Ruta ao Lac d’Estom

24-07-2017
Ruta ao Lac d'Estom

Para facer este percorrido achegámonos en autobús dende Luz-Saint-Sauveur ata a localidade de Cauterets. Un pouco máis arriba, en La Raillére, en torno aos 1000 m de altitude, comezamos a camiñar por unha ruta que é de ida e volta.

  • Lonxitude: 18 km
  • Dificultade: media
  • Desnivel: medio

O sendeiro do lac d’Estom (1804 m) remonta o fermoso val do Gave du Lutour (gave é o nome que se lle dá aos torrentes nos Pyrénnées): bosques de pinos, claros e torrentes fogosos comparten o espazo para o placer dos sentidos. Anunciábase pra hoxe chuvia durante todo o día, polo que non pintaba nada ben a xornada, pero despois dos primeiros tramos e a medida que fomos ascendendo o día foi abrindo, quedando unha tarde espectacular.

Ruta ao Lac d'Estom

Antes de comezar pudemos contemplar a famosa e interesante fervenza de Lutour que, a pesares de levar moita auga, co desxeo debe ser impresionante vela e escoitala. Dende aquí, e en forte subida, o camiño vaise metendo no bosque, por zonas moi sombrías, axudando a néboa a darlle un encanto especial ao entorno.

Ruta ao Lac d'Estom

Máis adiante, á altura do parking de La Fruitière (1371 m), alternaremos o paso baixo enormes masas forestais, fundamentalmente de piñeiros, coa vexetación que vai desaparecendo e vainos introducindo nunha paisaxe espectacular, rodeados de enormes montañas rochosas, algunhas delas achégandose aos 3000 m de altura.

Ruta ao Lac d'Estom

Unha das cousas que máis me chamou a atención nestas rutas é que teñen todos os camiños correctamente sinalizados e indicados con tempos aproximados de duración, algo que resulta realmente útil.

Ruta ao Lac d'Estom

O itinerario vai todo o rato moi pegado ao río Stom, que cruzaremos nalgunha ocasión e remata no lago do mesmo nome. O camiño continúa ascendendo polo val de Lutour, e a 1552 m de altitude, crúzase o Gave du Lutour pola ponte de Pouey Caut, unha estrutura de madeira sen ningunha baranda.

Outra das cousas que me chamou a atención, ademais da enorme cantidade de xente subindo e baixando que hai por estes sendeiros, foi a envexable cultura que teñen por esta actividade de lecer que fomentan dende idades moi temperás, como a rapaciña que acompañamos dende esta ponte de Pouey Caut, de non máis de sete anos, que ía uns metros por detrás do seu pai, pois a nai e o irmán maior agardábanos ao pé do lago. Como nos comentou o pai, o cansanzo levábao na cabeza, non nas pernas… pero chegou ao lago como unha campioa!

Ruta ao Lac d'Estom

A saída do bosque e a forte pendente anuncian a proximidade do Lac d’Estom; imos chegando aos poucos a el, e pequenas fervenzas sucédense unha tras outra, decatándonos que estamos nun marabilloso espazo natural. Malia que sexan 267 m de desnivel en 2 km (un 12% aprox.), o terreo rochoso complica un pouco a subida. Finalmente albíscase o Refuxio d’Estom, cando o camiño descansa por unha pequena chaira pola que o arroio faise oír coa abundante auga que verque o lago.

Ruta ao Lac d'Estom

Non é de estrañar o asombro ao ver o Lac d’Estom (1804 m) rodeado de montañas, logo de realizar unha excursión rodeado de néboa e transcender as nubes para contemplalo. Aproveitamos para descansar e repoñer forzas… e sacar fotografías deste espazo marabilloso; non paro de facelas!

Ruta ao Lac d'Estom

Despois de facernos unhas fotos de grupo, iniciamos o regreso polo mesmo camiño, xa cunha tarde esplendorosa, acompañados polo son das fervenzas e das nubes que comezan a deixarnos ver a impresionante altura destas formacións rochosas, como o Cabaliros (2334 m), xa chegando ao parking de La Frutiére.

Ruta ao Lac d'Estom

Cruzamos de novo os bosques de piñeiros da mañá, pero xa cunha luz moi distinta… como cambiou a paisaxe nunhas poucas horas! Non nos resistimos a deternos de novo na ponte sobre a fervenza de Lutour e facernos fotos diante dela. Unha marabilla de xornada.

A ruta non tivo maiores inconvenientes, salvo a distancia e o desnivel. Os 838 m de desnivel que salvamos, tanto na subida como na baixada, non nos supuxeron maiores dificultades no desprazamento, que fixemos sen presas, pois pagou a pena facerlle caso a Víctor, cando nos falou da ruta coma «un sendeiro formidable nun ambiente moi pirenaico». A verdade é que é deses sendeiros que hai que ir saboreando.

Ruta ao Lac d'Estom

Como remate, o bus deixounos na vila de Cauterets durante un bo tempo, que aproveitamos para percorrerla, e o seu fermoso mercado cheo de postos de queixos, sausissons, viños, doces e comida elaborada, todo cunha pinta exquisita; eu aproveitei para probar os queixos, pero gustábanme todos e non me decidía por ningún ata que me animei por un da zona, mezcla de vaca e ovella, suave, do que levei un pedazo. Creo que aos meus compañeiros de cuarto tamén lles gustou, pois papámolo nesa mesma tarde!

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio