Liébana. Ruta de Lebeña a Colláu Joz

06-12-2021
Liébana. Ruta de Lebeña a Colláu Joz
A frondosidade de La Canal de Francos é impresionante, co seu gran faial (fayeu) aínda con cores moi vivas

Para a terceira xornada plantexada unha nova ruta seguindo parte do Camiño Lebaniego, pero en sentido contrario. Camiñaremos entre Lebeña e Cicera e, unha vez chegados a este pobo, subiremos ata o Colláu Joz. O pobo de Lebeña é a porta da comarca de Liébana, xa sexa entrando polo desfiladeiro da Ermida, ou ben andando polo Camiño Lebaniego, e o Colláu Joz é o paso histórico dos vales do Nansa a Liébana

Os quilómetros non son moitos pero, dada a bravura das subidas e baixadas hai que facelo paseniñamente, non só pola dureza da montaña, se non tamén para poder gozar das paisaxes, da natureza e do patrimonio.

É unha senda que discorre entre bosques de faias e carballos, sombríos e dignos de percorrer. A ruta non ten moita dificultade, salvo o descenso pola Canal de Francos, un sendeiro que, con moita auga e néboa, hai que transitalo con moito coidado.

Comezamos a camiñar…

Hoxe houbo cambio de plan motivado pola previsión meteorolóxica, pois tiñamos pensado que nos levara o bus ata Enterrías e, dende alí, intentar acadar o Pico Jano, un dos máis marabillosos miradoiros naturais que hai en Liébana e poder gozar dende alí das vistas sobe os Picos de Europa.

Liébana. Ruta de Lebeña a Colláu Joz
Acceso a Santa María de Lebeña

Pero a actualidade manda e houbo que buscar unha ruta que fose por cotas máis baixas e seguir a gozar dunhas xornadas incribles como as de onte e antonte polo Val de Liébana, e hoxe temos ideada unha nova ruta seguindo parte da etapa raíña do Camiño Lebaniego.

Liébana. Ruta de Lebeña a Colláu Joz

Antes de adentrarnos no corazón do Desfiladeiro da Ermida desviámonos da N-621 ata Lebeña (Cillorigo de Liébana), punto de inicio da ruta de hoxe, pero antes de iniciar o percorrido fomos visitar a fermosa igrexa de Santa Maria de Lebeña, e dedicar un tempo a gozar desta magnífica igrexa que paga moito a pena. A igrexa é o principal monumento prerrománico de Cantabria e non podemos máis que admirar o seu exterior. É visita obrigada.

Liébana. Ruta de Lebeña a Colláu Joz
Cornixas con canzorros ricamente decorados practicamente por todo o perímetro da igrexa

Muros de mampostería con sillares nos esquinais sosteñen cornixas con canzorros ricamente decorados con esvásticas e flores de seis pétalos. O edificio ten adosado un pórtico e unha sancristía de época barroca. Unha torre neomozárabe exenta, levantada a finais do século XIX coa dubidosa intención de embelecer o monumento, completa o conxunto.

Liébana. Ruta de Lebeña a Colláu Joz
En 2017 plantouse este novo teixo, nacido dunha clonación do anterior

Sabido é a simbiose que hai dos teixos nas igrexas ou camposantos no norte da península, que representa o tránsito entre a vida e a morte, e esta igrexa de Lebeña non ía ser menos. O teixo (texu) centenario de Lebeña non aguantou o temporal de vento do norte de 2007 que provocou a súa caída. Situado xunto a unha oliveira tamén centenaria ao pé da igrexa, como simbolizando o encontro de dúas culturas, a cristiá representada pola oliveira e o teixo como símbolo da relixión pagá. No seu lugar, dez anos despois, plantouse un clon daquel exemplar, polo que podemos dicir que a árbore caeu pero non morreu, ao ser un sinal de identidade do pobo… viva o teixo de Lebeña!

Liébana. Ruta de Lebeña a Colláu Joz

Xa preparados para iniciar a andaina no aparcadoiro á beira da igrexa, Víctor explícanos someramente o lugar onde nos encontramos. Un pequeno val onde se asenta Lebeña, a 200 m sobre o nivel do mar, pero rodeado de impoñentes moles calizas que superan os 1400 m, como a Pena Ventosa, e con paredes verticais entre as que destacan Cueto Agero, onde se desenvolve unha das principais escolas de escalada de Cantabria. A paisaxe non pode ser máis fermosa!

Liébana. Ruta de Lebeña a Colláu Joz
A medida que se vai gañando altura pódese ir admirando todo o val e as montañas colindantes

Deixamos a igrexa e, despois de documentarnos cos distintos paneis que hai sobre o entorno, comezamos a camiñar pobo arriba. Deixamos á nosa dereita o río Deva e imos por unha pista moi cómoda, sempre en subida. Coméntame Suso, que fixo o percorrido do Camiño Lebaniego no último ano santo, que é máis bonito facer este tramo de baixada, vindo de Cicera, porque podes ir admirando todo o val de fronte. Xa con bastante cota gañada, un pequeno tramo sen moita pendente déixanos nos Invernais de Lebeña, preámbulo doutra boa subida.

Liébana. Ruta de Lebeña a Colláu Joz
La Torca

Deixamos atrás o impresionante Cueto Agero e apreciando como Lebeña se asenta na suave ladeira que forma o Deva nun tramo máis aberto do desfiladeiro da Ermida, e imos cambiando, pouco a pouco, de val. A ruta continua en sentido ascendente, atravesando zonas boscosas, de carballo fundamentalmente. De cando en vez, atopámonos cos pequenos monolitos cos sinais do Camiño Lebaniego nunha dirección e do Xacobeo noutra, que nos indican que imos na dirección axeitada. O camiño vai facendo contínuas curvas seguindo a sinuosidade da ladeira.

Liébana. Ruta de Lebeña a Colláu Joz

Trala costaneira aba boscosa, o camiño agora é case un paseo. Imos pola ladeira de Mesa sin Pan case sen desnivel e, de seguido chegamos ao “teito” da etapa, onde facemos un pequeno descanso mentres Víctor vai botar unha ollada e ver como está o camiño, pois hai que decidir se tomamos a opción de ir polo Collado de Arcedón ou continuamos polo camiño oficial. Decántase por esta última opción e pouco a pouco iniciamos o descenso. Primeiramente por unha pista ancha de terra, completamente alfombrada, é a Cuesta Matilla, que baixamos con bastante precaución pois a folla non nos deixa ver a auga nen as pedras que hai polo camiño ata que chegamos a unha gran pena, onde se inicia unha baixada pronunciada que se vai convertendo cada vez en máis sinousa.

Liébana. Ruta de Lebeña a Colláu Joz

Estamos baixando polo fermoso bosque de faias (fayas) de La Canal de Francos e tomamos o noso tempo na baixada, pois hai que ir con coidado de non esvarar ao estar todo mollado. Ante nós váisenos presentando unha nova paisaxe. Outono en estado puro!

Liébana. Ruta de Lebeña a Colláu Joz

Auga que cae das alturas do monte, néboa, troncos caídos que hai que salvar, faias con grosas raíces fundidas na terra que van abrazando rochas, carballos e castiñeiros centenarios… No faial (fayeu) a fermosura da paraxe multiplícase, e non podía haber mellor momento para pasar este tramo tan fermoso!

Liébana. Ruta de Lebeña a Colláu Joz

E de súpeto a foresta vainos deixando cada vez espazos máis abertos, o que nos permite ir apreciando o val. O barranco da Agüera Riocicera practicamente aos nosos pés, no que escoitamos e medio vemos os grandes saltos de auga na súa impresionante baixada cara ao río Deva.

Liébana. Ruta de Lebeña a Colláu Joz
Impresionante o barranco da Agüera Riocicera

De fronte o Jozarcu, La Pica de las Puertas, sobre a Ermida, picudo e totémico monte que garda a historia e as lendas destas terras. Ao fondo, ao lonxe, o Colláu Joz, onde remataremos a ruta. E no val o pobo de Cicera.

Liébana. Ruta de Lebeña a Colláu Joz
Peto de ánimas de Cicera

Antes de chegar a Cicera pasamos por un fermoso peto de ánimas en mal estado de conservación (unha mágoa), no que pode lerse na parte superior a inscrición “Limosnas para las ánimas”. O peto dispón da reixa que protexía as desaparecidas imaxes do interior e posiblemente o cepillo das esmolas.

Liébana. Ruta de Lebeña a Colláu Joz

A partir de aquí, pouco a pouco o sendeiro vai desaparecendo, baixando comodamente, e o camiño vaise ancheando cada vez máis, ata que chegamos a unha moderna pasarela de madeira que utilizamos, pois a auga que leva o regato, afluente do Riocicera, fai imposible continuar polo camiño. Hai moita auga estes días!

Liébana. Ruta de Lebeña a Colláu Joz

Un encaixado camiño empedrado condúcenos ao pobo, que conserva numerosas casas montañesas con solaina; avanzamos por unha senda paralela ao río, que cruzamos por unha ponte, vendo as antigas moas de muíño chantadas no firme, e tamén o seu ollo.

Liébana. Ruta de Lebeña a Colláu Joz
Vista xdende o adro da igrexa do Carme

Adentrámonos na aldea e ruamos admirando a súa arquitectura moi ben restaurada ata chegar á igrexa, decidindo xantar no seu pórtico, abrigándonos da chuvia e gozando das vistas cara á Ermida dende o seu adro, vendo como baixa a néboa pola Canal de Francos.

Liébana. Ruta de Lebeña a Colláu Joz

Despois da extraordinaria baixada ata Cicera, e deste pequeno descanso, iniciamos o ascenso ata o Colláu Joz, Collado La Hoz. Toca subir de novo, pero as rampas non son tan empinadas como as que tivemos no primeiro tramo da mañá, cando saimos de Lebeña. Paramos a falar cunha parella que está a dar de comer ás bestas que baixan rápidas cara a eles, e non deixamos de mirar a fermosa imaxe que temos cara ao fondo do val.

Liébana. Ruta de Lebeña a Colláu Joz
A cantidade de auga que baixaba fixo imposible non meter as botas na auga

Algún regato que temos que saltar polo crecido que baixa, o Invernal e en nada poñémonos no Colláu Joz, paso histórico dos vales do Nansa a Liébana, coas súas majadas invernais que caracterizan a súa paisaxe. Imos por un pequeno tramo asfaltado, rodeados de inmensos prados de pasto salpicado con pequenas cabanas, un fermoso balcón sobre os Invernais de Obán, ata que chegamos a un cercado para o gando onde damos por rematada a ruta.

Liébana. Ruta de Lebeña a Colláu Joz
Vista dos Invernais de Obán dende o Colláu Joz

Bueno, aínda temos que andar un pouco máis pois temos que regresar pola estrada ata a capela de Santa Catarina, onde nos agarda o bus. Cambiamos as botas e a roupa mollada, e tan felices! Outra xornada redonda!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio