Ruta por Serra Longa
Regresamos ao concello de As Nogais para facer unha ruta por zona de montaña. Das que me gustan, vaia! Unha ruta moi recomendable, con bos camiños en xeral, cun alto interese natural e paisaxístico, na que a dificultade pode vir dada polo desnivel e a lonxitude.
A ruta comeza no centro das Nogais e vai por unha pista que pouco a pouco chega ata a parroquia de Doncos e segue pola denominada Serra Longa ata chegar a Pedrafita do Cebreiro.
É un percorrido liñal que vai por cómodos camiños. Case toda a ruta é un continuo ascenso aínda que se fai moi ben, xa que a pendente non é moi forte. Só no último quilómetro e medio faise unha baixada para chegar a Pedrafita, punto final da andaina.
Gran parte do percorrido vai dentro do LIC Ancares-Courel xa que conta con interesantes valores naturais, e tamén paisaxísticos.
- Lonxitude: 15 km aproximadamente
- Desnivel: medio
- Dificultade: media
Comezamos a camiñar…
Antes de iniciar o percorrido paramos na capital municipal para tomar o café. Logo, reunímonos na praza ao pé da casa do concello, no centro das Nogais, o noso punto de partida e comezamos a camiñar por unha pista que pouco a pouco chega ata a parroquia de Doncos, lugar dende onde hai dous anos principiáramos unha fermosa ruta que nos levara ata as ruinas da Ferreiría de Bois. Este tramo vai ascendendo por un camiño tapizado de castiñeiros, indicado como Ruta dos Soutos, con algún exemplar cun porte bastante considerable. No treito, as árbores aínda espidas permítennos ter boas vistas panorámicas dos vales de As Nogais e, a pesares de que a primavera aínda non despuntou, xa se empezan a apreciar as distintas tonalidades de verdes que hai no val e algunha que outra cerdeira en flor. Anque hoxe choveu por media Galicia, polo menos a choiva respectou o noso día de sendeirismo.
Logo de varios quilómetros camiñando, os primeiros núcleos de poboación que atravesamos son As Lamas e O Pandelo, na parroquia de Doncos, onde nos cruzamos cun paisano que anda a cortar as pólas dos castiñeiros. Neste lugar podemos apreciar aínda mostras de arquitectura popular, como esas casas robustas de planta cadrada e teito de lousa, cos hórreos típicos da zona dos Ancares, feitos en madeira, con planta cadrada e teito de palla. Unha delicia ver como aínda se manteñen estas construcións!
Continuamos a subida ata Os Chaos no que pode ser o tramo da ruta con maior esforzo, pois temos que salvar un desnivel duns 400 m nuns 4 km. Na aldea do Couso, uns cans amedrentan a parte do grupo, pero os donos fanse rapidamente con eles. Aínda así, decidimos facer a primeira parada para reagruparnos e descansar da subida unha vez pasado o núcleo de vivendas. E de aí ás Casas da Serra, catro casas que coido abandonada algunha delas, pero unha mantén unha actividade gandeira bastante boa.
Logo de facer un pequeno descanso para xantar no mesmo camiño, continuamos cara a Pedrafita, e facémolo xa pola Serra Longa. Dende aquí hai unhas vistas impresionantes sobre toda a comarca de As Nogais, parte do Cebreiro, Becerreá e outras zonas montañosas, que se nos amosan cubertas polas últimas neves caídas durante a semana pasada. Unha fermosura!
Achegámonos ao punto final. Só restan un par de quilómetros de baixada ata Pedrafita, que facemos por unha pequena estrada. Chegados ao noso destino, estiramos, cambiámonos de calzado e fómonos tomar unha cervexa e mercar un queixo do Cebreiro que está espectacular. Como digo case sempre, hai que consumir no comercio local para axudar que unha zona tan fermosa como esta se manteña. Coido que non tardaremos moito en voltar por estas terras, pois paga moito a pena o madrugón e a viaxe ata aquí!