobos, un lugar máxico situado entre As Nogais e Becerreá, moi pouco coñecido e dunha excepcional beleza e singularidade. É un bosque pequeno, pero ateigado de curiosas formacións pétreas cubertas de fentos e liques entre ducias de castiñeiros. Facemos un breve percorrido polo seu interior (menos de 1 km), pois compre perderse e dar reviravoltas neste labirinto de pedras xigantes con formas caprichosas que nos permiten deixar voar a imaxinación.
O Bosque de Grobos, é o corazón de franxa caliza que forma parte da chamada Caliza de Vegadeo. A rocha calcárea, moi estrana en Galicia, deixa aquí tres enclaves de gran valor natural e arqueolóxico: o Aciñeiral de Cruzul, que xa percorremos, o xacemento paleolítico de Valdavara, onde apareceron os restos humanos máis antigos de Galicia e, sobre todo, a espectacular paisaxe kárstica dos Grobos, resultado da erosión da auga sobre a rocha sedimentaria durante millóns de anos.
Ruta da Torre de Doncos
Despois deste pequeno paseo que me encantou e recomendo visitar, voltamos ao bus que nos levou de novo ata As Nogais, onde nos preparamos para comezar a ruta da Torre de Doncos. Reunímonos na praza ao pé da casa do concello, o noso punto de partida e, logo de cruzar o río Valdeparada, comezamos a camiñar por unha pista que pouco a pouco chega ata a parroquia de Doncos, lugar dende onde hai uns anos principiáramos unha fermosa ruta que nos levara ata as ruinas da Ferreiría de Bois.
Este tramo é moi fermoso. Vai ascendendo por un camiño cuberto de castiñeiros, con algún exemplar cun porte bastante considerable. Anteriormente tiña sinais indicando que formaban parte da Ruta dos Soutos, e na actualidade atopamos sinais da Vía Künig, unha variante do Camiño Francés que pasa pola cidade de Lugo, onde enlaza co Camiño Primitivo, e que recibe o seu nome do monxe alemán Hermann Künig, autor da guía de peregrinos medieval que recolle este itinerario a Santiago. A verdade é que ten moi boa pinta esta variante e non descarto facela proximamente.
Logo duns tres quilómetros de subida moi levadeira, chegamos ao primeiro núcleo de poboación, xa na parroquia de Doncos, As Lamas, onde nos detemos para agruparnos. Estamos nun dos puntos altos da parroquia e dende aquí xa temos moi boas vistas do val formado polo río Navia. Unha mastín que está coidando do gando achégasenos deixándose acariñar, pero temos que deixarnos de arrumacos e seguir camiñando, que o grupo non agarda.
Comezamos o descenso ata a Doncos, cereixa si e cereixa tamén, e aínda temos tempo para irmos apreciando mostras de arquitectura popular, como esas casas robustas de planta cadrada e teito de lousa, que tanto me gustan, cos hórreos típicos da zona dos Ancares, feitos en madeira, con planta cadrada e teito de palla. Aínda que algún non se atopa en no moi bo estado, é unha delicia ver como aíndse manteñen estas construcións!
Pasamos pola xa visitada igrexa de Santiago de Doncos co seu orixinal reloxo na espadana (non ten motor e hai que darlle hora a diario). O lugar ten máis elementos nos que hai que deterse un pouco, como o lavadoiro de Fumaior, o castiñeiro centenario, en torno ao que instalaron un pequeno parque infantil en desuso e en mal estado, ou o pazo de Doncos, tamén chamado “Casa de su Excelencia”, un magnífico e fermoso edificio de estilo neoclásico de fins do século XVIII. Moi probablemente os planos foron realizados polo enxeñeiro francés Charles Lemaur cando entre 1767 e 1769 estivo por esta zona dirixindo as obras do Camiño Real de Carlos III (Lemaur é o autor do Pazo de Raxoi na Praza do Obradoiro, entre outras obras). O edificio sitúanos fóra da aldea fronte á A6 e N-6 e dende onde podemos ver por primeira vez a Torre de Doncos.
Atravesamos as dúas vías por medio de pasos inferiores e, logo de pasar por un vertedoiro de lixo incontrolado, o camiño de baixada ata o Navia é unha marabilla: estalotes, lirios silvestres, madreselva, amorodos silvestres que atopamos nas beiras do camiño dos que nos imos aproveitando… unha delicia.
Antes de cruzar o río Navia, que nace no veciño concello de Pedrafita do Cebreiro, pasamos polo Muíño da Veiga, construción tradicional dun muíño típico da zona. Fabricado en mampostería de lousa e cuberta de laxa de lousa. En realidade o muíño é unha acea e así se lle chamou sempre. A diferencia estriba en que a acea está formada por unha roda horizontal, da que sobe un eixo vertical que move todo o enxeño.
Entre bosques de castiñeiros, case sen decatarnos, de seguido aparece ante nós a Torre de Doncos, situada nun punto realmente estratéxico. Do que foi a primitiva fortaleza, só queda a esvelta torre construída a base de mampostería e pezas de granito nas ventás e algunhas saeteras. A mediados do século pasado conservaba practicamente todas as almenas, pero os repetidos movementos sísmicos dos anos 90 e o seu estado de abandono levaron á torre a un estado delicado.
As Nogais foi lugar notable do Camiño Real de Castela -último treito da subida a Pedrafita-, sendo a torre de Doncos e os castelos de Doiras e Valcarce quen defendían esta entrada en Galicia.
Recoñecido é, tamén, que o adiantado maior de Galicia, García Rodríguez de Valcarce era o dono de Doncos alá polo século XIV, mentres que no século XV pertencía ao conde de Ayala e á condesa de Monterrei. No século XVII, Doncos é xa unha torre abandonada, propiedade de Fernando de Toledo. No século XIX, en plena Guerra da Independencia, os habitantes das Nogais resistíronse ao avance das tropas francesas, quen devastaron a torre, ademais doutros lugares do termo municipal. Posteriormente, en 1835, os veciños formaron unha partida de voluntarios para perseguir aos carlistas (fonte: terrasdelugo.info).
Imos percorrendo a torre perimetralmente para non agolparnos e, pouco a pouco, imos abandonando o lugar. A paisaxe, o entorno e o lugar onde está chantada a torre non deixan de marabillarnos. Continuamos camiñando un pouco máis e decidimos facer a parada á beira do río da Ferreira para repoñer forzas, antes de comezar a subida ata Chan de Vilar.
A subida vaise facendo pouco a pouco e a calor axuda a que sexa unha miguiña máis custosa, pero nada que non se poida superar. O camiño segue sendo baixo sombra ata que nos atopamos un bo tramo ao descuberto, producto da tala dun piñeiral que, por mor da maquinaria, nos deixa o vello camiño de carro case desaparecido e cheo de pólas, o que dificulta un pouco o andar. Unha mágoa!
Botámoslle unha última ollada á torre dende o alto e entramos en Chan de Vilar. Dende aquí só queda baixar, e podemos ollar dende este lado todo o val que forma o río Boullón. Os dous quilómetros que nos quedan para chegar a As Nogais son os que presentan maior pendente, pasamos pola pequena aldea de Robledo e en nada poñémonos na estrada que nos leva directamente ao centro da vila.
Non deixo de sorprenderme coas paisaxes que ten este concello e, ademáis, esta ruta conta entre os seus atractivos o de poder coñecer algo mellor a historia dunha das fortificacións máis suxerentes de Galicia. Unha boa razón para camiñala!
Qué precioso roteiro!!!
Grazas Mariví. A verdade é que sí, e a torre é unha marabilla. Vale moito a pena empregar o tempo que leva chegar alí e logo ter este regalo de ruta! Bicos.