Ruta en Castro Caldelas. Miradoiro de Matacás

Ruta en Castro Caldelas. Miradoiro de Matacás
Val do río Edo e o de Abeleda, ao fondo

Viaxamos ata o concello de Castro Caldelas, na provincia de Ourense, para realizar unha das rutas de sendeirismo que ten habilitadas e homologadas o concello: O PR G-237, sendeiro do miradoiro de Matacás, que une o centro de Castro Caldelas co Miradoiro das Penas de Matacás, onde se abre unha panorámica espectacular sobre o Canón do Sil. É unha ruta moi variada en canto á paisaxe que veremos xa que ten tramos de bosque, zonas de viñedos e fermosas vistas sobre o río Sil.

A ruta é de tipo circular e non ten moitas dificultades, pero si que pode haber lama nos camiños e algún tramo pode ser un tanto incómodo. O desnivel, sen ser excesivo, haino que ter en conta, xa que ten algúns tramos máis ou menos longos con certa pendente.

MIDE:

  • Lonxitude: 15,7 km
  • Desnivel: medio alto
  • Dificultade: media
  • Horario: 5.30 h.
  • Desnivel de subida: 750 m
  • Desnivel de baixada: 750 m
  • Severidade do medio natural: 2
  • Orientación no itinerario: 2
  • Dificultade no desprazamento: 2
  • Cantidade de esforzo necesario: 3
  • Tipo de percorrido: Circular

Comezamos a camiñar…

Tíñalle moitas gañas a esta ruta, fundamentalmente por dous motivos, por tela realizado a principios de ano Gata con Botas (que gusto dá ler as súas andainas!), o que fixo que a anotara inmediatamente para tela na reserva das que hai que percorrer e, sobre todo, pola época do ano na que estamos, o outono, e comezar a gozar das marabillosas cores desta estación, aínda incipiente, pero que xa se manifestan sobre todo nos viñedos. E que mellor para facelo que achegarnos ata a Ribeira Sacra e camiñar baixo soutos e entre viñedos polos bancais.

Ruta en Castro Caldelas. Miradoiro de Matacás

Xa temos estado en anteriores ocasións nesta vila, paseando polas súas rúas e visitando o seu castelo. Hoxe temos por diante unha ruta bastante completa e temos que prescindir de ir ata o castelo, que é visita obrigada. Dame pena non poder subir ata el, e sobre todo penso no numeroso grupo de xente nova que participa na andaina de hoxe e que seguramente non o coñece. Agardo que se animen a participar maís veces pois é un marabilloso xeito de ir coñecendo Galicia.

Ruta en Castro Caldelas. Miradoiro de Matacás

Logo da charla de Víctor no medio da praza explicándonos os pormenores da xornada, iniciamos a ruta que no primeiro tramo é de baixada desde Castro Caldelas ata Celeirón polo Souto do Conde. Este comezo, vai supor un descenso forte e continuado ata o río Edo atravesando unha zona boscosa chea de castiñeiros. Como digo, imos polo Souto do Conde no que gran parte do camiño se encontra cementado, o que nos permite apreciar nas árbores como o outono xa comezou a facer acto de presenza, sen ter que estar mirando para o chan. Axuda tamén que o tramo sexa de baixada, a pesar do que van sufrindo os xeonllos, pois permítenos gozar máis aínda do souto polo que andamos.

“Disque outubro é o mes de soutar, aínda que aquí, isto de soutar… as castañas comezan a parecerse ás meigas: habelas hainas, pero quen as vira!” comenta alguén mentres camiñamos.

Ruta en Castro Caldelas. Miradoiro de Matacás

Os soutos que rodean Castro Caldelas están nunha gran pendente e para facilitar o traballo neles disponse de bancais chamados arelladas. As castañas apañábanse neste mes de outubro e levábanse a secar para conservalas. Se vivías cerca do souto, a seca facíase na lareira da propia casa, pero os de lonxe facíano nun sequeiro, unha construción de dous andares dentro do souto preparada para o proceso da seca.

Ruta en Castro Caldelas. Miradoiro de Matacás
Sequeiro en estado ruinoso

Pasamos por algún dos sequeiros xa en estado ruinoso, un cuberto pola maleza, outro aínda permite intuir a súa función e distribución… unha mágoa que se teña este tipo de construcións neste estado e non se rehabiliten, polo menos para amosar ás novas xeracións esta práctica de conservación: na planta baixa facíase o lume e no andar alto colocábanse as castañas que se recollían de setembro a novembro, estendidas para que secasen pola acción do fume e da calor.

Ruta en Castro Caldelas. Miradoiro de Matacás
Sobre a aldea de Celeirón, xa comezamos a divisar os socalcos de viñedos

Facemos unha pequena parada para reagruparnos xa na parte baixa do souto, cando nos percatamos da presenza dun niño de Vespa crabro na cortiza dunha árbore. Son animais pacíficos, pero aínda hoxe son clasificados como perigosos, o que leva a que nalgúns lugares foran case extinguidos. A isto únese que algunha xente confúndea coa velutina, polo que ten unha persecución inmerecida.

Ruta en Castro Caldelas. Miradoiro de Matacás
Casa en estado ruinoso en Celeirón cun fermoso esgrafiado na fachada

Seguimos descendendo e, á altura da aldea de Celeirón, xa comezamos a divisar a outra aba do río Edo configurada por socalcos de viñedos, dada a súa orientación ao sur. O paso por Celeirón vai ser o preámbulo do que nos imos atopar nas aldeas polas que pasemos. Arquitectura popular en ruínas motivada polo abandono. Aínda así, saíndo xa da aldea, e antes de cruzar a ponte que salva o Edo, pasamos por unha vivenda restaurada construída en xisto que é unha fermosura.

Ruta en Castro Caldelas. Miradoiro de Matacás
A medida que ascendemos, vemos como se ordenan os viñedos en solaina e os bosques na zona umbría

Sen máis preámbulos, comezamos a gran subida da xornada. O camiño vai entre viñedos e, a medida que nos introducimos neles, mires para onde mires, imos apreciando como as follas das vides non poden ter máis cores: amarelas, laranxas, verdes e tamén granates. De cando en vez, a amiga Celia anda por entre as cepas rebuscando os acios. Non para de ofrecer a rebusca, pero que ben o pasa!

Ruta en Castro Caldelas. Miradoiro de Matacás

Esta parte do percorrido é verdadeiramente bonita e ata semella que nalgún tramo o grupo se camufla entre as vides. A medida que imos gañando altura imos apreciando a fermosura de todo o val do río Edo e o de Abeleda coroado, ao fondo, polo núcleo da Teixeira.

Ruta en Castro Caldelas. Miradoiro de Matacás

Estamos camiñando entre os viñedos da chamada viticultura heroica. Aquí, como en toda a Ribeira Sacra, a forte pendente fai necesaria a construción de bancais, e dificulta a tarefa de recolección das vides, aínda que vemos algúns carrís para o transporte das caixas, pero antes o traballo aínda era máis duro, pois na vendima todo o transporte facíase ao lombo. Vemos perfectamente como se ordenan os viñedos en solaina e, na outra beira do río, os bosques na zona umbría.

Ruta en Castro Caldelas. Miradoiro de Matacás

Pouco a pouco imos abandonando os viñedos e camiñamos pola parte alta. Cambiamos así a unha paisaxe de prados e cultivos que van unindo as pequenas aldeas. Aínda así, a paisaxe sigue sendo espectacular, cunhas vistas impresionantes de todo o val de Abeleda.

Ruta en Castro Caldelas. Miradoiro de Matacás

Continuamos coa dramática visión das aldeas casi abandonadas, e xa non digamos cando nos atopamos con xoias como a igrexa de San Pedro de Alais, un dos templos románicos que a asociación O Sorriso de Daniel alegou ante a Xunta para que se amplíe o BIC da Ribeira Sacra. Que pouca sensibilidade hai na nosa administración!

Ruta en Castro Caldelas. Miradoiro de Matacás
Sobreira centenaria de Paradela

Nesta parte da ruta o camiño lévanos ata a sobreira centenaria de Lugar de Arriba en Paradela. A Ribeira Sacra goza dun clima mediterráneo, con invernos suaves e húmidos e veráns secos e calorosos, e nestas condicións medran ben as sobreiras. Achegámonos ata a ela para apreciar de cerca o seu porte (máis de 4 m de perímetro e máis de 15 m de alto), e vemos o grosor da súa cortiza, que non nos resistimos a tocar (seguro que lle gusta que o fagamos). Que gustazo!

Ruta en Castro Caldelas. Miradoiro de Matacás

O Miradoiro de Matacás regálanos unha panorámica extraordinaria sobre o Canón do Sil. Aos nosos pés sitúanse os embarcadoiros de Abeleda e de Doade, na outra beira, desde onde parten as rutas fluviais río abaixo.

Ruta en Castro Caldelas. Miradoiro de Matacás

Distingo perfectamente ao lonxe, na outra beira, a Pena do Castelo co seu miradoiro, o miradoiro de Souto Chao, a adega Regina Viarum, situada nun outeiro ben fermoso; tamén reparo en que teño diante gran parte da ruta que vai dende Doade ata Vilar de Mouros, que percorréramos aló polo 2013. Non paro de facer fotos, tanto á paisaxe que nos rodea, como a compañeiros e compañeiras que queren retratarse con este fondo tan espectacular.

Ruta en Castro Caldelas. Miradoiro de Matacás

Non me gusta nada utilizar a expresión de que o Sil sexa fronteira natural entre as provincias de Lugo e Ourense, que o é. Antes do encoro e das pontes había e sigue habendo moita relación entre a xente das dúas beiras, para ir ás feiras, para facer as beiras, os namoramentos, casamentos, e semella que este termo de “fronteira” separa máis que une.

Ruta en Castro Caldelas. Miradoiro de Matacás

A chuvia comeza a ser ameazante e non paramos moito tempo. Continuamos por un estreito carreiro entre as picudas rochas que conforman as Penas de Matacás, en ocasións de formas caprichosas e outras xurdidas do chan como dentes de serra. Aínda así temos tempo para pararnos e aproveitarnos dos froitos doutra das árbores que hai en abundancia por esta zona, os érbedos, que nos atraen con ese froito de cores tan vivas. Hoxe non paramos de darlle ao dente!

Ruta en Castro Caldelas. Miradoiro de Matacás

Encamiñámonos cara ás pequenas aldeas desta parte agreste de Castro Caldelas. Pouco a pouco imos gañando altura, aínda que o facemos de xeito moi tendido (non me imaxino o que nos pasaría se tivéramos que regresar polo souto do comezo da ruta).

Ruta en Castro Caldelas. Miradoiro de Matacás

Despois de camiñar de novo baixo castiñeiros e outras árbores coa folla dourada, chegamos á Ruxidoira, unha zona de piñeirais aberta e de bo camiñar.

Ruta en Castro Caldelas. Miradoiro de Matacás

Logo de parar para xantar baixo a sombra do piñeiral nesta paraxe da Ruxidoira, fixo acto de presenza a chuvia, que viña ameazando con aparecer pero que coidábamos que ía tardar un pouco máis. Temos que deternos e sacar da mochila o chubasqueiro e gardar a cámara, non queda outra.

Ruta en Castro Caldelas. Miradoiro de Matacás

Imos por tramos de pista polos que andamos bastante rápido, cruzamos aldeas… Aínda así, se non nos chegou o percorrido por soutos, viñedos e o canón do Sil, a chuvia non nos impide gozar das vistas cara ao alto no que se alza a vila de Castro Caldelas, coroada polo seu castelo. Tamén gozamos dunhas vistas ben fermosas do tupido val do río Edo, que cruzamos ao chegarmos ao Muíño de Laberco.

Ruta en Castro Caldelas. Miradoiro de Matacás

Cruzamos o río e, xusto na outra beira da ponte, enfiamos a última subida da xornada que nos levará directamente ata a praza da vila de Castro Caldelas. O entorno non pode ser máis fermoso. O camiño lévanos a media ladeira da montaña e acubíllanos practicamente da chuvia baixo as árbores de ribeira, carballos e castiñeiros.

Ruta en Castro Caldelas. Miradoiro de Matacás

Non podía haber mellor final para gozar da cervexa, ben merecida, e cargarnos unha vez máis coa bica que é imprescindible levar para casa. Mentres saboreamos a cervexa, comentamos que outubro é o mes de perderse pola natureza, gozando cos cinco sentidos do paraíso no que vivimos. Un acerto de ruta absoluto!

2 comentarios sobre “Ruta en Castro Caldelas. Miradoiro de Matacás”

  1. Que ben que puideras ir facer esta ruta! Penso que o outono é o mellor momento para facela. As cores que se ven nas fotos son preciosas. Un bico!

    1. Grazas! Xa teremos ocasión de comentala, pois quedoume un pouco a espiña de non baixar ata o embarcadoiro, pero non se pode ter todo! Outro bico!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio