Geira Romana e dos Arrieiros. Dende O Igresario a Beariz

Geira Romana e dos Arrieiros. Dende O Igresario a Beariz
Pouco a pouco imos queimando etapas deste fermoso camiño a Santiago que estamos a percorrer. Na xornada anterior fomos deixando atrás a comarca do Ribeiro para entrar na do Carballiño, pois tanto concello de Boborás (2510 persoas en 2015), como o de Beariz pertencen a ela. Estamos no NW da provincia de Ourense, e deixamos as fragas e as vides para camiñar por terreos máis accidentados, con predominio de montes e prados.

Antes de comezar a camiñar dende O Igresario achegámonos ata o adro da súa igrexa de San Miguel, de factura barroca, unha igrexa de certa esbeltez e nave única onde destaca a súa espigada espadana, de alta calidade no ornamento, dividida en dous corpos e rematada en cúpula.

Non enredamos moito polo adro, pois as campás tocan a morto e a chuvia xa comezaba a ser persistente. As previsións meteorolóxicas estánse a cumprir en todas as etapas, nas que tivemos de todo, dende altas temperaturas nas primeiras xornadas ata frío e auganeve no tramo de hoxe, o que nos impedirá ver nalgún momento a fermosura dos vales salpicados por pequenas aldeas como Feás ou Magros.

Comezamos a camiñar…

A pesares da chuvia, iniciamos a subida dende O Igresario e Distríz ata Paredes e facémola sen maiores dificultades. Neste último núcleo, abeirámonos durante un momento baixo a súa capela para poder admirar o altar con retablo e a imaxe de San Lourenzo, patrón do lugar. Apreciamos nunha pedra do seu lateral unha inscrición coa cruz de Malta. A saída de Paredes cara a Vilachá é un tanto desoladora, pois vemos perfectamente os efectos da vaga de lumes do outono pasado: a estrada pola que camiñamos está cuberta pola terra cinsenta do monte arrastrada polas chuvias do inverno.

Geira Romana e dos Arrieiros. Dende O Igresario a Beariz

Temos que facer parada obrigada en Feás, onde Aurora, a do bar Nictron, nos sorpende cun almorzo a base de biscoito e filloas que saben a gloria! Pendente en todo momento de nós, Aurora coméntanos que este camiño pode ser unha oportunidade para Feás, lugar no que hai dúas vellas escolas unitarias restauradas, ás que só lle falta dotalas de liteiras e mobiliario para que se convirtan en albergue. O concello debería implicarse xa, e non agardar a que outros lle tomen a dianteira como lugar de final de etapa.

Logo de secarnos e de despacharnos a gusto co doce, continuamos camiño polo medio da aldea. Feás non é moi distinto das aldeas polas que pasamos xornadas atrás. Casas vellas de boa factura mal coidadas ou abandonadas, prodixio da arquitectura popular e, a diferencia doutras zonas de Galicia, á maioría non se lle ve unha grieta nos seus impresionantes muros… e tamén hai casas novas que permanecen practicamente todas pechadas no inverno, construidas a maioría cos cartos da emigración que por estas terras foi moi forte, Venezuela, Panamá, México… Dous cruceiros despídennos de Feás, no ascenso á Serra da Fenteira cara a Magros, xa no concello de Beariz, o seguinte núcleo de poboación polo que pasaremos.

Geira Romana e dos Arrieiros. Dende O Igresario a Beariz

En Magros, como en Feás, tamén hai casas caídas, pero chama a nosa atención un grupo de hórreos todos en estado ruinoso, nos que na maioría só quedan os elementos sustentadores da estrutura en pedra granítica a modo de esqueleto, onde volvemos palpar a masiva emigración no século pasado dos mozos e canteiros da bisbarra que se desprazaban a outros países e a outras rexións de España, para as construcións, sobre todo, dos túneles do ferrocarril.

Na Fenteira (800 m de altitude), acadamos o punto máis alto da xornada de hoxe. No é o desnivel que superamos na etapa anterior, pero case chegamos aos 400 m dende que saimos do Igresario (440 m). Apuntan na guía De Braga a Santiago polo camiño da Geira e dos Arrieiros, unha boa compañeira para esta viaxe, que neste punto da Fenteira o antigo camiño ía por unha zona chamada Porto dos Bois, pero mentres non se consegue recuperar, hai que bordear polas pistas actuais. Agardemos que as administracións non se durman e que se recuperen o máis posible os pasos polos camiños orixinais.

Raro oficio o do arrieiro na Galicia tradicional, na que a xente estaba practicamente atada á terra para sobrevivir. O arrieiro, que non facía traballo manual, que ía de fonda en fonda e de vila en vila, era visto como a liberdade, pero tamén como o perigo da infidelidade marital.

Non te cases co arrieiro
que leva a vida penada.
Nin oe misa no domingo,
nin durme só na cam
a.

Estamos xa na parte alta do percorrido, sen dificultades salientables, polo que só compre baixar cara a Beariz. O noso camiño é rico por momentos, e acompañados pola auganeve, case sen decatarnos, estamos ás portas da vila, ante outro conxunto de hórreos esqueléticos, onde aproveitamos para facernos unha foto tras un deles totalmente espido. Que mágoa velos neste estado! Como ben comentaba María, estamos camiñando por unha Galicia rural cun xeito de vida xa perdido, mesmo morto, que xa non vai volver.

Geira Romana e dos Arrieiros. Dende O Igresario a Beariz

Parámonos ante a igrexa parroquial de Santa María de Beariz, construida no século XVII, e na que sobresae, na fachada principal, a torre-campanario e a imaxe da Virxe con motivos ornamentais que enmarcan a figura. Seguimos baixo a auganeve ata o centro da vila, onde vemos outro grupo de hórreos, estes ben restaurados e coidados, na Eira da Forxa.

Cunha parada no bar Centro para secarnos e mudarnos, damos por rematada a andaina de hoxe que, a pesares do tempo, nos sorprendeu gratamente. Na seguinte etapa abandonaremos definitivamente a comarca de Ribadavia para adentrarnos por Terra de Montes e Tabeirós, onde este camiño Vreeiro deixou unha interesante pegada do enorme significado e trascendencia que tiñan tanto o comercio coma a relixión na Idade Media e na Idade Moderna por estas terras.

Ruta do val do río Aviouga

1 comentario sobre “Geira Romana e dos Arrieiros. Dende O Igresario a Beariz”

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio