Roteiro polo Río Deza e carballeiras


153 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (4 votos, media: 5.00 de 5)
Loading...

Por fin retomamos os roteiros da USC fóra de Compostela! E para facelo achegámonos ata o concello de Silleda para facer unha ruta duns nove quilómetros ben fermosa..

Comezamos a camiñar na área de descanso da estrada N-525 que hai xusto unha vez pasado o parque empresarial de Silleda (coordenadas: 42.687662, -8.220478), situada na parroquia de Taboada e facémolo aproveitando o trazado da Vía da Prata ata descender á ponte de Taboada, fermosa mostra arquitectónica sobre o río Deza, construída no ano 912.A ponte de Taboada, erroneamente chamada romana, é unha ponte medieval de estilo románico, que pertencía ao camiño real que unía ás cidades de Santiago e Ourense, entre as parroquias de Prado (Lalín) e Taboada (Silleda). Por este lugar discorre a Vía da Prata no seu camiño de peregrinaxe cara a Santiago, única utilidade que conserva hoxe, pois quedou practicamente sen uso ao modificarse o trazado da estrada, na segunda metade do século XIX. 

LaVORABERVNT isTA PONCHE In ERA DCCCCL eT FVIT PERFECTA pRIDIE KL DS APIES
Foto de Xerardo

Na beira de Silleda apréciase unha inscrición sobre a cara plana dunha gran pedra parcialmente rota por un raio, que di: LaVORABERVNT isTA PONCHE In ERA DCCCCL eT FVIT PERFECTA pRIDIE KL DS APIES (Labraron esta ponte en era 950 e foi terminada o 31 de marzo). A era 950 correspóndese co ano 912, a súa data de construción.O lugar non pode ter máis encanto, tanto polas súas especiais características (cun único arco de medio punto e considerable altura, sobre dúas penas que estreitan a canle do río Deza), como pola beleza da contorna, con bosques frondosos de ribeira e o silencio do lugar onde só se escoita o trino dos paxaros e o murmurio da auga.

Regresamos sobre os nosos pasos e subimos de novo ata a aldea de Taboada, e facémolo con coidado polo esvaradío das pedras, moitas delas conservadas da calzada primitiva, pois temos que descender ata o río Deza no seu curso cando recibe as augas do Asneiro un pouco máis adiante. Salvo un punto un pouco complicado no camiño para pasar pola cantidade de auga caída nos últimos días, o traxecto é un grato paseo pola beira do río.Pouco imos subindo e imos deixando o río Asneiro abaixo ata que deixamos de escoitalo e chegamos ao lugariño de Fondevila. A partir deste punto a paisaxe cambia, xa que entramos nunha zona agrícola e gandeira, con pasteiros e terras de cultivo, que alternan con carballeiras ben conservadas. Ao pouco pasamos por Camporrapado, lugar con bos exemplos de arquitectura popular e onde se encontra a capela dos Aflixidos, do s. XVIII e, seguindo o camiño, entre bosques ben conservados, cunhas marabillosas carballeiras para noso deleite, e plantacións forestais chegamos a Carballeda, xa moi próximo ao noso lugar de comezo da ruta, que será onde rematemos. Só nos queda percorrer uns metros pola N-525 para chegar á área de descanso, mentres vemos da outra beira a fermosa igrexa de Santiago de Taboada, que aínda conserva un bo número de rasgos románicos.

Foto de Xerardo

A verdade é que quedei moi contento con este roteiro e sobre todo por volver a ver a Rocío e Víctor, así como a compañeiros e compañeiras de andainas, despois de tanto tempo confinados, con peches perimetrais, limitacións de grupo, etc… a xornada foi moi gratificante. Agardemos que este sexa un punto de inflexión e que a partir de agora vaiamos tendo cada vez máis posibilidades de poder practicar o sendeirismo como nos gusta.

  • Lonxitude: 9 km
  • Desnivel: case non ten
  • Dificultade: baixa (con algo de desnivel, e en caso de chuvias podería haber lama)


Vídeo




Deixa un comentario

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.