Ruta por Gavarnie e o val de Gave d’Aspe

26-07-2017
Ruta por Gavarnie e o val de Gave d'Aspe
No Port de Bucharo

Na estadía que estamos a ter polo Parc National des Pyrénées occidentais, hoxe tócanos admirar o espectacular Circo de Gavarnie, onde destaca Le Grand Cascade ou Fervenza de Gavarnie, e continuar ruta para ascender polo val de Gave d’Aspe ata o Port de Boucharo.

O fácil acceso ao Cirque e pouco esixente percorrido, unido á enorme beleza e popularidade desta paraxe convérteno nun dos sitios máis visitados e concorridos de todos os Pirineos franceses, concentrándose en tempada alta auténticos ríos de xente ascendendo desde a localidade de Gavarnie ata os mesmísimos pés da impoñente Cascade. Nós non nos imos achegar ata a súa base e imos gozar e admirar o circo dende certa distancia.

Os datos técnicos que aquí se aportan, non inclúen o ascenso ao cumio do Pic entre les Ports (2476 m). De facelo, aumentaría a dificultade e dureza da ruta.

  • Lonxitude da ruta: 10 km
  • Desnivel: alto (solo de subida)
  • Dificultade: media

Comezamos a camiñar…

Ruta por Gavarnie e o val de Gave d'Aspe

Iniciamos a ruta no mesmo pobo de Gavarnie, xa coa visión do Cirque á nosa fronte. A ruta é de tipo liñal e lévanos por un val perpendicular ao impresionante circo de Gavarnie. Sorprende que xa dende a propia localidade podamos ver ao lonxe a Grand Cascade, que iremos contemplando practicamente durante todo o percorrido de ascensión, polo que teremos case en todo momento unhas panorámicas excepcionais. Facemos parada no punto onde contemplamos na súa magnitude o Cirque de Gavarnie e o val de Luz-Gavarnie. Os cualificativos quedan pequenos ante a visión que estamos a ter. Espectacular! Abraiante beleza natural! Non se pode perder isto, e paga realmente a pena velo.

Ruta por Gavarnie e o val de Gave d'Aspe

O circo de Gavarnie é unha verdadeira marabilla da natureza. Formado por unha gran muralla rochosa de 600 m de diámetro con tres gradas verticais, presenta uns 1500 m de desnivel entre o fondo do val e os picos de máis 3000 m de altitude que o rodean (Pico e Casco de Marboré, o Taillón ou o Gran Astazous, que forman parte do Macizo de Monte Perdido), separados entre eles por pequenos glaciares. No medio do circo atopamos a Grand Cascade, que cos seus 423 m de caída, está considerada a máis alta de Europa.

Ruta por Gavarnie e o val de Gave d'Aspe

Cruzamos por depósitos de morenas que salpican as abas das montañas como se fosen pelouros abandonados nunha canteira. Esas pedras foron un día arrincadas á montaña pola acción do xeo e arrastradas polo avance do glaciar ata que ao desaparecer o xeo quedaron ahí amontoadas.

Ruta por Gavarnie e o val de Gave d'Aspe

A seguinte parada facémola ao pé da Cabane des Soldats (1954 m). Vemos como aos nosos pés o río serpentea polo fondo do verde val, no que algunhas vacas, cabalos e algunha que outra marmota campan tranquilos, como alleos á paisaxe fermosa que lles rodea. O val de Gave d’Aspe acaba no Port de Boucharo, custodiado por unha gran muralla rochosa, sobre a que se aferran aínda algúns neveiros que tentan resistir a calor do verán. Aproveitamos para tomar decenas de fotografías e a comer algo, posto que a partir deste punto comeza un ascenso máis marcado.

Ruta por Gavarnie e o val de Gave d'Aspe

A subida ao Port de Boucharo ímola tomando con calma, a temperatura alta e a estreitez do sendeiro obrigan a subir con sentidiño; os Iris des Pyrénées abundan neste treito pedregoso, e hai que aproveitar para fotografalos!

Ruta por Gavarnie e o val de Gave d'Aspe

No Port de Boucharo (2170 m), xa na fronteira con España, facémonos a foto de grupo xusto no punto onde coinciden dous importantes parques nacionais: o Parque Nacional de Ordesa e Monte Perdido, que visitamos hai dous anos, e o Parc National des Pyrénées. Estes dous parques son o símbolo da gran riqueza natural e paisaxística que atopamos aquí e que a UNESCO catalogou como “Patrimonio da Humanidade” en 1997. Cara a España continúa un sendeiro natural que conduce ata o porto de Bujaruelo.

Ruta por Gavarnie e o val de Gave d'Aspe

Dende aquí, parte do grupo optou por intentar acadar o cumio do Pic entre les Ports (2476 m), e o resto seguimos por unha cómoda pista duns 800 m ata o Col de Tentes. Imos admirando o Cirque de Gavarnie e os seus cumios máis altos como o pico do Taillón (3144 m) ilustrados por unha serie de paneis instalados ao longo da pista que nos falan dos glaciares, da xeoloxía, da paisaxe e das relacións transfronteirizas, pois o porto de Boucharo/Bujaruelo sempre foi un lugar de paso entre as vertentes norte e sur dos Pirineos.

Ruta por Gavarnie e o val de Gave d'Aspe

Xeológicamente falando, trátase dunha ruta moi interesante. Estamos nunhas terras de glaciares. Hoxe os xeos xa marcharon, pero ainda vemos claramente as suas pegadas aquí e alá. Cumios desgastados pola erosión ou o perfil en U dos vales, fálannos de que hai uns cantos miles de anos estas montañas eran moito máis agrestes, pero as súas arestas foron amestradas polo peso das masas xigantescas dos glaciares… no momento dos últimos glaciares dos Pirineos, hai aproximadamente 10000 anos, o glaciar máis grande da cadea nacía neste porto e chegaba ata Lourdes. Este glaciar, digno dos do Himalaya ou dos Andes actuais, estendíase ao longo de 50 km e acadaba nalgún punto máis de 600 m de espesor.

Ruta por Gavarnie e o val de Gave d'Aspe

Actualmente desaparecido, deixounos pegadas do seu paso, como o glaciar de Gabietous, que subsiste entre os picos Gabietous e Taillón. Tendo en conta o cambio climático, a súa desaparición está prevista para antes de fin deste século. Ou a súa forza erosiva como apreciamos no Taillón, onde aparece unha banda ancha calcárea branca baixo as rochas vermellas. O glaciar, na súa lenta progresión foi desprazándose sobre as rochas dos arredores ata erosionalas e pulilas.

Ruta por Gavarnie e o val de Gave d'Aspe

Decidimos xantar e descansar mentres os outros ascendían ao pico no mesmo Col de Tentes. Logo desprazámonos ata o cercano Lac des Espécières ou de Luhos, onde nos xuntamos co grupo que decidiu subir ao Pic entre les Ports. Xa todos xuntos, regresamos ata o Col de Tentes, onde nos agardaba o autobús. Por certo, parabéns para o noso chófer Fernando pola súa profesionalidade e bo facer!

Ruta por Gavarnie e o val de Gave d'Aspe

Un pequeno momento de lecer de novo en Gavarnie, cunha bière pression entre mans, permítenos volver admirar a Grand Cascade e o seu entorno, e reparar no que nos comentara Víctor con respecto á andaina de hoxe coma un «interesante ascenso nun ambiente único, pola súa beleza e as súas dimensións». Canta razón leva!

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio