O Courel, ascenso a O Faro

21-04-2018
O Courel, ascenso a O Faro

Nesta ocasión imos ao concello de Pedrafita do Cebreiro para intentar acadar o cumio de O Faro, segundo cumio máis alto do Courel, a 1615 m de altitude.

  • Lonxitude: 20 km aproximadamente
  • Desnivel: alto
  • Dificultade:  media-alta

A ruta comeza preto de Zanfoga, na ponte sobre o río Lor, e vai por zonas boscosas e altas ata chegar preto de Fonteformosa e o seu faial, un dos poucos que hai en Galicia.

Logo seguimos camiñando ata pasar á provincia de León e baixar ao lugar de Busmayor, moi coñecido tamén por ter esta zona bosques en moi bo estado de conservación, onde destaca tamén o seu faial.

Pasaremos moi preto del, e incluso entraremos algo no bosque para gozar dos seus regos e as súas fervenzas, xusto antes de encarar a dura subida a O Faro (situado entre Galicia e León). Unha vez no cumio só nos queda baixar ata o lugar de Riocereixa, e de aí ata a ponte sobre o rego de Santín.

Esta actividade de ascenso a O Faro, polo seu desnivel e lonxitude, considerámola unha actividade de montaña. Aínda que os camiños en xeral son bos, é preciso ter unha boa condición física e estar acostumado a facer rutas de sendeirismo con soltura, así como ter certa capacidade de esforzo. Non é unha actividade apta para xente con pouca experiencia.

Comezamos a camiñar…

Lor ruxindo polo val pecho! Agrupámonos moi perto de Zanfoga, á beira dunha ponte sobre o río Lor, o río do Courel, e nada mais sair, sen preámbulos, xa acometemos unha forte pendente. Imos subindo polas devesas nas que reinan os castiñeiros, carballos, aveleiras, acibros e, de súpeto, atopámonos coa serra e os seus cumes tesos, coa aldea de Brañas á nosa esquerda, pola que pasamos de regreso das dúas subidas ao Monte Capeloso.

O Courel, ascenso a O Faro

Seguimos ascendendo por pista ata que facemos a primeira parada da xornada fronte ao faial de Fonteformosa, ainda espido, pois a primavera está a ser tardía, pero é o outono o momento ideal do ano para gozar do magnífico despregue de cores amarelas, douradas, laranxas e ocres, nas polas e non chan, nunha especie pouco común no territorio galego, polas súas esixencias ambientais, nunha das maiores e mellores concentracións de Galicia.

Xa andamos a certa altura e imos ter que camiñar cruzando algún que outro neveiro que aínda permanece sobre a pista pola que andamos, o que ralentiza un pouco a marcha, pero sen máis dificultade destacable. Iso fai que nos volvamos a reagrupar no Chan de Rabelo, xa na provincia de León.

Dende aquí ata Busmayor si que é placenteira esta longa andaina. Baixamos por unha pista ancha en agradable conversa e admirando a paisaxe, na que predomina unha cor marronácea debida aos fentos queimados e aplastados pola neve.

Cruzamos a aldea de Busmayor, e continuamos pola ruta da Senda del Faxeiral (a palabra que se utiliza aquí para dicir faial). O camiño está moi ben sinalizado e non ten perda.

O faial de Busmayor é espectacular, tal como nos contan en Rutinas Varias, unha bitácora que recomendo seguir se che gusta a fotografía e o sendeirismo. Certo que hai moitos faiais máis grandes en lugares máis espectaculares, pero o de Busmayor encerra uns saltos de auga moi fermosos que o fai singular. E que mellor para disfrutalo que facer a parada para xantar á beira do arroio da Valiña Grande, cun rosario de saltos que forma a auga no seu descenso a través do faial moi  fermosos.

O Courel, ascenso a O Faro

Logo de repoñer forzas e de facer unhas fotos polo entorno, continuamos camiño pola senda que vai xunto á marxe dereita do arroio, remontando este entre os numerosos saltos de auga que forma, ata chegar á Frevencia do Beiro (no Bierzo e en Galicia sóese dicir “fervencia” ou “fervenza”), quizais a fervenza máis alta e bonita de todas, pois componse dunha serie de fervenzas que iremos deixando á nosa esquerda a medida que imos subiendo cara ao faial. Non pillamos as faias no seu esplendor cromático, pero este tramo é espectacular, recordo poucos lugares de tanta beleza natural, e coa cantidade de auga que leva nesta época moito máis.

O que nos queda de ruta ata o Faro é esixente. Hai que gañar uns 600 metros de desnivel en tan só 2 quilómetros. Imos por unha pista con vistas abertas, o que nos permite apreciar a paisaxe e a espesa masa arbórea que acabamos de percorrer. Chegados ao Campo do Gamonal, e unha vez reagrupados, acometemos a última dificultade da xornada, o ascenso ata o Faro por un empinado cortalumes cun par de neveiros que hai que superar, malia que gozaremos moito, tanto na subida, como no cume.

O Courel, ascenso a O Faro

A pesares de que o día non é moi luminoso, dende o cume repasamos as cimas próximas como o Capeloso, o Oribio ou Formigueiros, aínda con neve, que se amosa impoñente… Formigueiros Montouto Pía-Páxaro tesos cumedo Courel!  Así evocaba Uxío Novoneyra nun dos seus poemas os montes máis altos desta serra lucense.

Decidimos facernos a foto do grupo con este telón de fondo cheos de satisfacción, pois o obxectivo da xornada estaba acadado.

Na baixada, xa superado algún que outro neveiro, as vistas cara os vales e as aldeas do Courel son estupendas. A baixada faise moi agradable e facémola a bo ritmo e seguimos disfrutando das paisaxes coa aldea de San Pedro focalizando as vistas. Riocereixa vai ser a última aldea pola que pasemos. Aos últimos do grupo sáenos ao camiño un boi con cara de poucos amigos, pero pronto é conducido ata os pastos próximos. A parada fainos manter conversa cun matrimonio que nos advertiu de que tiñamos que vir pola estrada, que por onde baixamos demos moita volta, e o camiño está moito peor…

De aquí ao final da ruta na ponte sobre o rego de Santín non queda moito que andar, e xa hai gañas de chegar polo cansanzo das pernas, pero con poucas gañas de que remate a actividade. A verdade é que non sabería dicir se me gustou máis a andaina polas montañas nevadas ou polo bosque… todo!!

Xa en Pedrafita, coma case sempre, cumpro coa miña máxima de se andas por estas terras, consome algo nos negocios da zona. Así axudarás a que unha zona tan bonita como esta se manteña Eu, desta vez repetín cun queixo do Cebreiro e unha peza de pan de Baralla, dos que darei boa conta ao chegar á casa. Marabillosa xornada!!

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio