Monte San Marcos e Ruta da Auga-Muiños de Riamonte
Variante da Ruta da Auga do concello de Ames. A Ruta da Auga caracterízase sobre todo polos trece muíños que se poden ver. O roteiro do río Riamonte alberga unha extraordinaria riqueza ambiental e cultural. A enorme variedade de especies vexetais e animais que atopamos nas pequenas fragas do regato de Riamonte fálanos dun espazo equilibrado e diverso onde os saltos e as pequenas fervenzas salpican a contorna con pingas de auga cristalina.
O roteiro é circular e comeza e remata na aldea de Cruxeiras, fronte á igrexa de San Tomé de Ames, parroquia de Ames. De seguido, e despois dun par de quilómetros por estrada asfaltada chegamos ata a aldea de Lamas, no entorno do monte San Marcos onde hai que acometer unhas rampas un pouco duras. As vistas dende o Monte San Marcos pagan a pena, apreciase o Val da Mahía e chegan incluso ata Padrón.
Unha vez baixado, hai que ir na busca do rego de Riamonte. Todo en descenso, primeiramente pasamos pola poza onde se encoraba a auga durante o verán para o funcionamento dos muíños. Posteriormente, entramos nun fermoso tramo que discorre á carón do rego de Riamonte, onde iremos pasando polos muíños de Riamonte, en diferente estado de conservación. O último tramo do percorrido ata Vilar transcorre por un vello camiño entre prados e árbores froiteiras no que se pode contemplar unha paisaxe tipicamente rural. En Vilar, lugar onde comeza e remata a Ruta da Auga, hai instalados diversos paneis interpretativos que axudan a guiarse e descubrir os tesouros que se agochan neste espazo.
Continuamos camiño por estrada ata a aldea de Barouta, para ver a Capela de Santo Amaro e un cruceiro de capela que hai no entorno, para acometer logo unha pequena subida ata o punto de partida, na Igrexa de San Tomé.
- Lonxitude: 12,21 km
- Desnivel: medio baixo
- Dificultade: medio baixa
- Track
Comezamos a camiñar…
Aparcamos diante da Igrexa de San Tomé, e decidimos primeiramente entrar no adro e ver este espazo xunto co seu cemiterio. O conxunto exterior, adro, cemiterio e accesos, foron sufragados a finais do século XIX polos irmáns García Mouriño, emigrantes na Arxentina, segundo unha inscrición que constata este feito. O cruceiro que preside este conxunto está apoiado nunha plataforma de dous graos. Unha cruz sinxela de corte circular acolle no anverso unha imaxe dun Xesús crucificado, e no reverso unha Piedade de traballo sinxelo pero con moita forza expresiva.
Abandonamos o lugar de Cruxeiras e emprendemos camiño cara a Lamas. Este primeiro tramo hai que facelo por asfalto, pois os accesos á igrexa parroquial son todos anchos e incluso con beirarrúas, como este polo que imos. Cruzamos a estrada pola que viñemos dende Bertamiráns e Augapesada e chegamos a Lamas. A gran amabilidade dos veciños é notoria, pois un sae da casa ao noso encontro (para min que estaba almorzando), preguntando se precisamos axuda crendo que estabamos perdidos e, cando lle indicamos que imos cara San Marcos xa se decata de que non o estamos.
Cruzamos por primeira vez o rego de Riamonte e topámonos cun muíño restaurado nun entormo moi agradable. O noso camiñar é moi lento, pois imos gozando da paisaxe e dos sons da primavera. Ata nos detemos a falar con Tomás, “o señor dos burros”, veciño de Lamas, a aldea que acabamos de deixar, que ven subindo como unha chispa pola pista arriba. Tira dun burro cun neno, co que está a practicar a asnoterapia, ainda que tamén emprega os animais para o ocio e o turismo. Coméntanos que os beneficios da terapia asistida por animais son estupendos para os nenos para traballar a responsabilidade, a psicomotricidade “y un montón de cosas más”.
Non o entretemos moito para que siga monte arriba a todo filispín e nós continuamos ao noso ritmo, parolando en continuo ascenso. O entorno deste treito non é moi bucólico, pois imos por un eucaliptal que rodea toda a ladeira do Monte de San Marcos. Os sinais do sendeiro non son moi abondosos, e ímonos axudando de rutas gravadas por outros. Ademais, semella que os poucos postes chantados que nos atopamos están indicando a ruta para seguila en sentido contrario ao que imos. Aínda así, non hai moita perda.
Continuamos todo este treito por pistas forestais en constante subida e, xa na parte alta, xa con vexetación de monte baixo, comezamos a adiviñar as vistas que se poden acadar dende o cumio, ata que chegamos ata as ruínas da Ermida de San Marcos e dunha torre de vixiancia posiblemente de época medieval. Un ciclista adiántanos na última rampa e vemos que non se detén moito no alto, comentando que mágoa que non goce da paisaxe que debe haber alá arriba. Cando chegamos entendémolo, un cheiro impresionante dunhas galiñas mortas fai que nós tampouco duremos moito no lugar. Non entendo como pode haber xente tan desalmada que deixe os restos no monte en lugar de botalos nos contedores de lixo! Aínda así, contemos un pouco a respiración e podemos contemplar unha magnífica panorámica do val do río Sar (Val da Maía) e de toda a comarca.
Ímonos rapidamente cara ao Miradoiro do Monte de San Marcos, a 343 m de altitude. Aquí si que facemos unha boa parada, ademáis de ver os montes de arredor con extensas zonas de toxos en flor, a chorima, que lle dan un amarelo espectacular, fotografámonos unha manchea de veces con este fondo. Acertamos a ver o Monte Pedroso cara ao leste e tamén o Mercuto, maís ao norte. Tamén vemos como a maioría deles teñen o eucalipto como monocultivo e hai bastantes roturados para novas plantacións deles. A moratoria anunciada pola Xunta de Galicia está sendo contraproducente e practicamente está provocando un efecto chamada que non está deixando oco no monte para outra cousa que non sexa eucalipto. Ata hai escaseza de planta! Unha vergoña.
Toca iniciar o descenso, mentres nos cruzamos con pequenos grupos de ciclistas que acometen as últimas rampas. Uns poucos metros por estrada, lévannos aintroducirnos pouco a pouco no curso do Riamonte. Aquí volvemos botar en falta a sinalización, pois escoitamos a auga pero non vemos xeito de chegar á beira do curso. Cruzamos á beira esquerda por un paso e decidimos regresar á dereita no Pozo, onde se represaban as augas durante o verán para o funcionamento dos muíños. Hoxe nesta poza pódese observar gran cantidade de anfibios e moitas pegadas de animais que se achegan ata ela para beber.
Agora si, o descenso é moi placenteiro, entre os sons das augas que baixan formando pequenas fervenzas, os paxaros e a vexetación, o camiño fáisenos curto. Hai muíños en estado de abandono e outros restaurados, e apreciamos nun destes a existencia dunha lacena das abellas. Non é frecuente atopalas nestas construcións, pero xa vou acostumbrando o ollo a distinguilas, grazas ao noso amigo Suso, gran estudoso deste tipo de enxeños.
A pesar de que vai un sendeiro pola parte alta, nós imos pegados á beira do regato, que nun par de sitios ten un pouco de dificultade polas últimas chuvias caídas que arrastraron o sendeiro, pero sen maior contratempo. Cruzámonos cunha parella moza que empurra un carro de bebé cara arriba e advertímola deste feito, pero deciden seguir sen inmutarse moito. Tiñamos pensado facer unha andaina máis longa, pero decidimos acurtala, pois vemos que non nos vai dar tempo chegar a comer a unha hora decente polo que decidimos acurtala baixando toda Ruta da Auga e, en nada poñémonos na aldea de Vilar; aínda damos unha volta polo lugar, e apreciamos a súa arquitectura: casas, hórreos, eiras e volvemos atopar unha fermosa lacena na fachada dunha casa que semella deshabitada.
Volvemos ao asfalto. Alcanzamos a estrada AC-453 camiño da Ermida de Santo Amaro en Barouta. Non nos achegamos moito a ela, pois unha recua de cans veñen ao noso encontro e decidimos non pasar do cruceiro que hai no lugar. O cruceiro é moi fermoso, dos denominados de “capela” ou “loreto”, típico do Barbanza. Á mesma altura chama a atención un edificio que foi escola, construíuse no 1936 e financiouna a Sociedade Proescuelas Residentes de Ames en Buenos Aires. Hoxe está destinada a albergar o centro sociocultural.
Leo na páxina web do concello de Ames que tivo grande sona na comarca a feira que se celebraba neste adro dende antigo, probablemente desde finais do século XVIII. E continúo lendo que hai referencias á romaría nunha cantiga do Parnaso Portugués Moderno de Teófilo Braga (1877): Se fores a san Amaro/san Amaro de Barouta,/se fores a san Amaro/bailarás con pouca roupa; e na Colección de Cantigas da Mahía de Lois Tobío Campos (1880): san Amaro de Barouta/ veño de unha romaría/e mañán vou para outra… que patrimonio inmaterial tan rico temos!
A fame comeza a apretar e decidimos baixar a xantar a Bertamiráns, polo que apuramos o paso para chegar de novo á igrexa de San Tomé de Ames, que xa está moi próxima. En resumo, a andaina foi excelente, aínda que habería que incidir no seu mantemento e correxir a falla de indicacións, cunhas boas vistas que se divisan desde a parte máis alta do monte e un descenso moi placenteiro a carón do regato de Riamonte. Unha boa experiencia!