Liébana. Ruta do Monte Hoyona

05-12-2021
Liébana. Ruta do Monte Hoyona
Os farallóns calizos da Pena Ciquera

A ruta Monte Hoyona toma o nome do monte de faias no que se adentra. Imos ata Cueva, lugar do concello de Pesaguero situado moi preto do Monte Hoyona, un dos mellores bosques que hai en Liébana, o cal se estende polas abas do río Bullón ata Piedrasluengas, no inicio da serra de Peña Labra. Faremos un percorrido principalmente polo bosque e achegarémosnos ata o collado de La Camperona, ao pé do cumio de Peña Ciquera (1626 m). Dende aquí teremos unhas vistas fermosas de toda a contorna.

Os camiños en xeral son bos, predominando os camiños cómodos e anchos.

  • Lonxitude: 13 km aprox.
  • Desnivel: 800-900 (+/-)
  • Dificultade: Media

Comezamos a camiñar…

Logo do almorzo, subímonos ao bus para desprazarnos dende Ojedo, onde estamos aloxados, ata o pobo de Cueva, lugar de inicio desta ruta circular. Semella que a xornada vai ser moi distinta á de onte, pois xa vemos manchas de neve, que supoñemos irá en aumento a medida que vaiamos ascendendo. Preparámonos á entrada do pobo, ao pé da fonte de tres canos (disque o cano central dá a auga máis rica). Ruamos admirando as súas grandes casonas moi ben restauradas e imos saíndo del por unha pista cementada que nos vai levando camiño arriba, á beira do río Bullón.

Liébana. Ruta do Monte Hoyona

O camiño segue a ser de cemento e nuns centos de metros pasamos pola pequena Área Recreativa de Cueva, con algunha mesa e bancos de madeira, hoxe medio tapada pola neve, e moi próxima ao río, que baixa bastante bravo.

Liébana. Ruta do Monte Hoyona

A néboa impídenos gozar de grandes vistas ao lonxe, pero o camiño é unha delicia e a neve non é impedimento ningún para levar unha boa marcha (Neve que cae na lama por auga chama). Chegamos a unha pasarela de madeira sobre un regato que verque as augas no Bullón, que nos ralentiza o ritmo, pero no que aínda botamos unhas risas cando a cruzamos de a un facéndonos fotos. Continuamos subindo por un perdido sendeiro paralelo ao arroio e pronto temos as primeiras faias e o bosque condensándose con carballos e bidueiros que aínda manteñen algo de colorido outonal.

Liébana. Ruta do Monte Hoyona

Unha vez reagrupados na outra beira, a partir de agora… toca subir. E subir sen descanso. De todos xeitos, trátase dun tramo tan, tan fermoso, que a pendente é o de menos. Imos pouco a pouco, con paradas obrigadas pola espesura da neve ou polo paso dalgún pequeno regato que hai que salvar, e abraiados co bosque que nos rodea. Fundamentalmente de faias, aínda que intúo distinguir algún teixo e acivro (supoño que tamén haberá outras especies).

Liébana. Ruta do Monte Hoyona

O camiño sube facendo varios zig zag no último tramo ata que saímos do bosque ao pé das penas e aparecen ante nós os farallóns calizos da Pena Ciquera. O momento non pode ser máis acaído para chegar. O Prao Ciquera, unha ampla majada case pegada ás paredes da Pena Ciquera, as impresionantes vistas desde esta zona alta, unha lixeira neviscada que comezaba a caer nese preciso momento… e o Víctor comentándonos da imposibilidade de continuar subindo ata a Pena Ciquera, o noso obxectivo, polo arriscado da empresa nestas condicións.

Liébana. Ruta do Monte Hoyona

Cruzamos o Prao e, tras bordear unha enorme pena, baixamos para adentrarnos novamente no bosque. A pesar da neve, o tramo de sendeiro é cómodo. Hai que ir gozando do faial polo que non é un camiño para facer con présas. Cruzámonos cun par de paisanos que suben ata a solitaria cabana que hai no collado. Logo de preguntarnos de onde somos e de animalos a facer o camiño de Santiago, pois teñen gañas de facelo agora que están xubilados, coméntannos que a neve de hoxe non é nada do outro mundo; en tempos a temperatura era moito máis fría e teñen subido ata aquí para baixar o gando a Cueva e atoparse con neve de moito máis espesor que a que hai hoxe (falaron de ata dous metros algúns anos), circunstancia que non permitía avanzar moito co gando. Notan moito a bonanza do inverno na actualidade!

Liébana. Ruta do Monte Hoyona

A medida que imos descendendo polo faial, con moitos exemplares xóvenes, a neve vai desaparecendo pouco a pouco e a pista vai aparecendo alfombrada por un manto de follas outonais que confiren un gran colorido ao entorno. Algún claro permítenos ver a outra beira do val, onde destaca o fermoso pobo de Valdeprado

Liébana. Ruta do Monte Hoyona

Case sen decatarnos, temos aos nosos pés as casas de Cueva apretadas xunto aos montes pintados de branco. Só queda chegar polo lado contrario ao desta mañá á igrexa e o seu cemiterio adosado, donde nos agarda o bus.

Liébana. Ruta do Monte Hoyona

É cedo e regresamos a Ojedo, onde nos animamos a xantar no comedor do Hotel Infantado con Suso, que hoxe non nos acompañou, e nos animamos a probar o borono, moi similar á morcilla, pero este non se embute dentro dunha tripa, nin lleva arroz. Volvemos ter un día espléndido.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio