Camiño dos Faros. De Corme a Cabana de Bergantiños

23-10-2021
Camiño dos Faros. De Corme a Cabana de Bergantiños
Complexo dunar do esteiro do Anllóns

Comezamos a ruta en Corme e o percorrido lévanos ata Cabana de Bergantiños. Ao pouco de saír de Corme acadamos a fermosa praia da Ermida para, decontado, írmonos introducindo no cantil que vai bordeando o monte da Facha ata chegar á praia de Balarés. Este tramo é un pouco parecido a tramos de etapas anteriores do camiño: sendeiro estreito con algúns chanzos rochosos. Saíndo de Balarés imos rodeando o Monte Branco, unha das xoias da xornada de hoxe. É un monte formado por un impresionante sistema dunar, no esteiro do Anllóns que é un paraíso ornitolóxico. Pouco a pouco chegamos a Ponteceso. Unha vez cruzada a súa ponte temos un treito dun quilómetro de longo pegados á estrada ata acadar un desvío que nos leva novamente á beira do esteiro do Anllóns e de aí ao paseo marítimo polo que continuaremos ata chegar a Cabana onde remata a xornada.

MIDE:

  • Lonxitude: 16,1 km
  • Desnivel: medio-baixo
  • Dificultade: media
  • Horario: 4:55 h.
  • Desnivel de subida: 460 m
  • Desnivel de baixada: 330 m
  • Severidade do medio natural: 3
  • Orientación no itinerario: 2
  • Dificultade no desprazamento: 3
  • Cantidade de esforzo necesario: 3
  • Tipo de percorrido: Travesía

Comezamos a camiñar…

Regresamos á vila de Corme para iniciar a nosa terceira etapa do Camiño dos Faros, que tan bos recordos nos traen e tan bo sabor de boca nos está a deixar nesta segunda xeira. Como de costume, damos un pequeno paseo polo arredores do peirao e pola vila, na que aínda quedan algunhas vivendas que teñen o seu encanto.

Camiño dos Faros. De Corme a Cabana de Bergantiños
Nos primeiros pasos, imos cara ao nacente, reflectíndose o resplandor do sol nas augas

Logo de tomar o café nun dos poucos bares que hai abertos a estas horas, reunímonos na praza da Ribeira, fronte ao peirao, e saimos pola avenida da Mariña, que nos conduce á praia do Osmo. Aquí tiven que facer unha parada obrigada, pois a cámara de fotos dime que levo a tarxeta chea e un día coma hoxe non se pode prescindir de sacar fotos… e vaia se saquei! Na praia de Osmo case todo o mundo repara na parte posterior desa casa que hai fronte á praia, que debe ter o ancho dun remo (en moitas vilas mariñeiras había vivendas chamadas casas do remo, nas que o ancho da fachada correspondíase coa dimensión dun remo de traiña).

Camiño dos Faros. De Corme a Cabana de Bergantiños
Grupo de voluntarios e voluntarias recollendo lixo no areal da Ermida

Continuamos cara a Praia da Ermida, a praia máis grande de Corme. Accedemos a ela por un paso habilitado no extremo de seu complexo dunar onde nos cruzamos cunha chea de rapazada que está a recoller lixo do areal, froito do que arrastran as mareas e tamén da escasa conciencia de máis dun, pois a area acaba enterrando ou cubrindo residuos plásticos como restos de nasas ou redes, incluso algunhas botellas de plástico que acaban no complexo dunar ou no regato próximo. Parabéns por esta campaña!

Camiño dos Faros. De Corme a Cabana de Bergantiños
Praia de Río Covo

Se a praia da Ermida é unha fermosura, que dicir do pequeno areal de Río Covo! A praia recollida, valeira, o día soleado, a marea baixa, prolongadas ondas que dan unha sensación de placidez… dan gañas de non continuar! A costa é batida e o tramo sigue sendo duro, ainda que curto, igual que na primeira desde Malpica a Niñóns, ou especialmente o tramo desde a enseada da Barda ata o faro do Roncudo.

Camiño dos Faros. De Corme a Cabana de Bergantiños
Corvos mariños gozando das bondades do tempo

Fíxome nun bo grupo de corvos mariños pousados sobre unha enorme rocha que aproveitan para secar as súas plumas ao sol, mirándonos de reollo pero permanecendo imperturbables ao noso paso. A estampa non pode ser máis fermosa.

Camiño dos Faros. De Corme a Cabana de Bergantiños

Baixadas e subidas pegadas aos cantís por un sendeiro a media ladeira, lévannos ao comezo dun curto pero continuo ascenso ,necesario para acadar a Parede no Monte da Facha. O tramo é unha gozada!

Camiño dos Faros. De Corme a Cabana de Bergantiños
A Parede é un miradoiro dende onde hai unhas vistas impresionantes da boca da ría e de gran parte da costa

A parada na Parede, un miradoiro natural espectacular, é obrigada. Reagrupámonos, descansamos, facemos un montón de fotos e gozamos das vistas. Á nosa dereita, Corme, enfronte Laxe e a costa de Camariñas ata o seu Monte Branco. Á esquerda, cara ao interior da ría, Cabana e a desembocadura do Río Anllóns, entorno onde nos diriximos. O día non pode ser mellor!

Camiño dos Faros. De Corme a Cabana de Bergantiños
Fermosas vistas do interior da ría, da praia e todo o esteiro do río Anllóns

Retomamos o camiño e iniciamos o sendeiro entre rochas que nos leva en forte descenso á Praia de Balarés (todo o que se sube, hai que baixalo!), levando á fronte unhas fermosas vistas do interior da ría, da praia e todo o esteiro do río Anllóns, ata que chegamos á araña de ferro que está na punta do muelle, onde nos recibe unha moto de gran cilindrada cor fucsia e con sidecar, que chama a nosa atención. Algún devecía por ela!

Camiño dos Faros. De Corme a Cabana de Bergantiños
Merendeiro de Balarés

Se na primeira vez que fixemos esta etapa gozamos percorrendo a praia de punta a punta, hoxe decidimos facelo pola súa área de descanso que está moi fermosa, atravesando polo coidado piñeiral que rodea o areal sobre un manto verde da zona do merendeiro. Tamén lembro que da outra vez foi o lugar perfecto elixido para xantar aproveitando as mesas instaladas baixo a súa sombra.

Camiño dos Faros. De Corme a Cabana de Bergantiños
Bordeamos a costa por un sendeiro que discurre sobre pequenos cantís

A Praia de Balarés é o preámbulo do Monte Branco, para min outro dos puntos sinalados do percorrido que hai que gozar intensamente. Seguimos bordeando a costa por un sendeiro que discurre sobre pequenos cantís, no interior da ría, e non tardamos moito en acadar a praia da Barra, un marabilloso areal que vai queando á nosa dereita. A súa forma aberta con ondas longuísimas, e as formas que toma o areal coas mareas, danlle unha visión espectacular. As dunas da Barra acordoan a praia. O complexo dunar de case 2 km de lonxitude, exténdese polo esteiro do Anllóns, tamén denominado Enseada da Insua.

Camiño dos Faros. De Corme a Cabana de Bergantiños
As dunas da Barra, de case 2 km de lonxitude, acordoan a praia

Unha paisaxe única e distinta do camiño. Destacan as grandes matas de feo da praia (Ammophila arenaria), que medran nas cimas das dunas, e que contribúen en gran medida a sustentar o solo e permitir así que outras especies poidan vivir nelas, polo que é fundamental non sairse do sendeiro para non estragar esta zona tan sensible. Camiñando pola area ímonos adentrando no esteiro que forma a desembocadura do río Anllóns, e disfrutamos da marabillosa diversidade paisaxística que hai nesta etapa.

Camiño dos Faros. De Corme a Cabana de Bergantiños
Matas de feo da praia (Ammophila arenaria) que axudan a fixar a area

Ao deixar de camiñar pola area, seguimos por un sendeiro de terra, en dirección ao Malecón do Couto. Éste é un tramo plano que percorre a marisma, e decidimos parar para xantar á beira do posto de observación de aves. Alguén que leva prismáticos, distingue garzas e garcetas, ademáis de gaivotas, que rapidamente deixan o lugar, marchando para a outra beira, cando comproban a nosa intención de quedarnos por alí un bo tempo.

Camiño dos Faros. De Corme a Cabana de Bergantiños

Deben quedar sobre catro ou cinco quilómetros ata Ponteceso, que son, iso sí, moi doados de andar, e facémolo polo dique de terra que separa a ancha canle das marismas que desde comezos do s. XIX e ata finais dos anos 80 do século pasado foron fecundas terras de cultivo (millo) e, posteriormente, polo Paseo do Malecón chegamos a Ponteceso, mesmo enfronte da casa natal de Eduardo Pondal, que loce unha bugambilia espectacular baixo a galería.

Camiño dos Faros. De Corme a Cabana de Bergantiños
Imposible non deterse cada pouco nesta beira do esteiro a fotografar grandes bandadas de lavancos

Neste último tramo a etapa suavízase en canto a desnivel. Cruzada a ponte sobre o Anllóns entramos no concello de Cabana. Os primeiros pasos por este concello temos que abordalos pola beira da estrada durante aproximadamente un quilómetro. É un treito un pouco especial, pois é o que mais se afasta da costa, ata que enfiamos rapidamente á dereita e camiñamos entre bosques de piñeiros que nos conducen á beira oposta do esteiro, o que nos permite ir vendo gran parte do camiño andado.

Camiño dos Faros. De Corme a Cabana de Bergantiños
Lavancos

Fronte á parte máis técnica que salvamos nos primeiros quilómetros da etapa, esta é un regalo pois imos pola beira do esteiro deténdonos cada pouco a fotografar grandes bandadas de lavancos, e algunha que outra de mazaricos, que hay nesta beira, así como nos pequenos lombos de area que hai no medio do esteiro. Camiñamos por un paseo marítimo e, pasada a praia da Urixeira, quédanos moi pouco para chegar á Carballa, onde se ubica a casa do concello e a maioría dos servizos municipais, e onde rematamos a xornada facendo os estiramentos tendo o esteiro e o Monte Branco de fondo. Que máis se pode pedir!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio