Ruta de Bárcena Mayor a Ozcaba

Ruta de Bárcena Mayor a Ozcaba
  • Lonxitude: 21 km
  • Dificultade: media
  • Desnivel: medio

Este día desprazámonos dende Cabezón de la Sal, onde estamos aloxados, ata Bárcena Mayor, o único núcleo de poboación incluido no Parque Natural Saja Besaya, situado no corazón do parque e considerado un dos pobos máis fermosos de Cantabria.

Aínda que é longa a ruta faise moi ben, xa que o camiño en xeral é bastante bo e a pendente non é moi pronunciada.

Logo de deixarnos o bus no aparcadoiro que hai á entrada do pobo, comezamos a camiñar dende a ponte sobre o río Argoza. A ruta, que é de ida e volta, lévanos ata Ozcaba, unha zona de pastos preto do porto de Palombera.

Segundo nos ilustra un cartel informativo, a ruta ponnos en contacto cunha das vías de comunicación entre a Cantabria occidental e Castela permenentemente usada ata finais do s. XIX, cando era todavía o camiño principal polo que os pobos do Saja recibían de Castela o viño e o trigo, ao tempo que lle enviaban apeiros de labranza, barriles ou carros. Este carácter de vía de comunicación ímolo apreciar en certos tramos ben empedrados do camiño e restos de antigas ventas.

A ruta tamén goza dun altísimo interese natural e paisaxístico e transcorre ao longo dun val moi fermoso, onde abundan os bosques, alternando con zonas de pastos. Apreciamos, a medida que gañamos altura, un moi significativo escalonamento da cuberta vexetal, e unha paisaxe de montaña con amplas vistas, que locen espectaculares cos cumes nevados.

O último tramo do ascenso facémolo por pista, que encontramos cuberta de neve ata a cabana que hai antes do porto de Palombera. Non houbo moito tempo para xantar ao pé do refuxio, pois o vento zoaba forte e ameazaba chuvia, pero afortunadamente non chegou descargar, polo que decidimos non demorar moito o regreso.

Ao rematar, houbo tempo para visitar máis detidamente Bárcena Mayor e gozar del, apreciando as coidadas casonas montañesas de factura popular, con amplas solainas e soportais abertos por arquerías de sillería, ou as fileiras de casas de dous andares, con soportal, solaina e cerramentos de madeira. Tamén houbo tempo de gozar da súa gastronomía, pois acompañamos un par de botellas de sidra cuns callos con garavanzos que souberon a gloria!

Ruta do val do río Aviouga

2 comentarios sobre “Ruta de Bárcena Mayor a Ozcaba”

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio