Ruta de Los Puentes

31-03-2018
Ruta de Los Puentes

 

O Parque Natural Saja-Besaya foi creado o 2 de maio de 1988 e atópase situado na zona centro-occidental de Cantabria, sendo o parque natural máis extenso de rexión cunha superficie de 24.500 Ha repartidas entre os municipios de Ruente, Cieza, Areas de Iguña, Cabuérniga, Los Tojos e La Hermandad de Campoo de Suso, ademais dun territorio común chamado Mancomunidad Campoo-Cabuérniga. Aínda que tivo unha intensa actividade gandeira, esta non afectou á conservación dos magníficos ecosistemas forestais que contén e que son un dos mellor conservados da Península Ibérica.

Imos transitar por dentro deste Parque Natural, pola cabeceira do río Bayones, e coincide coa práctica totalidade do sendeiro de pequeno percorrido PR-S 111, tamén coñecido como Sendeiro de Rozas ou Monte Río de los Vados. Estes “vados” ou pasos rodean o val do Bayones onde son moi frecuentes pola gran cantidade de arroios que hai que pasar por medio de pequenas pontes de madeira, de aí o seu nome.

Este percorrido quizais sexa a etapa raíña destes catro días por Cantabria, non tanto pola súa dificultade se non máis ben pola súa beleza. É un percorrido circular que comeza e remata na Casa do Monte, unha área recreativa dentro do concello de Ruente, no val de Cabuérniga. O itinerario ten un altísimo valor natural e paisaxístico.

  • Lonxitude: 15 km
  • Dificultade: media
  • Desnivel: medio

A ruta, cun desnivel algo pronunciado ao comezo pero moi suave no resto, vai case todo o tempo por un impresionante bosque de carballos, con exemplares de gran porte, algúns catalogados como árbores singulares de Cantabria como o Carballo Tumbao, aínda que hai zonas onde se poden ver bos exemplares de faias, como a Faia nº 20 que anda nos 35 m de altura, acompañadas doutras especies, entre as que destacan pola súa abundancia o acibro, a abeleira e o piñeiro albar. A fauna existente non é menos importante con abundancia de rapaces, mamíferos, anfibios, etc. É abraiante camiñar tantos quilómetros polo bosque tan ben conservado. Ás veces o camiño sáese del para poder gozar do mesmo dende fóra e observar a súa magnitude.

Ruta de Los Puentes

Unha vez que chegamos ao noso destino final na casa do Monte, feitos os estiramentos,nos aseamos un pouco, cambiamos o calzado e feita a foto de grupo, fomos tomar a cervexa a Ruente, mentres falamos da sorte que estamos a ter co tempo pois, polo menos a choiva respectounos outro fermoso día de sendeirismo.

Tamén en Ruente achegámonos ata a Fuentona de Ruente, declarada como Punto de Interese Xeolóxico. É unha surxencia natural de auga que brota ao pé dunha parede de rocha caliza, de caudal abondoso aínda que variable.

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio