Ruta do Nevadín dende Vivero de Omaña

Ruta do Nevadín dende Vivero de Omaña
Esta fotografía, Baixando do Pico Nevadín, presenteina ao concurso da Semana de Senderismo FEDME 2021, e foi unha das dez gañadoras do mesmo.

Vivero é un pequeno pobo da comarca de Omaña situado entre montañas. A ruta comeza e remata en Vivero e ten unha parte circular no medio do percorrido. Lévanos por paisaxes típicas destas zonas de montaña, onde predominan os pasteiros nos que no verán o gando pasta libremente, e zonas de mato, como xestas e carrascas. Nestas zonas altas o bosque case está desaparecido.

O cumio do Nevadín, que supera por pouco os 2000 metros, é un miradoiro estratexicamente situado entre Omaña, Laciana e o val de Salientes. Nós acadaremos o cumio dende a zona sur da montaña, máis amable e menos agreste que a cara norte. Aínda así, hai que ter en conta o desnivel a salvar.

MIDE:

  • Lonxitude: 17,6 km
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media
  • Horario: 6 h.
  • Desnivel de subida: 780 m
  • Desnivel de baixada: 780 m
  • Severidade do medio natural: 3
  • Orientación no itinerario: 2
  • Dificultade no desprazamento: 2
  • Cantidade de esforzo necesario: 4
  • Tipo de percorrido: Circular

Comezamos a camiñar…

Último día de estadía por esta zona do Alto Sil e non podiamos rematala sen acadar un cumio, pouco difícil, pero con certo desnivel e con pendente forte en puntos concretos da ruta. Para iso, desprazámonos ata Vivero de Omaña onde, un pouco antes de entrar no pobo, hai un aparcadoiro na estrada que nos permitiu deixar os coches (42.878717, -6.228756 ).

Ruta do Nevadín dende Vivero de Omaña
Vista de Vivero de Omaña dende o aparcadoiro

Preparámonos sen demora, ao tempo que fago as primeiras fotos dende o aparcadoiro, unha atalaia perfecta dende onde se domina todo o pobo, e comezamos a andar de contado pois temos por diante unhas seis ou sete horas de andaina e hai que facer a viaxe de volta unha vez que rematemos.

Ruta do Nevadín dende Vivero de Omaña

Cruzamos o pequeno río e, superado o pobo, continuamos por un camiño amplo e cómodo, usado polos veciños para achegarse co gando ata os pastos altos da montaña, aínda que temos que sortear en varias ocasións grandes bolsas de auga estancada na pista de terra. Nada que non teñamos feito noutras ocasións. Á nosa esquerda levamos encaixado o Arroio de Vivero e toda unha aba de monte chea de bidueiros amosando a súa cor amarela no outono. Impresionante.

Ruta do Nevadín dende Vivero de Omaña

Hoxe non me encontro con moitas forzas para camiñar, ainda que de momento o desnivel a salvar non é moi forte e, case sen decatarnos, chegamos á parte circular que imos facer no medio do percorrido, decidindo tomar o camiño da esquerda. Pronto cruzamos unha pequena ponte sobre o arroio do Portillín, que será o punto de referencia ao regreso, a partir da que xa empezamos a ter un desnivel máis forte. A montaña está hoxe animada pois escoitamos cada vez maís cerca os berros dos gandeiros tratando de reunir o gando que anda polo medio das xestas para ilo baixando e agardando que a nosa presenza non interrumpa o seu labor.

Ruta do Nevadín dende Vivero de Omaña
O Pico Valdiglesias (2134 m) dende o Alto del Portillo

Pouco a pouco imos chegando ata o Alto del Portillo, delimitado por unha valla metálica que continúa ata o Pico Dos Hermanos. Admiramos dende este punto a tímida cor branca de neve que hai sobre os cumios que nos rodean e identifico o espectacular Pico Valdiglesias (2134 m), medio tapado polas nubes, que fotografío co aramado polo medio, pero non paramos moito, o necesario para reagruparnos. Cando me fixo no aramado lindeiro que se perde monte arriba nun forte desnivel, penso que temos que subir pegados a el pero pronto vexo que nos desviamos á dereita seguindo pola pista, e en baixada! (menos mal!).

Ruta do Nevadín dende Vivero de Omaña
Ao fondo os Fontanes e Peña Ubiña pechan esta paisaxe tan espectacular

Sigo con poucas forzas e con gañas de parar, pero o Víctor vaime poñendo metas que, pouco a pouco, vou superando. Isto non impide que siga gozando da paisaxe e das vistas. Desta vez cara á dereita tendo aos nosos pés todo o val polo que viñemos camiñando, e divisando ao fondo os Fontanes e Peña Ubiña como referentes. A paisaxe non pode ser máis fermosa!

Ruta do Nevadín dende Vivero de Omaña
Só queda continuar esta corda e xa estamos no cume

Con ánimos de “imos ata aquel punto e alí falamos” ou, “xa non queda nada e xa só queda subir esta aba”, ou o último de “xa estamos a 2000 m e só queda continuar esta corda e xa acadamos cume”… o vértice xeodésico xa asoma despois camiñar entre carrascas e enormes manchas de matas de arandeiros e dunha pequena subida polo cordal. O Víctor non pode estar máis contento e vainos saudando a medida que imos chegando ao cume do Nevadín. O vento frío fai que nos atopemos cunha pequena capa de neve o que lle dá un sabor especial ao momento.

Ruta do Nevadín dende Vivero de Omaña
No cume do Nevadín atopamos unha pequena capa de neve, supoño que a primeira deste outono

Cunha altura de 2077 metros, desde o seu cume hai unha das mellores vistas de toda a montaña de León, alcanzando a ver os cumes de Asturias e o macizo galego, un estupendo balcón mires para onde mires, desde o que podemos observar os poucos que identifico: o Cornón, Morronegro, os Fontanes, o macizo das Ubiñas, os picudos Catoute e Valdiglesia polo sur o Cebolledo, o Cabril… fai que te esquezas das poucas forzas que traías! Só nos queda celebralo en torno ao vértice xeodésico, inmortalizando o momento cunha manchea de fotos. Que paisaxe tan abraiante!

Ruta do Nevadín dende Vivero de Omaña

Non demoramos noito no cume, pois o vento xélido non para de zoar e iniciamos o descenso decontado. A baixada case me está a parecer máis fermosa, pois, por exemplo, vou apreciando unhas cores nas matas de arandeiros moi intensas das que non me decatei durante o ascenso. Pronto abandonamos esta zona de mato, sen sendeiro ben definido e, superado o aramado lindeiro, regresamos á pista de terra.

Ruta do Nevadín dende Vivero de Omaña
As matas de arandeiros adquiren unhas cores moi intensas nesta época

Decidimos tomar un pequeno atallo por unha zona recén cortada de xestas que están a recuperar para pasto, con moito ramallo estrado e sen camiño definido cunha baixada bastante intensa, ata que acadamos de novo o trazado da pista. Un pouco máis abaixo, nunha zona campeira decidimos parar a xantar e recuperar forzas ao abrigo do vento.

Ruta do Nevadín dende Vivero de Omaña

Retomamos camiño e só nos queda seguir o curso do arroio de Vivero, que nace nestas abas. Quedannos pouco máis de 6 km de percorrido e seguimos descendendo pola pista de terra que nos conduce ata o punto onde pechamos o círculo no camiño de ida. Neste treito tiven un pequeno percance (hoxe parec que non teño o día), unha escordadura de nocello que me provocou moita dor inicialmente, pero que unha vez retomei a andaina foi recuperando sen ter que pasar a maiores.

Ruta do Nevadín dende Vivero de Omaña

Toca agora volver sobre os nosos pasos. Tan só queda chegar ao camiño polo que subíramos inicialmente e regresar ao punto de inicio da ruta en Vivero. Á nosa dereita acompañamos o curso do encaixado o Arroio de Vivero e volvemos gozar de toda a cor amarela dos bidueiros resaltada agora pola luz de atardecida que comeza a aparecer.

Ruta do Nevadín dende Vivero de Omaña
No camiño de regreso, aínda que cansos, non paramos de admirar este paraíso descoñecido para moita xente, e de falar do ben que o pasamos e gozamos nestes tres días… sen dúbida, haberá que voltar máis pronto que tarde!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio