Liébana. Ruta de Potes a Porcieda

04-12-2021
Liébana. Ruta de Potes a Porcieda

Este é un percorrido circular que comeza e remata na mesma vila de Potes e lévanos por zonas boscosas alternando con paisaxes gandeiras. Veremos bosques de clara influencia mediterránea, como enciñas e sobreiras. Tamén visitaremos o pobo abandonado de Porcieda. Durante o percorrido poderemos ver os Picos de Europa, principalmente o macizo oriental, dominado pola Morra de Lechugales (2444m), unha impresionante paisaxe de alta montaña. En xeral os camiños son bos, predominando as pistas e camiños anchos.

  • Lonxitude: 11 km
  • Desnivel: 500-600m (+/-)
  • Dificultade: Baixa

Comezamos a camiñar…

Nesta ponte da Constitución saímos de Galicia e imos ata Cantabria, a disfrutar da comarca de Liébana durante cinco días. Como na escapada de novembro ao Alto Sil, optamos por apuntarnos aos servizos da Moa Natureza Sendeirismo, que nos ofertou unha serie de rutas moi atraintes para estes días; aínda que as previsións meteorolóxicas non son moi positivas, a moral está alta e imos ir día a día, sen preocuparnos moito das previsións do do tempo que teremos mañá.

Liébana. Ruta de Potes a Porcieda
Saíndo de Potes, levamos ás nosas costas os Picos de Europa en todo momento

Despois de sete horas da viaxe en autobús chegamos pouco antes das dúas da tarde a Potes, a capital de Liébana e, sen demora, comezamos a prepararnos para iniciar a ruta, que principia no mesmo Potes, na estrada N-621; cruzamos a vila pola Ponte Vella sobre o río Quiviesa, e tomamos o camiño que vai cara á ermida de Valmayor, á que chegamos despois dunha constante e tendida subida.

Liébana. Ruta de Potes a Porcieda

Decidimos aproveitar o seu adro para descansar da viaxe e repoñer forzas. Non podiamos ter elexido mellor lugar para facelo, pois as vistas sobre os cumios, aínda que medio tapados polas nubes, son fantásticas.

Liébana. Ruta de Potes a Porcieda

A Ermida de Valmayor, que alberga á patroa de Potes, a Virxe de Valmayor, atópase situada no medio dunha fermosa paraxe rodeada de sobreiras. O primeiro que se sabe dela é que data de finais do século X, pois xa que aparece no Cartulario do Mosteiro de San Toribio de Liébana, por tanto, considérase que foi construída ese mesmo século. A ermida só podemos admirala polo exterior e vemos que se trata dun pequeno templo dunha soa nave no que destaca o portón da entrada principal, orientada ao sur, e a espadana que se atopa enriba da entrada, con troneira e campá.

Liébana. Ruta de Potes a Porcieda

Dá mágoa deixar o lugar pero non demoramos moito no xantar. O camiño agárdanos xa que temos que rematar a ruta antes de que anoiteza. Pasada a ermida, a pista pola que andamos vainos introducindo nun sobreiral impresionante (sufra é o nome primitivo co que se coñece á sobreira en Liébana). Tomamos un desvío á dereita para, por terreo bastante chairo, comezar a gozar deste sobreiral.

Liébana. Ruta de Potes a Porcieda

Pero por pouco tempo, pois na seguinte bifurcación xa subimos en forte pendente, refugamos un desvío que baixa á nosa dereita e continuamos en subida ata un collado onde nos agarda un pequeno banco xunto a unha fermosa sobreira. Imposible non deterse aquí, coas boas vistas sobre Potes, o arco da vella, as montañas do sur de Liébana e os Picos de Europa. Facémonos fotos no banco e tamén varias fotos de grupo para deixar inmortalizada a nosa presenza. Que atalaia máis fermosa!

Liébana. Ruta de Potes a Porcieda

Camiñar por este inmenso sobreiral é unha gozada e vemos como os exemplares máis grosos teñen tirada a casca, a cortiza, que se emprega para diversos usos industriais. Da cortiza das sobreiras fanse rollas para tapar botellas e, en tempos, os cortizos das abellas, boias ou flotadores, por exemplo. Nestas terras, a cortiza explotouse ata hai uns decenios, sobre todo para rollas de botellas e, na actualidade, a produción expórtase cara outras rexións da península.

Liébana. Ruta de Potes a Porcieda

Estas sobreiras son auténticas reliquias forestais da Iberia húmida, pois a Cordilleira Cantábrica non reúne condicións para albergar vexetación mediterránea, salvo nuns poucos vales interiores como este de Liébana, e o de Tolibes alberga o mellor sobreiral da área Cantábrica. A sobreira, a sufra, é unha árbore esixente polos seus requirimentos climáticos e edáficos. Necesita unha boa insolación e non soporta os chans calizos, o frío nin a seca excesiva. Asociadas á sobreira, aparecen outras especies como as aciñeiras, o érbedo ou o sanguiño.

Liébana. Ruta de Potes a Porcieda
O Invernal de Tolibes semella un lunar entre a enorme masa forestal do sobreiral

Baixamos desde o collado polo camiño entre sobreiras e, tras un par de zigzags, chegamos a un prado cunha cabana, o Invernal de Tolibes, e enlazamos co camiño que vén de Potes. Durante un bo treito levaremos a imaxe desta cabana como referente da paisaxe que estamos a gozar.

Liébana. Ruta de Potes a Porcieda
Porcieda aínda conserva restos de edificacións en pé, onde se observan as características e materiais empregados na casa tradicional desta zona

Dende o camiño, o pobo de Porcieda, ata o cal nos achegamos, semella un lugar que aínda conserva restos dunhas cantas edificacións en pé, onde se observan as características e materiais empregados na casa tradicional desta zona (pedra, madeira e barro). A pesar de encontrarse abandonado, é unha fermosura, bucólico, axudado polo son das chocas das vacas pastando. Percorremos a aldea con poucas casas en pé e tamén admiramos a ermida de Nosa Señora das Neves. Unha fermosura!

Liébana. Ruta de Potes a Porcieda

A entrada en Porcieda levounos un pouco de tempo pola lama que atopamos no camiño e, logo de ver o estado ruinoso do lugar, reiniciamos a volta por onde viñemos. Outra vez a camiñar pola lama. Se non queres caldo, dúas tazas! A verdade é que este é un treito pequeno, pero hai que levar certo coidado se non queres enlamar as botas ata arriba.

Liébana. Ruta de Potes a Porcieda
Dende que comezamos a divisar a vila de Potes, pouco a pouco ímonos achegando ao final da ruta

Volvemos camiñar polo sobreiral e pasamos de novo polo Invernal de Tolibes ata que, logo de rematar este pequeno treito de ida e volta, voltamos ao percorrido circular. O camiño continúa baixando e pronto comezamos a divisar a vila de Potes a certa altura e o sector máis oriental dos Picos de Europa coroados por nubes que non permitiron ver os seus cumios en ningún momento e, pouco a pouco, ímonos achegando ao final da ruta, cruzando de novo a Ponte Vella desta fermosa vila.

Liébana. Ruta de Potes a Porcieda
Dende a Ponte Vella parámonos a admirar as vistas sobre a vila e o río Quiviesa

A ruta é unha marabilla, un percorrido por paraxes naturais de gran beleza, moi fermosa e tranquila cunhas vistas fantásticas dos Picos de Europa, e máis co día de sol radiante que nos acompañou. Non estivo nada mal para ter unha primeira toma de contacto, e camiñar por boas rampas de subida e de baixada será a tónica xeral nos seguintes días. Agora toca instalarnos no Hotel Infantado no veciño Ojedo, e tomar unha boa cervexa antes de cear. A estadía pinta moi ben, non podía comezar mellor!

4 comentarios sobre “Liébana. Ruta de Potes a Porcieda”

  1. Precioso!!!, nós pasamos uns dias por esa zona e lembro sempre a serenidade deses cumios, desa paisaxe, isa era a sensación que tiña, serenidade!!!

    1. Grazas Mariví. A min tamén me acompañou esa sensación de serenidade nalgún momento da ruta, gozando con paisaxes amplas e diáfanas (tivemos moita sorte co tempo!).Bicos

  2. Ai, que lembranzas me trouxo esta ruta… Nunca estiven en Valmayor (creo), pero si moitísimas veces en Valmenor. Pasei alí moitos veráns da miña infancia nunha casa na que vivira a miña bisavoa de nena e que outro familiar estaba arranxando agora pouco a pouco. As primeras veces non tiñamos nin auga nin luz e a min encantábame o de saír á fonte e cear ao redor do camping-gaz. Nós subiamos ata alí camiñando porque só se podía chegar en todoterreo (isto segue sendo igual). Grazas polo recordo!

    1. Alégrome de que che lembrara a infancia, e que recordos tan fermosos tés! Para min estes días están a ser un descubrimento pois a comarca non a coñecía (nunca é tarde!). Estou quedando marabillado con esta paisaxe!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio