Ruta da Braña de Fontellada
Comezamos a camiñar na igrexa de Palacios del Sil, parroquia de Santa Leocadia (42.875359, -6.434149), seguindo o coñecido como camiño de La Solana, rumbo á braña de Fontellada, situada ao fondo dun dos vales máis bonitos, máis fermosos e tamén máis longos desta zona do Alto Sil. Mais adiante o camiño bifúrcase e colleremos o ramal da esquerda que se coñece como camiño de Abiseu (fai referencia a zonas sombrías). O río Pedroso, que da nome a outra braña que atoparemos a medio camiño antes de chegar a Fontellada, percorre todo o val de norte a sur. Toda a zona ten moito bosque, sobre todo na aba orientada ao leste o que nos permitirá ver a variada e rica biodiversidade durante o percorrido.
A ruta é de ida e volta e como dicíamos ao fondo do val está o noso obxectivo: a Fontellada, rodeada de cumios de case 2000 m de altitude como o Cerro de Bustatán, Peña Mayor e Cueto del Oso. O regreso facémolo polo mesmo camiño.
MIDE:
- Lonxitude: 17 km
- Desnivel: medio
- Dificultade: media
- Horario: 5:45 h.
- Desnivel de subida: 700 m
- Desnivel de baixada: 700 m
- Severidade do medio natural: 3
- Orientación no itinerario: 2
- Dificultade no desprazamento: 2
- Cantidade de esforzo necesario: 3
- Tipo de percorrido: Ida e volta
Comezamos a camiñar…
A visita a este municipio é interesante en calquera época do ano, agora ben, debido ás masas boscosas existentes, as diferentes tonalidades de verdes na primavera, xunto coa variedade de cores que se producen no outono, confiren a estes lugares unha singular beleza especialmente nestas dúas épocas.
Logo de chegar dende Santiago, iniciamos a marcha dende a Igrexa de Santa Leocadia case a media mañá e, logo de cruzar a estrada principal, enfiamos a Calle Mayor xusto enfronte do Centro de Interpretación de la Naturaleza, ubicado no edificio da antiga escola na mesma estrada. Falamos un momento coa técnica do Centro que nos indica algún aspecto da ruta. Ademais do panel informativo da ruta que hai neste punto, coméntanos que practicamente a sinalización foi perdéndose co paso do tempo e que en breve volverán repoñela. Aínda así, non é moi necesaria polo tipo de percorrido e, en todo caso, cando atopemos algunha encrucillada, deberemos tomar sempre o camiño da esquerda.
Asinamos no libro de visitas e continuamos camiño. Imos deixando o pobo para enlazar co Camino de la Solana que sube entre soutos de castiñeiros centenarios.
Chegados a unha bifurcación, á altura do Corbachón, tomamos o camiño da esquerda. Imos polo camiño chamado do Abesedo ou Abiseu, palabra usada por estas terras para cualificar ás zonas umbrías, tendo que salvar un paso canadiano no que Víctor recolle do seu interior un sapo descomunal de grande! Situouno na beira do camiño e pouco a pouco foise ocultando entre o mato.
Pouco despois cruzamos unha ponte sobre o río Pedroso e, a partir de aí, comezar a gañar altura durante un par de quilómetros. Sempre por pista, adentrámonos nunha fermosa e frondosa carballeira, unha das alfaias do Alto Sil, pois estamos percorrendo un dos vales máis fermosos e longos de toda a comarca, o Val de Pedroso. Os carballos ocres, os cumios, o son do río no fondo do val, as verdes praderías que acollen ancestrais casas de pedra e pizarra… unha fermosura!
Chegamos a un novo desvío e, como nos dixo a técnica, escollemos o ramal da esquerda. Se tomamos o da dereita descenderiamos ata a Braña de Pedroso, indicada por un cartel, que non visitamos e continuamos a marcha polo camiño principal.
Dende o camiño, divisamos algunha casa da braña en mitade do val rodeada de vexetación. Outro fermoso tramo o que nos agarda entre as dúas brañas. Disfrutaremos do bosque e tamén dos canchais que nos encontramos a medida que ascendemos polo camiño.
Desde aquí xa se adiviña o trazado que nos resta, seguir o val ata a súa cabeceira baixo a protección dos picos que o rodean.
Pouco antes de chegar, o camiño crúzao o Pedroso, a esta altura un regato que hai que salvar pola esquerda do camiño, anunciándonos que xa queda pouco para chegar á Fontellada.
Esta braña conta con algunhas cabanas moi ben restauradas. Poden distinguirse en moitas delas detalles tradicionais como os ‘testeiros escalonados’ cunha función de cortalumes cando o ‘teito’ era vexetal.
Non hai mellor lugar para facer o descanso que arrimarnos ás casas para sentarnos e tomar algo de alimento, coa fonte aos nosos pés. A paisaxe e as vistas desde o fondo do val son espectaculares; paga a pena parar un bo anaco para descansar e contemplar a magnífica paisaxe que forma o circo glaciar, rodeada por montañas en coas abas cubertas de frondosos bosques formados por carballos, capudres, teixos, bidueiros e acivros principalmente.
E por suposto, facemos e facémonos fotos sen parar, o lugar meréceo!
Temos que regresar a Palacios del Sil e facémolo descendendo polo mesmo camiño, pero en sentido contrario. Na baixada, antes de chegar á ponte precédennos dous gandeiros que están cambiando os cabalos de pasto guiándoos dende o quad e o todoterreo. Aínda así, a estampa é moi fermosa.
Temos o final de ruta na mesma estrada principal, no bar Mónica, onde acompañamos as cervexas coas primeiras probas de embutidos coas que nos agasallou o dono. Non está nada mal esta ruta para a toma de contacto coa bisbarra do Alto Sil, nada mal.
*Como en case todas as rutas que vimos facer por estas terras lemos e baseámonos no blog Rutinas Varias, unha auténtica marabilla de bitácora. Desta vez tamén nos aproveitamos do seu track en Wikiloc para amosarvos a ruta. Moitas grazas!
Que paisaxe tan bonita! Eu estiven en Palacios del Sil este verán, pero cun plan ben diferente: chapuzón na praia fluvial. A auga estaba xeada, pero coa calor que facía, deixounos o corpo como novo.
A zona non defrauda en ningunha época do ano pero si que tivemos moita sorte coa viaxe pois “era o momento”, estaba todo o entorno así: íamos pola estrada no coche e non sabías para onde mirar… Unha borracheira de cores!