Ruta de Vignemale

27-07-2017
Ruta de Vignemale

Última crónica da nosa estadía no “Pays Toy”, nos Hautes-Pyrénées (o nome en gascón, toï, designa aos habitantes dos vales altos dos Pirineos). Para facer este percorrido temos que desprazarnos en autobús dende Luz-St-Sauveur ata a localidade de Cauterets, e de aí continuar ata Pont d’Espagne, unha antiga ponte que permite pasar o gave na vía cara a España pola montaña.

macizo do Vignemale, situado entre Aragón e Hautes Pyrénées, compóñeno 16 cumes de máis de 3000 m. Nós achegarémonos ata o Grand Vignemale, tamén coñecido como Pique Longue ou Comachibosa en aragonés, que cos seus 3298 m, é o pico máis alto do macizo e do Pirineo francés.

  • Lonxitude da ruta: 17 km
  • Desnivel: medio-alto (de subida e baixada)
  • Dificultade: media-alta

Comezamos a camiñar…

 

Ruta de Vignemale

Este val é un lugar moi frecuentado e visitado, e parece que hoxe non vai ser menos, pois moitos chegan ata o parking de Puntas (1400 m), co fin de ver as fervenzas dende a Pont d’Espagne. Unha vez se chega ao párking, a andaina ata a ponte e o seus diversos miradores realízase en pouco máis de 10 minutos. Unha ruta curta e de gran beleza para quen non queira subir ata o Lac de Gaube.

Ruta de Vignemale

Pasada a ponte, o camiño comeza en forte pendente ata o Lac de Gaube (1725 m), primeiro entre bosque de frondosas e logo entre coníferas. Imos polo GR-10 (aprox. 1h15), cun continuo subir e baixar de xente. Como na xornada de onte, o val polo que andamos é un claro recordo deses glaciares desaparecidos. O murmurio da auga acompaña sempre. Uns quilómetros máis adiante agarda outra herdanza do xeo, o Lac de Gaube, unha a lagoa glaciar que nos regala unhas imaxes espectaculares, pois ao chegar ao lago, o val ábrese e xa se pode ver ao fondo a impresionante cara norte do Vignemale, unha mole de 3298 m de altura, quedando todo reflectido nas súas cristalinas augas.

Ruta de Vignemale

A de hoxe é a ruta máis longa que faremos nesta estadía, e este percorrido é máis complexo que os anteriores xa que o camiño non é tan cómodo pois son abondosas as zonas de pedras e rochas sobre as que hai que camiñar, polo que compre levar moita atención, sobre todo na volta, na baixada, onde os xeonllos sofren o seu. Pero isto compénsase sobradamente coas vistas abraiantes e case que indescritibles en toda a ruta.

Ruta de Vignemale

Despois de facer un pequeno descanso e admirar esta beleza, reagrupámonos, aproveitamos para facérmonos a foto de grupo e continuamos bordeando o lago pola esquerda; con bastante xente camiñando no mesmo sentido ca nós, seguimos a percorrer o val de Gaube polo GR10 cara ao refuxio doOulettes de Gaube. Aos poucos van desaparecendo as árbores chegando entre fervenzas a zona mais despexada. Ás nosas costas o lago, que mudou a unha cor azul intensa; de fronte, ao fondo, o Vignemale.

Ruta de Vignemale

Facemos un último remonte que nos permite acadar o refuxio de Oulettes de Gaube (2150 m), ao pé do coloso, cunha magnífica terraza dende onde hai unha vista incrible da cara norte do Vignemale, vertical, cun desnivel de 1000 m no que aínda se poden ver restos glaciares e seracs. O ambiente aquí é alpino, vemos, de esquerda a dereita, o Pointe Chausenque (3204 m), Piton Carré (3197 m), a profunda falla couloir de Gaube e o Pique Longue (3298 m) do Vignemale. Na súa base, o glaciar de Oulettes de Gaube… unha marabilla!

Ruta de Vignemale

Tomándolle un café no refuxio, ante esta imaxe tan sobrecolledora, María coméntanos que parece que estamos a experimentar “a maxia da montaña”, coma o protagonista de A montaña máxica, de Thomas Mann, Hans Castorp quen atopa a maxia, neste caso nos Alpes, onde debe permanecer tres semanas, pois vai de visita, visita que durará sete anos. Queda enfeitizado, atrapado, na montaña. Din que un dos elementos que o atrapa é a conciencia do tempo; na montaña o tempo é subxectivo, dá a sensación de que non pasa…. é a conciencia da eternidade. Non digo tanto pero ir de vez en cando e deixarse levar como Hans Castorp, pode estar moi ben. Eu aconsélloo. (La montaña mágica.Thomas Mann. 1924)

Ruta de Vignemale

No século XIX, os grandes macizos dos Pirineos (Vignemale, Monte Perdido, Troumouse… ), virxes de toda conquista, suscitan as ansias dos cabaleiros deportistas da época. Todos soñan en ser os primeiros nestes picos inmaculados. Pero estas ascensións precisan dun guía. Os habitantes, pastores e leñadores locais aproveitan a ocasión para exercer esta función na época estival, e así nacen as xeracións de guías como Courtade, Pujo ou Cazaux. Estes guias son a orixe das máis grandes conquistas de cumes e sobre todo de «premières» de carácter técnico e deportivo, como o primeiro ascenso ao Vignemale polo couloir de Gaube en 1889.

Proximamente cumpriráse aniversario do primeiro ascenso en 1838, cando a inglesa Anne Lister coroa o cume do Vignemale co guía H. Cazaux. En realidade a historia é todo un culebrón: en 1837, uns turistas encargaron a Cazaux, que buscase unha ruta a este pico considerado innaccesible. Cazaux subiu co seu cuñado pola vertente aragonesa pero, chegando ao cume cairon nunha grieta do glaciar, da que lograron sair. Tras acadar a cima descenderon para comunicar o seu éxito aos turistas e cobrar a súa recompensa, pero estes desapareceran. Entón Cazaux faloulle da ascensión ao príncipe de Moscowa, que o contrata para intentalo de novo o 9 de agosto de 1838. Pero o día 5 a turista inglesa Anne Lister contrátao co mesmo fin e o 7 de agosto coroan o cume. A fume de carozo Cazaux reúnese co príncipe e o día 11 volve á cima con el, sen contarlle que xa chegara uns días antes con Anne Lister para que quedase coa satisfacción de ser o primeiro; a inglesa decátase, busca un avogado e négase a pagar a Cazaux, que de novo queda sen cobrar. O príncipe, ao decatarse do engano tamén lanza as súas iras sobre Cazaux… Ao final Anne Lister obtivo un certificado da súa ascensión e, pensando que era mellor buscar na montaña o mero pracer de subila e non a gloria, reuniuse con Cazaux nunha mesa con viño, pan e queixo e pagoulle xenerosamente, mentres este lle comentaba «Aquí a vida éche moi difícil» (Fonte: Gozarche)

Ruta de Vignemale

Dende aquí temos que regresar polo mesmo camiño por onde viñemos. Na baixada, facemos de novo parada á altura da cabane du Pinet, onde nos entretemos un pouco coas bestas que hai polas inmediacións. A pesares de que, segundo as normas do Parque, non se debe achegar aos animais, resulta imposible facelo, pois están tan afeitos á presenza da xente que non se despegan de nós.

Ruta de Vignemale

Ao voltar ao Lac de Gaube, que vai mudando de cor a medida que nos achegamos a el, houbo opción de evitar o descenso polo bosque ata a Pont d’Espagne e parte do grupo fíxoo en telesilla e en telecabina, aforrándose deste xeito 200 m de desnivel.

Ruta de Vignemale

Co epicentro en Luz Saint-Sauveur percorremos lugares tan marabillosos como os circos de Gavarnie e Troumouse, o val de Gaube que nos levou ata os pés do Vignemale, permitíronnos coñecer lagos como o lac d’Estom ou fervenzas como a de Lutour ou a propia do circo de Gavarnie, todos eles dentro do espazo protexido do Parc Nationale des Pyrénées.

Aínda que tivemos sorte coa calor xa que a temperatura foi boa, a climatoloxía deparounos días de néboa, nubes baixas, orballo e sol… un pouco de todo para que non haxa queixa.

Sen dúbida un bonito colofón á nosa estadía na que gozamos de paisaxes alpinas, no corazón dos Pirineos. Seguro que esta segunda escapada aos Pirineos co grupo de sendeirismo da USC vai ter continuidade no futuro.

Ruta do val do río Aviouga

4 comentarios sobre “Ruta de Vignemale”

  1. Marisa Castiñeira

    Lendo de novo as túas marabillosas crónicas. As fotos non hai palabras!
    Fermosísima ruta!!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio