Ruta da Ferrería de Bois
Regresamos ao concello das Nogais para facer a ruta da Ferrería de Bois. Comezamos camiñando na mesma vila de As Nogais, e o camiño lévanos ata Doncos por un fermoso bosque, continuando ata o lugar de O Couso, Castelo. Ata aquí son 6 quilómetros de subida, cun desnivel levadío e camiño moi cómodo.
Cambiamos de rumbo seguindo polo monte da Cheda ata chegar a un punto onde collemos o vello camiño que, en descenso, nos leva á Ferrería. Este tramo, de 2 quilómetros, atravesa un fermoso e abraiante bosque cun estado de conservación moi bo. A Ferrería atópase por desgraza en estado de abandono e cada vez está máis deteriorada. Aínda así o lugar merece a visita.
Cruzamos un pequeno río e comezamos a subir cara o lugar de Fonfría e un pouco máis adiante chegamos ao lugar de A Lagúa. Neste treito podemos observar na ladeira de enfronte o enorme bosque que abarca todo o val chegando case ata o Portelo, nos límites con León. É un dos bosques máis grandes de Galicia, pouco coñecido e pouco visitado. Sen dúbida algunha ten un enorme valor natural. No lugar da Lagúa comezamos o descenso que nos leva de volta ás Nogais, gozando das vistas do bosque, o val e toda a contorna.
A ruta non ten dificultades, salvo o desnivel, a lonxitude, e a lama que podamos atopar. En xeral os camiños son cómodos e bos, pero pode haber algún punto concreto que non o sexa tanto.
MIDE:
- Lonxitude: 21 km
- Desnivel: medio-alto
- Dificultade: media
- Horario: 6:55 h.
- Desnivel de subida: 780 m
- Desnivel de baixada: 780 m
- Severidade do medio natural: 3
- Orientación no itinerario: 2
- Dificultade no desprazamento: 2
- Cantidade de esforzo necesario: 4
- Tipo de percorrido: Circular
Comezamos a camiñar…
Regresamos ao concello das Nogais logo de visitalo esta primavera pasada para gozar da ruta pola Torre de Doncos, e tamén a finais de setembro cando percorrimos a Vía Künig. A verdade é que este concello ofrece unhas posibilidades enormes para o sendeirismo e, desta volta aproveitamos para gozar dos seus bosques no outono. Con tantas visitas, imos ser famosos no concello, pois recoñeceron ao grupo e a algún de nós das recentes visitas nos dous bares que frecuentamos tanto á saída como á chegada da ruta, cousa que nos alegra moito.
Reunímonos na praza que hai á beira da Casa do Concello e enfiamos camiño cara a Doncos. Á saída das Nogais o camiño atravesa un frondoso bosque de especies autóctonas entre as que destaca o castiñeiro. Este tramo dos pouco máis de dous quilómetros que nos quedan para chegar a Doncos coñécese co nome de costa de Espariz. Aínda me lembro ben do cansos que baixabamos por ela cando fixemos a segunda etapa da Vía Künig a finais de setembro dende Las Herrerías. Que longa se nos fixo esta etapa!
En tempos, esta costa pola que imos subindo era realmente complicado de ascender para os carros que se dirixían a Castela por este antigo Camiño Real, polo que tiñan que contratar tiros adicionais na vila das Nogais. Debido a este inconveniente, a mediados do s. XIX, decídese abandonar este trazado entre Pedrafita e As Nogais e construir outro por Noceda a media ladeira. Ese novo trazado será o que perdure ao converterse en Nacional VI. O prematuro abandono do trazado que estamos percorrendo permitiu que o gocemos hoxe en día nun estado case orixinal, gozando dos enormes castiñeiros e da súa sombra.
En nada poñémonos en Doncos, lugar que sempre me chama a atención polo seu considerable tamaño e tamén pola gran dispersión que ten o núcleo poboacional. En épocas pasadas, tivo moita importancia, sendo a vila máis grande entre Vilafranca e Lugo. Reagrupámonos antes das primeiras casas da parte alta, no cruce onde están instalados os paneis indicando as rutas que se poden escoller, e continuamos co tranquilo ascenso polo vello camiño real onde, a medida que imos gañando altura, vánsenos ofrecendo unhas fermosas paisaxes pola nosa esquerda.
Nun par de quilómetros chegamos ao Couso, Castelo, lugar onde deixamos de subir, abandonamos a ruta cara a Pedrafita e adentrámonos polo monte da Cheda por un camiño ben fermoso, que nos regala unhas vistas impresionantes de todo o val que vimos de percorrer.
En suave descenso encamiñámonos cara a Ferrería de Bois, onde facemos unha parada para observar este interesante complexo. Este tramo de dous quilómetros practicamente en descenso ata o río Valdeparada, atravesa un fermoso e abraiante bosque cun estado de conservación moi bo, onde me chama a atención, ademáis da variedade arbórea e de mato, os numerosos acivros que hai e o porte que teñen. Imos por zonas umbrías que o sol debe quentar durante pouco tempo, pois aínda teñen a herba xeada a esta hora do día. A humidade e a friaxe fanse notar e hai que volver a poñer roupa de abrigo.
A Ferrería atópase por desgraza en estado de abandono e cada vez está máis deteriorada. Aínda así o lugar merece a visita. Xa van alá cinco anos da primeira vez que visitamos este interesante lugar, pero daquela chegáramos á ferrería por outra ruta que comezáramos e rematáramos en Doncos. Comparando as fotos que fixera daquela coas de hoxe, a imaxe non pode ser máis desoladora. O paso do tempo non perdoa e a construción está moi deteriorada con parte da cuberta caída, e non me estrañaría que non tardara moito en caer por completo. Unha mágoa!
Esta ferrería tenche moita historia segundo nos relata o panel instalado fronte ás ruínas. Como a maioría destas factorías, atópase nun lugar de gran interese natural e paisaxístico. Da ferrería restan a ruinosa casa, muros da capela e as ruinas do edificio industrial. Segundo o Dicionario de Pascual Madoz, constátase unha fábrica de ferro de extraordinaria antigüidade, apreciación que algúns estudos datan no século XVIII, tal como a coñecemos, pero que a súa orixe é anterior, probablemente da primeira metade do século XVI, estando en funcionamento ata finais do século XIX.
A ruta continúa. Unha pequena ponte permítenos cruzar o río de Valdeparada para iniciar a subida polo Monte da Furada onde decidimos facer o descanso para xantar, antes de entrar no pequeno lugar de Fonfría (955 m), gozando de fermosas vistas. Seguimos ascendendo e, antes de chegar ao núcleo de A Lagúa, o Víctor reúnenos para comentarnos o lugar polo que andamos hoxe.
Situados fronte a aldea de Doncos e o bosque que cruzamos pola mañá ao outro lado do val formado polo río Valdeparada, que desemboca no Navia nas Nogais, coméntanos que o bosque que temos fronte a nós, na beira dereita do río, chega ata a base do Monte do Curisco (aprox. 1300 m), entre Pedrafita e O Portelo, a uns once ou doce quilómetros de onde estamos, e toda esa ladeira da montaña que vemos ata alá é todo bosque, que continúa case ata As Nogais. Temos ante nós quilómetros e quilómetros de bosque (que, por certo, non sabemos como se chama) e, polo que nos dí, estamos ante un dos bosques máis grandes de Galicia do que practicamente non se fala pois case non se coñece. Está relativamente protexido pois estamos camiñando polo LIC Ancares Courel e é moi interesante por ser un bosque mixto onde a biodiversidade é moito maior que nos bosques onde predomina un só tipo de árbore como carballos ou faias.
A verdade é que o camiño polo que andamos é francamente marabilloso. Ao atravesar A Lagúa (1030 m), podemos observar os típicos hórreos da zona que hai na eira dun par de casas, formados por un armazón de madeira sostido por catro longos piares e co teito de palla, destinados a despensa e coidado de produtos agrícolas.
É un pouco chocante o nome desta aldea polo lugar onde se atopa, pero pronto lle encontramos a explicación. En nada encontrámonos cunha lagoa que pola época na que andamos vémola pouca auga, pero que resulta ser un punto de especial interese para os anfibios. Supoño que na primavera estará moito máis fermosa coa vexetación e co croar das rás na lagoa, pois neste humedal está rexistrada a existencia de dez tipos diferentes de anfibios, como os distintos tipos de ras ou sapos, píntegas ou limpafontes, moitos deles endémicos, ademáis dun anfibio en perigo de extinción, a “Ra de Santo Antón», tal como nos ilustra o panel alí instalado.
Da outra beira da estrada está a capeliña de San Roque, restaurada dun xeito un pouco peculiar, que está rodeada dunha área recreativa onde se pode descansar. Nós non o facemos e continuamos camiño pois os días comezan a ser curtos e fainos falta o tempo para chegar ás Nogais con día.
A partir de aquí, os 6 km restantes supoñen un regalo. Un descenso continuado en zigzag baixando ata As Nogais gozando de fermosas vistas sobre o val, da conversa e dos últimos raios de sol que se filtran entre as árbores. Sen dúbida, unha ruta das que hai que gardar.
Precioso!!! As cores do bosque nesta época son de postal. Veña, a facer mais roteiros que moitos disfrutamos despois dende a casa!!!