
Por fin este sábado puidemos retomar o noso Bono-ruta da Geira Romana e dos Arrieiros. Xa levabamos un tempo no que non conseguiamos reunirnos para realizar a nosa tan desexada marcha de sendeirismo, e parecía que todos os Deuses se aliaran para que nos quedásemos sen saír a camiñar, xa fose porque había algunha outra andaina, algunha comida ou outro acontecemento e cando non era por algunha desas causas era pola previsión meteorolóxica, nada propicia para estas saídas.
Logo do madrugón, ao que non nos afacemos, chegamos ao Bar Celta en Beade, o noso punto de partida de hoxe. Mentres os condutores levan os coches á chegada en Igresario, o resto entretense falando co taberneiro ou lendo cantigas de mofas e burlas, como esta que dí:
Asubía miña nena
Asubía que fai vento
Eu tamén asubiaba
Cando era do teu tempo
O dono do bar, como non podía ser doutra maneira, tamén é colleiteiro e quérenos amosar encantado a súa vella adega, pero terá que ser outro día pois non damos arrancado!
Cunhas 2500 ha de viñedo e unha produción media 14 millóns de quilos de uva, no Ribeiro distínguense tres vales polos que andivemos neste Camiño, xerados polos seus tres ríos principais: Miño, Avia e Arnoia, unha contorna natural formada por abas, bancais e terrazas, excelentes para a produción de viños de calidade elaborados por sabias mezclas de variedades autóctonas.
Comezamos a camiñar…
A partida dende o bar ten un punto de interese nada maís sair. Malia as súas reducidas dimensións, o concello de Beade, é un dos centros históricos da comarca do Ribeiro que dominan o gran val do Avia. Pola súa historia destaca a súa espectacular igrexa.
Asentada entre viñedos, a Igrexa de Santa María de Beade é moi interesante. Pertenceu á orde militar de San Xoán de Xerusalén ou de Malta, como o acredita un emblema situado nas proximidades e un fermoso cruceiro coroado coa cruz desta Orde de Malta. A pesares de que conta con elementos de épocas anteriores, a estrutura e a súa fachada son renacentistas e sobre todo sobresae a maxestuosa torre barroca de catro corpos. Destaca tamén o vía crucis que desde a igrexa de Santa María se drixe cara á capela de San Roque, onde acaba formando un magnífico conxunto de Calvario.
Deixado atrás o templo, decidimos aventurarnos polo camiño que baixa cara ao regato de Caldelas, que xa nos advertiran que estaba intransitable malia que sería o itinerario lóxico a seguir. E tiñan razón, polo que voltamos á estrada para percorrer un par de quilómetros por ela ata o cruce que vai a Berán. A pesares de que imos baixo sombra, este treito é penoso. Primeiro porque non hai beiravía pola que se poida camiñar sen perigo e, segundo, porque a fermosa paraxe que vai á nosa dereita está chea de lixo! Unha vergonza. Se estes concellos queren fomentar esta ruta o que teñen que facer é crer nela, pero dá a impresión que este de Beade non ten o maior interés no asunto. Non custa nada meter unha desbrozadora polo camiño abandonado e recuperalo.
Logo de desviarnos cara a Berán, xa no concello de Leiro, continuamos por camiño entre viñedos moi coidados e traballados, que chegan practicamente ata o centro do núcleo poboacional. Tradicionalmente, no Ribeiro ten unha gran presenza e relevancia a figura do viticultor, e na actualidade, están rexistrados uns 5500 que, xunto coas adegas e colleiteiros representan a estrutura produtiva da denominación de orixe Ribeiro, caracterizada pola súa gran parcelación e diversificación. Un patrimonio vitivinícola que representa a esencia galega pola súa paisaxe, territorio e factor humano.
Que patrimonio máis rico hai nesta comarca, e en Berán volve destacar a súa igrexa, baixo a advocación de san Breixo. Un edificio barroco con restos do renacemento e o escudo dos Sarmiento na parte alta da fachada, profundamente decorada con molduras e nichos. Xunto con Santa María de Beade, son construcións que nos falan de épocas de esplendor económico nestas terras rodeadas por interminables cultivos de vide que durante os séculos XVII e XVIII proveron de viño aos grandes centros urbanos de Galicia e ata fóra dela.
A aldea da certa pena. Casas de boa fábrica abandonadas e ruinosas que reflicten este pasado exitoso ligado ao viño. O Jaime repara na placa da praza do capitán Alesbán Pérez, capitán de infantería do bando golpista que participou en consellos de guerra como vocal, unha vez rematada a guerra civil. En Santa Coloma de Gramanet deben acordarse del e da sua familia…
O viñedo segue a ser a paisaxe dominante ata a pequena capela de San Roque, onde volvemos apreciar a gran parcelación das terras. Dende esta capela ata Lebosende imos por unha paraxe moi fermosa, por vellos camiños limitados por grosos muros de cantería.
Lebosende é outra parroquia pertencente ao termo municipal de Leiro. Un punto inmellorable para pararnos a admirar a paisaxe do val, pois por algo é denominado o Balcón do Ribeiro. Aquí destaca a Igrexa de San Miguel de Lebosende, de estilo románico con arquivoltas semicirculares sobre columnas acodilladas na súa portada principal. O resto da edificación corresponde a obras realizadas no s. XVI, como a bóveda de pedra e madeira ou esculturas e pinturas do seu interior.
Logo continuamos ata Pazos de Arenteiro, en Boborás, atravesando bosques e regatos e algunha aldea abandoada como Conventiño, practicamente engulida pola vexetación, sobre todo polas acacias.
Pazos de Arenteiro é conxunto histórico de cascos urbanos declarados como tal. En Pazos botou fondas raigames a nobreza do viño. Fidalguía apiñocada en gran número de casas grandes. O lugar foi declarado conxunto histórico en 1973, tendo no seu haber un gran número de construcións pacegas, das que Otero Pedrayo salienta o pazo dos Cervela. Sobresae a románica igrexa de San Salvador, que formou parte dun antigo mosteiro. Seguimos a ver como o viño foi elemento singular da zona, a fonte de riqueza que propiciou, neste caso, a proliferación dos pazos.
O tempo bótasenos enriba, pois quédanos unha hora e media para estar en Feás, onde quedamos para xantar, e témonos que enfrontar ao máis duro da andaina de hoxe! Despois de camiñar dous quilómetros escasos por estrada, e chegados a Salón, iniciamos unha forte subida entre as vivendas da aldea que nos vai facer suar… aínda así temos tempo de ver na parte alta do lugar, unha vez cruzada a estrada, unha serie de vivendas en ruinas nas que chama a atención un forno de pedra, o Forno da Seara, con todas as partes que o compoñen en bo estado, a capela, a parroeira, o tendal ou lareira, a borraleira etc. Unha mágoa que a edificación en si estea en ruínas e sen tellado. Detémonos nas últimas casas ante o dintel dunha delas na que figura a inscrición da data de construción acompañada de dúas estrelas de David tamén gravadas na pedra. Que mágoa que o conxunto estea neste estado tan ruinoso!
Un pouco máis arriba, o peto das ánimas de Santa Lucía, un peto de considerable antigüidade, dos chamados arcaicos e monolíticos, introdúcenos nun sendeiro sombreado polo que seguimos ascendendo ata desembocar no lugar de Igresario.
E rematamos en Igresario, parroquia de Albarellos, unha das poucas de Boborás que pertence á D.O. Ribeiro e dende a que nos despedimos desta fermosa comarca. Logo de descansar da prolongada subida, dirixímonos a Feás, onde Aurora nos ten preparado un xantar no Nitron (ou Nictron), que sabe a gloria! Hai que dicir que o Nictron é o único bar que hai entre Pazos de Arenteiro e Beariz, polo que hai que programar ben as etapas por esta zona. A amabilidade con que nos trata fai que teñamos unha sobremesa prolongada e ata intervén ela na conversa, que rematamos facéndonos unhas fotos ás portas do local. Seguro que volvemos!
Vídeo
Galería

Gracias por esta fermosa descripción da ruta! Buen Camino!
De nada Carlos. A verdade é que está superando con creces as nosas espectativas!