Polos muíños de Catoira

08-05-2021
Polos muíños de Catoira
Muíños de vento de Abalo

Ruta circular polo Concello de Catoira, na que poderemos ver os tres tipos de muíño que posiblemente haxa en toda Europa: muíño de agua, muíño de vento e muíño de maré, acompañados por moita historia como petróglifos ou o entorno das Torres do Oeste. Tamén gozaremos dunhas vistas impresionantes da ría de Arousa, ademais de pasar por entornos naturais e atravesar núcleos rurais formados por casas antigas agora xa restauradas, con elementos etnográficos singulares como as lacenas das abellas na rectoral de Abalo.

  • Lonxitude: 16,42 km
  • Desnivel: baixo
  • Dificultade: moderada (pola distancia)
  • Track

Comezamos a camiñar…

Comenzamos a ruta no entorno da antiga Casa do Concello, que será o punto onde a remataremos, pois hai moito espazo para deixar o coche aparcado. De contado, imos cara a aldea de Barral, o primeiro punto de interese da xornada, pois nela sitúanse os petróglifos do Outeiro de Barral.

Polos muíños de Catoira

Antes de chegar a eles, un veciño indícanos que ao pasar unha fonte tradicional, situada nunha encrucillada, enterrada e protexida por unha varanda de ferro, hai as ruínas “disque” dunha antiga torre, pero non a demos atopado; supoño que o queda dela estará cuberto pola maleza e é difícil de distinguir. Unha mágoa que non se poñan en valor este tipo de edificios.

Polos muíños de Catoira
Petróglifos do Outeiro de Barral

Os Petróglifos do Outeiro de Barral confórmanno un grupo de cinco pedras con representación gráfica e o motivo representado é o das cazoletas, bastante erosionadas. Coma no caso da torre, a zona está descoidada e cuberta pola maleza e musgo. Enredamos un anaco tratando de identificalos pero son difíciles de apreciar nalgunhas das pedras, e o panel informativo, malo de ler…

Polos muíños de Catoira

Continuamos camiño e, logo de pasar por algún viñedo e unha zona de prados abertos, pronto nos internamos na espesura da vexetación de ribeira. Chegamos a unha fermosa pontella e, unha vez cruzada, hai que xirar á dereita e seguir río arriba. A maioría dos muíños que imos ver ao longo do curso do río Catoira pertencen á tipoloxía de rego ou canle, de dimensións medianas, cunha única moa e case todos en mal estado de conservación.

Polos muíños de Catoira

Imos por un ben conservado ecosistema de bosque de ribeira, entre unha densa vexetación arbustiva. Ao chegar a un sinal que indica os camiños naturais polo río Catoira e o de San Cibrán, temos que ir pola estrada, pois a maleza impídenos seguir por eles. Ata pode que tivéramos sorte, pois o camiño regálanos unhas xestas enormes que están no mellor momento co seu amarelo intenso que, xunto coas chorimas, realzan a beleza da paisaxe que nos rodea, aínda que o eucalipto xa se empeza a notar a medida que imos ascendendo.

Polos muíños de Catoira

E case sen decatarnos chegamos á Ermida de San Cibrán. A ermida ten unha porta principal rectangular, e sobre ela hai un simple óculo, así como varias xanelas aos lados da parcela. O edificio está construído completamente en mampostería e denota múltiples renovacións e adicións, polo que non é fácil determinar o momento orixinal da súa fundación. Con todo, baixo unha xanela parece lerse 1671. De todos os xeitos, o seu aspecto actual parece referirse, en xeral, a unha fábrica tipicamente barroca.

Polos muíños de Catoira

A ermida está nun entorno espectacular, nunha fermosa carballeira salpicada con bancos e mesas de pedra que, polo que intuimos, debéronse usar hai poucas xornadas, se facemos caso do refrán de Pascua a San Cibrán sete semanas van, polo que xa se debeu celebrar. Tamén quedan os restos dun fermoso maio. O seu patrón é o santo do reuma. Pouco a pouco imos abandonando o lugar pola zona dun esbelto cruceiro, dende onde apreciamos o que pode ser un pequeno curro para xuntar o gando, pois está moi abandonado.

Polos muíños de Catoira

Aínda temos un pouco de treito cara arriba, pero faise moi levadeiro. Volven as enormes xestas en flor e o seu característico olor, agora mezcladas coas uces cunha intensa cor malva.Entre tanta cor intensa toca comezar a baixar. Pouco a pouco imos cara  ao Monte Abalo. No cume do monte Abalo encontranse os muíños de vento construidos a finais do século XIX.

Polos muíños de Catoira

Ademáis do sinal que indica a dirección a seguir, unha cruz sobre dous chanzos irregulares, posiblemente pertencente a un via crucis, sinálanos a dirección cara ao conxunto de muíños. Os muíños de vento de Abalo son dunha modalidade moi pouco frecuente en Galicia e débenlle a súa singularidade morfolóxica ao seu dobre sistema de aspas, único en Europa. Forman un conxunto etnográfico excepcional situado nun alto con espectaculares vistas da ría de Arousa.

Polos muíños de Catoira

O conxunto está formado por dous muíños restaurados e os restos dun terceiro. Estes muíños manteñen a forma circular, con tellado a dúas augas cubertas con tellas do país. Varias pedras dispostas sobre o tellado serven para que a forza do vento desprendésenos as tellas. E abofé que aquí hai vento!

Polos muíños de Catoira

En lugar de seguir baixando directamente polo monte cara aos seguintes muíños, decidimos facelo cruzando a aldea de Abalo. Detémonos diante da igrexa de San Mamede e decidimos dar unha volta polo seu adro, sendo moi curiosa a ubicación de dous reloxos de sol na súa fachada principal. Pero o que nos chama a atención é que na fachada principal da antiga casa reitoral parece que hai unha lacena das abellas. Hai que parar! Aproveitamos que un home está cortando a herba no eirado da reitoral e pedimos permiso para vela máis de cerca. Efectivamente, é unha lacena sobre a fachada e semella que hai outra á que lle falta o pousadoiro. Unha marabilla.

Polos muíños de Catoira

Agora si que temos que alixeirar a marcha, pois temos concertado o xantar en Catoira e vénsenos o tempo enriba. Estamos xa por terreo sobre os que hai varios túneles da nova vía do AVE e ata vemos pasar o tren que leva todos os días os contedores de lixo a Meirama. Pasamos baixo a nova vía e unha pequena pero intensa subida déixanos nuha pista que desemboca directamente nos Muíños de Catoira.

Polos muíños de Catoira

Unha vez arriba contemplamos os muíños, en mellor estado que os anteriores, e dende onde temos unhas vistas espectaculares da Ría de Arousa, A desembocadura do río Ulla, a xigantesca ponte do tren de alta velocidade, que xa é un punto de referencia no concello, e tamén o núcleo de Catoira.

Polos muíños de Catoira

Tamén vemos aos nosos pés a Lagoa de Pedras Miúdas, unha antiga canteira abandonada que, de forma natural, converteuse nunha lagoa, acondicionada cun paseo de pasarelas ao rededor dela. O lugar semella ter moito encanto. Aínda que pouco coñecida está cargada de riqueza en canto a flora e fauna. Grazas á presión veciñal non se converteu nun vertedoiro.

Polos muíños de Catoira

Desde os memos muíños hai un camiño que baixa ata a lagoa, pero nós decidimos deixala para outra ocasión e enfiamos cara ao punto de partida, na vella casa do concello, pois agárdanos a mesa reservada.

Polos muíños de Catoira

Logo de xantar decidimos dar un pequeno paseo ata as Torres do Oeste. De novo partimos dende detrás de antigo Concello e collemos un camiño, en parte con pasarelas, ata chegar ás beiras do río Ulla. É aquí onde se sitúa o Muiño de mareas de Machón, que ás veces tamén é denominado como Muíño do Cura. É unha mágoa ver o estado no que se atopa, pois este ten que ser un ben a conservar e amosar doutro xeito xa que en Galicia existen moi poucos exemplos de muíños de marea e son moitos menos os que conseguiron chegar ata os nosos días en estado máis ou menos decente. Bos exemplos son o muíño da Seca en Cambados, o do Pozo do Cachón en Muros ou o de Senra en Ortigueira.

Situado na mesma desembocadura do río Catoira, o seu funcionamento é moi sinxelo. Aproveitaban a subida da auga do mar e contíñana mediante diques e presas aproveitando zonas intermareales de pouca profundidade. Coa subida as comportas permanecían abertas para a entrada da auga e cando estaban cheos estas pechábanse. Cando baixaba a marea abríanse as comportas que daban acceso á auga aos rodicios do muíño e a forza da corrente, debido á diferenza do nivel do dique e o mar, xeraba a enerxía necesaria para o movemento das maquinarias. É único en canto á súa tipoloxía xa que ademais da marea aproveitaba a auga do pequeno río Catoira que vertía na mesma presa.

Polos muíños de Catoira

Continuamos e os primeiros metros transcorren por un paseo ás beiras do Ulla, a praia fluvial, ata chegar ao club náutico. De aquí o percorrido gozarase por pasarelas ata practicamente chegar ás Torres de Oeste.

Polos muíños de Catoira

As Torres do Oeste aínda hoxe vixían maxestosamente a entrada desde a ría de Arousa ao río Ulla máis de mil anos despois das incursións dos viquingos, que atacaban Galicia para saquear o ouro de Jakobsland, como denominaban a Santiago de Compostela. Este conxunto fortificado das torres, Monumento Histórico-Artístico Nacional desde 1931, formaba parte da rede de defensa marítima xunto coas torres da Lanzada (Sanxenxo) e San Sadurniño (Cambados). Desde alí alertábase a Compostela da chegada de invasores co fin de solicitar reforzos.

Polos muíños de Catoira

Na actualidade estas incursións históricas escenifícase cada mes de agosto cun divertido desembarco dos guerreiros nórdicos. Nós aproveitamos o atraque dunha destas embarcacións ao pé das torres para facernos unhas fotos nela e dar por rematada a andaina neste punto tan senlleiro, ainda que temos que chegar de novo ao centro da vila, onde deixamos o coche aparcado, e tamén comprobar con tristura o peche de Casa Emilio a finais de 2019, un clásico para tomar unha boa lamprea. Unha mágoa ver como van pechando os restaurantes de comida tradicional.

Quédanos moitas cousas por visitar en Catoira, petróglifos, pontes, a lagoa… hai que volver!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio