Outra tarde solleira para gozar da natureza! Ademáis, o tipo de terreo polo que transcorre nalgún tramo fai aconsellable facelo amodo e sen presas. Quedamos na igrexa de Santa María de Rubín (coordenadas: 42.696677, -8.413394), para facer un roteiro circular no concello da Estrada, un percorrido relativamente curto pero que non ten desperdicio.
Os camiños son cómodos en xeral. Nalgún tramo do camiño hai que andar con coidado e prestando atención xa que pode ser un pouco esvaradío. Tamén ten algún punto concreto (moi curto) de forte pendente.
Comezamos a andar en Rubín e, por zonas onde predominan fermosas carballeiras alternando con algunha plantación, chegamos ao lugar de Costenla, practicamente en baixada todo o tempo. Dende aquí ímonos adentrando aos poucos no val do río Curantes, que é espectacular.
Unha vez cruzada unha pontella tomamos o curso do río e valémonos do muro dunha levada que nos deixa achegarnos ata un muíño a uns poucos metros. A vexetación impide que continuemos río arriba, o que nos levaría á parte baixa da fervenza, polo que temos que regresar e continuar camiño para chegar a ela dende a parte alta da mesma.
O río Curantes é un afluente do Liñares que ás veces é denominado tamén Regueiro da Fervenza por mor das fervenzas que se forman no seu curso e onde sobresae a coñecida como Fervenza de Callobre, chamada así por estar na parroquia do mesmo nome.
O acceso semella que non está ben sinalizado e temos que gañar altura para logo descender por unha pendente bastante pronunciada, pero que non ten maior complicación. Ademáis, paga a pena chegar ata a beira do río pois a vista dende o alto da fervenza é espectacular pois, a pesar da época do ano, o río aínda baixa con bastante auga. Imposible non facer fotos nesta paraxe! Que marabilla.
Deixamos o lugar e continuamos por unha senda río arriba pasando por algún muíño, na procura do castro de Callobre. Nótase que este tramo é moi frecuentado pois está moi ben acondicionado con barandas para protexer de posibles caídas polo desnivel ou pontes de madeira para cruzar á outra beira do río.
Quédanos unha pouca subida ata o castro de Callobre pero é moi levadeira. Accedemos a el e vemos que aínda se distinguen perfectamente as formas das súas murallas defensivas, os fosos e os parapetos e no que medrou unha fermosa carballeira.
Trátase dun castro de considerables dimensións, de aproximadamente 1 ha de superficie no que, aproveitando as defensas naturais que lle proporcionaban dous vales, asentouse un poboado castrexo da Idade do Ferro sobre un outeiro de 266 metros, aproveitando a pendente natural cara ao sur do río Curantes.
O castro, ainda que está ben sinalizado para a súa visita, unha vez nel, decepciona un pouco; está bastante abandonado e deixa bastante que desexar, pois semella que en tempos se celebrou nel algún tipo de festa. Táboas dun chiringuito, palés… O mellor, o entorno.
Logo saímos á parte alta do val para, de xeito cómodo, regresar á Rubín, e completamos a tarde visitando a súa igrexa de Santa María, que aínda nos amosou algunha sorpresa. Primeiramente, chama a atención o fermoso cruceiro fronte á entrada do adro, no que se representa a ascensión da virxe no reverso.
Percorrendo os muros da igrexa, apréciase incrustada xunto á ventá lateral da ábside, a que semella unha curiosísima lápida tallada e, sobre esta, catro canzorros que ben poideran pertencer a unha fábrica orixinal moito máis antiga, xunto cunhas metopas decoradas con motivos xeométricos. Afortunadamente, temos acceso ao interior e podemos ver o altar maior e outros pequenos, nos que recoñezo a representación de san Roque… pero sen dúbida é unha fermosura todo o conxunto.
O dito, outra tarde solleira para gozar da natureza e patrimonio!