Ruta dos Pazos e Ponte Taboada. Lalín

18-12-2021
Ruta dos Pazos e Ponte Taboada. Lalín

A ruta comeza mesmo no núcleo urbano de Lalín, no seu paseo fluvial, e vai ata Ponte Taboada. O percorrido vai principalmente por zonas rurais e gandeiras alternando con outras de bosque autóctono. É unha paisaxe moi fermosa. Tamén hai ocasión de ver e observar diferentes elementos culturais e arquitectónicos con as igrexas de Santa Baia en Donsión e San Martiño en Prado, o pazo de Bendoiro e para rematar a ponte medieval de Taboada, sobre o río Deza situada nun enclave de enorme beleza.

O percorrido non ten dificultades, salvo as que poida haber pola lama en caso de chuvias nos días anteriores.

  • Lonxitude: 15 km
  • Desnivel: baixo-medio
  • Dificultade: media baixa

Comezamos a camiñar…

Partimos dende O Regueiriño, moi perto do centro urbano de Lalín, comezando dende o fito que sinala o comezo de varios dos Roteiros de Lalín, un proxecto que suma xa vinte e cinco percorridos distintos e perto de 500 km por un concello que podemos situar entre os mellores de Galicia no eido das actividades no medio natural. Dende esta páxina dásmoslles os parabéns por esta iniciativa!

Ruta dos Pazos e Ponte Taboada. Lalín

Camiñamos ademais por un tramo do Camiño de Inverno a Santiago, camiño que percorreremos en distintas ocasións ao longo da xornada. Baixamos cara o paseo Pontiñas, á beira do río Pontiñas e imos gozando da súa vexetación de ribeira e dalgún muíño en moi mal estado de conservación que, como en outros moitos  lugares, son vestixio dunha actividade fundamental na vida rural doutros tempos e que hoxe están en desuso a gran maioría.

Ruta dos Pazos e Ponte Taboada. Lalín

Imos camiño da igrexa de Donsión e dos pazos de Bendoiro, Eirixe e Liñares, enlazados entre eles practicamente a través de grandes masas boscosas, carballeiras fundamentalmente, que son unha delicia camiñar por elas. Para chegar a Donsión, unha vez deixado o paseo fluvial e camiñado por unha carballeira, temos que salvar primeiramente a autoestrada AP-53 que facemos cruzando baixo unha ponte da mesma, despois de percorrer uns centos de metros paralelos a ela.

Ruta dos Pazos e Ponte Taboada. Lalín

Unha lixeira subida, sempre baixo arbolado, e xa comezamos a ver o pequeno núcleo de Eirexe coa súa fermosa igrexa barroca, na parroquia de Donsión, deixando ás nosas costas a autoestrada e, máis ao lonxe, o polígono industrial de Lalín.

Ruta dos Pazos e Ponte Taboada. Lalín

Estamos camiñando por un tramo da variante sanabresa da Vía da Prata, que conflúe co Camiño de Inverno neste concello no lugar de A Laxe. Na entrada á aldea, coincidimos co coche da panadeira que vai dando aviso da súa presenza, e semella que vai anunciando a nosa entrada na aldea. É obrigado deterse neste lugar e facer unha pequena parada, pois hai que admirar tanto o cruceiro como a igrexa.

Ruta dos Pazos e Ponte Taboada. Lalín

O cruceiro de Donsión sorprendeume moito. Sen dúbida, unha das xoias coas que contamos no noso patrimonio. De 1789, asentado sobre unha plataforma dun chanzo. Con pousadoiro, o pedestal, cúbico, ten a imaxe dun réptil, representación do demo, e no varal a imaxe dunha tartaruga, as figuras de Adán e Eva e, por enriba deles, a árbore da resurrección. O capitel está decorado con flores de lis e volutas no centro, e de cada lado unha cara. A cruz ten a imaxe de Cristo polo anverso e a Virxe polo reverso.

Ruta dos Pazos e Ponte Taboada. Lalín

A primitiva igrexa de Donsión foi substituída por outra de feitura barroca na primeira metade do século XVIII. A fachada principal está presidida pola imaxe en pedra de Santa Baia dentro dunha hornacina, con pináculos e elementos decorativos propios do barroco. Destaca o campanario, dividido en dous corpos, o inferior cadrado e o superior octogonal rematado en cúpula.

Ruta dos Pazos e Ponte Taboada. Lalín

Hai que continuar a andaina seguindo o Camiño de Santiago e volvémonos mergullar no bosque, o gran protagonista desta ruta, guiados na maior parte do tempo pola siñalética de Roteiros de Lalín e polos fitos do Xacobeo. O momento non pode ser máis máxico pois as leves ráfagas de vento fan botar abaixo as últimas follas que quedan nas copas destas fermosas frondosas, principalmente carballos, como dando entrada ao xa cercano solsticio do inverno, e regalándonos unhas imaxes e sensacións marabillosas. Moitas veces falamos da fermosura da primavera e do outono como as estacións do ano ideais para percorrer este tipo de rutas, pero non queda atrás o inverno, que nos permite ver espidas a maioría das árbores, pisar auténticos chans alfombrados coas súas follas, ou ver como se van desprendendo delas amosándonos as súas formas.

Ruta dos Pazos e Ponte Taboada. Lalín

Baixamos cara ao Muiño do Escribano, tamén en estado ruinoso e cuberto pola maleza, no rego da Laxe dos Mosqueiros, que cruzamos por unha pequena pontella, e xa comezamos a subir cara o Castro e Castriño de Bendoiro, dous asentamentos castrexos de hai 2300 anos, ou pode que se deban interpretar como parte dun único asentamento, con dúas zonas de vivendas e un gran espazo colectivo, utilizado para tarefas comúns. As obras promovidas polo ADIF permitiron varias excavacións arqueolóxicas, grazas ás que foi posible definir os límites deste poboado fortificado de finais da Idade do Ferro.

Ruta dos Pazos e Ponte Taboada. Lalín

Non queda moito para chegar ao Pazo de Bendoiro, un solarego pazo do s. XVI, enclavado dentro dunha gran propiedade, que tivo a súa orixe nunha torre, constituindo unha das máis nobres casas da comarca, onde viviron sen interrupción os seus propietarios. Hoxe en día é un establecemento de hostalaría adicado a turismo rural. Facemos unha pequena visita entrando baixo o monumental escudo sobre o portón que dá acceso ao patio. Antonio, marabillado polo lugar, xa me pregunta se aquí se pode vir tomar o cocido. Non o sei, pero o sitio é inmellorable para tomalo.

Ruta dos Pazos e Ponte Taboada. Lalín

E falando de comer, hoxe ímonos contentar cun pequeno refrixerio de friame e froita. Pero aínda temos que camiñar un pouco máis, ata Prado para degustalo tranquilamente. De camiño temos unha boa panorámica do perfil da serra do Candán, unha das nosas zonas favoritas para camiñar, co seu máis lonxano monte Coco, ao que subíramos por estas datas no ano 2013.

Ruta dos Pazos e Ponte Taboada. Lalín

O camiño ata a igrexa de Prado complicousenos un pouco pois estaba con bastante lama e tivemos que optar por subir ao balado para avanzar, prendendo moitas veces nas silvas, o que nos ralentizou a andaina. Ainda así, demos chegado e decidimos facer o descanso no entorno desta igrexa e do cercano Pazo de Eirixe.

Ruta dos Pazos e Ponte Taboada. Lalín

Tomámonos con moita calma o descanso, o que axuda a ter animada conversa, dar un pequeno paseo pola contorna e percorrer o adro de San Martiño de Prado, unha igrexa do s. XVI, pero que garda nos seus muros elementos prerrománicos e románicos de grande interés.

Ruta dos Pazos e Ponte Taboada. Lalín

Preparámonos e continuamos camiño por este espazo amplo de pradeira adicada maiormente á gandaría. Vemos ao lonxe o Pazo de Liñares, ao que non nos imos achegar, adquirido polo concello de Lalín no 2002 e que alberga na actualidade o Museo Galego da Marioneta, polo que é visitable. É un dos pazos máis sobranceiros destas terras do Deza e Pardo Bazán dixo del que era “el palacio del recuerdo”. Haberá que buscar un día para ir visitalo.

Ruta dos Pazos e Ponte Taboada. Lalín

Volvémonos introducir na carballeira e volvemos recuperar o camiño a Santiago neste último tramo, e descendemos finalmente por un camiño empedrado que moi ben pode ser resto da calzada que daba acceso á ponte medieval de Taboada. Se atravesamos o río Deza por ela deixamos atrás o concello de Lalín para entrar en terras de Silleda.

Ruta dos Pazos e Ponte Taboada. Lalín

O lugar non pode ter máis encanto, tanto polas súas especiais características (ponte cun único arco de medio punto e considerable altura, asentada sobre dúas penas que estreitan a canle do río Deza), como pola beleza da contorna, con bosques frondosos de ribeira e o silencio do lugar onde só escoitamos o murmurio da auga que baixa mansamente.

Ruta dos Pazos e Ponte Taboada. Lalín

Precisamente, esta primavera fixemos un roteiro achegándonos ata a Ponte Taboada dende a beira do concello de Silleda. Xa comentei daquela que a Ponte Taboada, erroneamente chamada romana, era unha ponte medieval de estilo románico, que pertencía ao camiño real que unía as cidades de Santiago e Ourense, e por onde discorre hoxe en día a Vía da Prata, única utilidade que conserva, pois quedou practicamente sen uso ao modificarse o trazado da estrada, na segunda metade do século XIX.

Ruta dos Pazos e Ponte Taboada. Lalín

Rematamos este itinerario na mesma ponte onde nos facemos moitas fotos, pois o lugar é ben fermoso. E a ruta paga moito a pena pois atravesa amplos espazos naturais de gran beleza, nun territorio de marcado carácter agrario.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio