Ruta na zona de Troumouse
Esta xornada plantexouse como de descanso nesta estadía pirenaica, polo que uns aproveitamos para coñecer a vila de Luz-Saint-Sauveur, outros achegáronse ata a cercana Lourdes, facer algunha compra… e outros, os que aínda teñen suficientes forzas animáronse a unha actividade circular nunha zona espectacular deste sector pirenaico, o Cirque de Troumouse.
Eu optei pola primeira opción de descansar, polo que carguei a Alfonso coa miña cámara para que deixara constancia da expedición. A verdade é que as fotos reflexan unha paisaxe espectacular!
Cirque de Troumouse
- Lonxitude da ruta: 10 km
- Desnivel: medio (con subida e baixada fortes)
- Dificultade: media-alta
A de hoxe é unha ruta moi montañeira e, a pesares de ser unha actividade relativamente curta, é bastante intensa pola forte subida e baixada e polo ambiente no que se desenvolve, pero paga a pena por ver e camiñar por este lugar tan marabilloso.
Comeza a andaina no val de Héas, moi preto da súa antiga capela (1543m), cuns orixes que se remontan a 1349. Os primeiros pasos son fáciles pero pronto tomamos un desvío en fortísima subida, que conduce á Cabanne de l’Aguila e á Hourquette de Héas. Ao longo dos dous primeiros quilómetros ascéndese paulatinamente (11% de desnivel medio) por un sendeiro estreito e sinuoso, deixando o val do Gave de Héas á dereita.
O enorme Cirque de Troumouse encerra unha das paisaxes máis espectaculares do Parque Nacional dos Pirineos franceses. Á sombra da popularidade do seu veciño, o Circo de Gavarnie, o de Troumouse pouco ou nada lle ten que envexar. As súas grandes dimensións (é un dos circos glaciares máis grandes de toda Europa), a súa forma circular case perfecta, a súa facilidade de acceso e a pouca afluencia de visitantes en comparación con Gavarnie, convérteno nun lugar ideal para gozar da maxia destas montañas.
En fortísima subida acadamos a cabana de l’Aguila. Dende aquí o sendeiro vai a media ladeira nun ambiente sorprendente ata a cabana Des Aires, onde comeza o descenso. Imos entre pastos para ovellas e reses, ao abrigo dun muro de roca natural e semicircular impresionante.
O descenso tamén é forte, pois neste tramo final duns 4 km pásase dos 2020 m ata os 1521 m do comezo, o que fai unha media do 12,5% de desnivel.
Polo que me dixo Alfonso ao regresar, tiña razón Víctor ao comentar que era unha ruta moi intensa, nun ambiente tamén intenso.Por certo, as fotos de Alfonso, alcumado o axudante, marabillosas! Parabéns pola reportaxe!
As ovellas tinguidas de azul son verdadeiramente curiosas, pobriñas!!!!. Todo espectacular!!!
Grazas Mariví! Habíaas tamén tinguidas con outras cores. Imaxino que o farán para saber de quen son. Bicos