Geira Romana e dos Arrieiros. De Cortegada a Beade

24-03-2018
Geira Romana e dos Arrieiros. De Cortegada a Beade

Había tempo que tiñamos aparcada a continuación desta ruta que iniciamos no outono pasado saindo de Braga pola geira romana enlazando co camiño miñoto e o camiño dos arrieiros, e que nos está a deparar grandes momentos. O motivo fundamental é o tempo que estamos a ter, e hoxe parece que fomos un pouco arriscados de máis, pero as previsións de frío, néboa e chuvia non nos desaniman para retomar este fermoso camiño, que deixamos en Cortegada en xaneiro pasado. As previsións mudaron un pouco e aproveitando uns raios de sol continuamos esta ruta  que nos achega a Compostela. Hoxe andamos por terras do Ribeiro. Saímos de Cortegada e, cruzando polas pontes dos ríos Arnoia, Miño e Avia, chegamos a Ribadavia, e acabamos en Beade despois de 22 km de agradable compañía…

Hoxe imos provistos dun acompañante novo que nos vai guiar ata Compostela, a primeira guía do peregrino que se editou sobre este camiño, De Braga a Santiago polo Camiño da Geira e dos Arrieiros (Jeira-Ribeiro-Miñoto), sen dúbida unha boa axuda para os peregrinos e camiñantes que decidan facer este percorrido, que recomendamos vivamente. Redactado por Carlos da Barreira e Henrique Malheiro, dous apaixonados do Camiño de Santiago, deseñan un percorrido dividido en 9 etapas, á súa vez cada etapa está fraccionada en 2 ou 3 tramos, para que cada peregrino poida adaptar ó seu gusto a distancia percorrida. Nós temos pensado percorrelo en once, e hoxe imos a pola sétima!

Comezamos a camiñar…

Despois de despedirnos do Buena Vista e sair de Cortegada, o primeiro punto interesante encontrámolo aos dous quilómetros de inicio, a Igrexa de san Bieito de Rabiño, que nos recibe cun fermoso arco da vella proxectado sobre o Miño. Nótase que entramos na primavera, pois algunha chuvascada fíxonos deter e abrigarnos cando puidemos, pero en pouco tempo o sol volvía sair sen maiores dificultades.

San Bieito de Rabiño atesoura séculos de fe e fervor popular. Neste centro de devoción deixábanse ofrendas e mercábanse exvotos e elementos relixiosos e aínda hoxe segue a ter gran número de devotos, contando na súa historia cun importante número de curacións milagrosas atribuídas ao santo, tal como nos relata unha veciña que ven de arreglar a sepultura dos seus, engadindo que é una pena que atopemos o templo pechado polo bonito e grande que é. “Unha mágoa que non viñeran o pasado día 21”, coméntanos para que corroboráramos o que dí, pois foi cando celebraron a festa do santo. Haberá que volver o 11 de xullo, o outro día de festa que lle adican!

Coñecido nas súas orixes como San Bieito de Arnoia, daquela priorato dependente de Celanova, a igrexa actual é do século XVII, de estilo barroco. O templo, dunha soa nave, conta con dúas capelas laterais, e na sur atópase unha espléndida imaxe adicada ao santo. A escultura de San Bieito que se atopa sobre a porta principal representa ao santo acompañado dun corvo cun anaco de pan no peteiro. A imaxe reflicte o milagre no que o santo evitou un pan envelenado, grazas á axuda do corvo que o levou lonxe del.

Geira Romana e dos Arrieiros. De Cortegada a Beade

Detrás da igrexa está ubicado o Humilladoiro, un templete barroco, do século XVI, que ten un cruceiro no seu interior tallado por dúas bandas. Por unha, a imaxe de Xesucristo e na outra a Virxe co neno.

Deixamos a igrexa á nosa dereita e continuamos camiño. Andados máis de catro quilómetros, na seguinte aldea, Meréns, gábanse de ter o escudo máis grande de Galicia na porta dunha casa. Como moitas veces, no paso pola aldea ladran uns cans soltos, pero parecen mansos. O do escudo debe ser certo pois é impresionante! Eu moito de heráldica non entendo pero parece ser que está nunha casa que foi da Inquisición.

Geira Romana e dos Arrieiros. De Cortegada a Beade

Abaixo, divísase o Miño e non tardaremos moito en chegar á súa beira, que percorreremos durante un bo treito por unha pista moi sombreada que nos leva ata a ponte sobre o río Arnoia, que cruzamos e continuamos pola beira deste río por un paseo fluvial ata que desemboca no Miño. Anque os chuvascos non nos arredran, aproveitamos e facemos parada diante dunha capeliña, ao pé do Hotel balneario de Arnoia.

A paisaxe é auténtica do Ribeiro, viñas e viñas polas que pasamos, case todas moi coidadas e nas que comezan a aparecer os primeiros gromos. Mágoa non percorrelo no outono cando estean xa co froito e as follas comezen a ter esas cores tan rechamantes… pero a paisaxe non deixa de ser espectacular.

Geira Romana e dos Arrieiros. De Cortegada a Beade

Na Reza pillounos unha boa chuvascada, a última forte do día, o que obrigou a deternos ao abrigo das súas casas. Logo de continuar por un bo treito de pista á beira do Miño e sempre coa presenza das viñas, hai que saír dela e volver á estrada, pola que camiñamos ata acadar primeiro a ponte sobre o río Miño, dende onde vemos como se funde co Avia, e logo xa continuar ata Ribadavia, levando como compañeiro a este último, que baixa cheo e moi vivo. Nin a estrada nin a ponte teñen beiravía, polo que hai que levar moita precaución, anque o tráfico é escaso.

Ribadavia, capital da Comarca do Ribeiro, é desas vilas de Galicia que hai que saborear. Patrimonio, cultura, historia… decidimos non facerlle caso ao track e entramos na vila pola Porta Falsa. Parece que o día nos quere agasallar e a chuvia vainos dar unha tregua mentres ruamos pola zona antiga cun sol espléndido. Que fermosura de vila!

Geira Romana e dos Arrieiros. De Cortegada a Beade

Por algo o burgo medieval foi declarado conxunto monumental histórico artístico en 1947. Foi a partir do s. XII cando empezou a expansión económica e demográfica de Ribadavia e a súa comarca, potenciada pola influencia e o poder dos mosteiros de San Clodio, Oseira e Melón, e relacionada co cultivo e o comercio do viño do Ribeiro, que acadará gran fama durante séculos en toda Europa, vivindo o seu máximo apoxeo entre os séculos XV e XVII.

A fame apreta e aproveitando que hoxe é día de mercado, decidimos parar a xantar dando boa conta do polbo que están cocendo na rúa diante do Bar Calvo. Sabe que nin diola! Logo caeu carne ao caldeiro, moi rica por certo, e queixo con marmelo para rematar… pensei que nos ía dar preguiza continuar os seis quilómetros que nos quedan, porque a sobremesa estaba a ser moi animada, pero continuamos.

Logo de facernos unha foto diante do castelo dos Condes de Ribadavia, volvemos entrar na zona antiga para facerlle unha última visita. Deixamos atrás os últimos edificios, e entramos na senda peonil que vai á beira do Avia.

Pero aínda nos quedaba algunha sorpresa. Un fermoso peto de ánimas, custodiado por un poste da luz, un espello e un cartel, indícanos o camiño cara a fermosa igrexa románica de San Cristovo de Regodeigón que ofrece unha bonita estampa, pois  conserva practicamente íntegra a súa fábrica románica orixinal. A pesares de que había funeral con remuíño de xente na entrada, poidemos ver na súa fachada principal a porta de acceso, enmarcada con arco apuntado rebaixado levantado sobre pilastras. Por riba destaca unha cornixa sobre canzorros e unha fornela con arco de medio punto sobre pilastras. Remata cunha espadana de dous ocos coroada coa figura dun cordeiro en pedra. Chama a atención o muro lateral, no que destaca unha porta de acceso, hoxe tapiada, e dúas fiestras nas que vemos gravada baixo o arco dunha delas unha serpe, un animal maléfico e demoníaco, que tenta entrar no templo.

Geira Romana e dos Arrieiros. De Cortegada a Beade

Antes de chegar a Beade, imos por un mar de viñedos. Impresionante! O piso de asfalto supera os intervalos sobre terra, pero son pistas con moi pouco tráfico (supoño que na época da vendima haberá un rebulir de vehículos para arriba e para abaixo!), aprovéitase todo o espazo posible para chantar un pé de viña. Paramos a falar cun veciño que está plantando logo de reparar o muro… “aquí sempre hai traballo que facer”, dinos sen deixar de traballar. Unha pequena costa ata a ermida, dende onde divisamos o final da andaina de hoxe, fai que botemos un resoplo de alegría.

Geira Romana e dos Arrieiros. De Cortegada a Beade

Comeza o descenso cara a Beade, no val do Avia e continuamos polo mar de viñas. A medida que camiñamos por Beade, saltan á vista varios exemplos de casas abandoadas, descoidadas e arranxadas sen respetar o máis mínimo o legado da fermosa construción da zona (anque algunha chama a atención por todo o contrario, pero son as menos), do que tivemos varios exemplos por todos os lugares por onde pasamos.

Rematamos cos pés cansos ao chegar á praza de España beadense, pero unha cervexa reparadora no Bar Celta, mentres que agardamos que os compañeiros volvan cos coches dende Cortegada, e as conversas sobre o ben que o pasamos e a sorte que tivemos co tempo, axudan a ter un final de xornada perfecto!

Ruta do val do río Aviouga

4 comentarios sobre “Geira Romana e dos Arrieiros. De Cortegada a Beade”

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio