Fragas do Eume. Rutas dos Cerqueiros e Pena Fesa

29-05-2021
Fragas do Eume. Rutas dos Cerqueiros e Pena Fesa
Vista dende o Miradoiro de Carbueira

Achegámonos ao concello de Monfero para facer c, un dos emblemas dos bosques autóctonos galegos. De feito, adoitamos referirnos a el como o “bosque atlántico costeiro mellor conservado de Europa e un dos escasísimos bosques do seu tipo no continente”. Abrangue 9.125 hectáreas e localízase nos montes dos concellos de A Capela, As Pontes, Cabanas, Monfero e Pontedeume, sendo declarado Parque Natural o 12 de agosto de 1997. En extensión, é o segundo maior dos parques naturais tras o Xurés (Ourense), de case 30.000 hectáreas.

Máis alá do entorno de Caaveiro, podemos camiñar tamén por zonas máis altas, máis arriba do encoro, onde atopamos algunhas rutas interesantes como as que imos percorrer hoxe,a ruta dos Cerqueiros e a de Pena Fesa, dous dos itinerarios oficiais do Parque que nos van permitir deste xeito mesturar diferentes paisaxes e hábitats.

Na primeira veremos zonas de pastos e certa actividade gandeira alternada con fermosos bosques con abondosa vexetación autóctona e incluso nos achegaremos á beira do encoro para ver a paisaxe.

Na segunda imos por zonas mais altas onde poderemos ver grandes extensións de matogueiras, alternando con pequenas fragas e zonas de pasto. Ao chegar ao cumio de Pena Fesa gozaremos das vistas panorámicas que hai sobre unha grande extensión da provincia da Coruña.

A ruta transcorre por pistas e camiños cómodos en xeral, aínda que en caso de chover moito pode haber lama nalgúns puntos.

  • Lonxitude: 19 km
  • Dificultade: baixa-media

Comezamos a camiñar…

Antes de achegarnos ao punto de partida da primeira ruta, é de parada obrigada a visita ao Mosteiro de Monfero, que nos queda de camiño. Había moito tempo que non o visitaba e pareceume, despois de tantos anos, unha auténtica mágoa o seu estado de conservación. Ver nesta situación unha xoia arquitectónica de primeira orde produce desacougo, sobre todo sabendo como a deixadez da administración autonómica nestes temas é pasmosa, pois o Mosteiro de Monfero foi un dos centros monásticos máis importantes do císter en Galicia.

Fragas do Eume. Rutas dos Cerqueiros e Pena Fesa

Aparcamos á beira do impresionante Castiñeiro do Convento (14,70 m de altura), que xa loce esplendoroso coa súa follaxe, e imos contemplar o entorno do mosteiro e, sobre todo, a orixinal fachada principal da igrexa, pois é moi interesante o seu deseño axadrezado conseguido co xogo de mezclar o granito coa pizarra. Unha mágoa que a esta hora aínda estea pechada pois non podemos admirar o seu interior, con planta de cruz latina e cunha nave de 65 metros de longo, dotada dunha espléndida bóveda octogonal.

Subimos de novo ao bus e, en dez minutos, chegamos ao pé do panel que indicia o acceso á ruta Camiño dos Cerqueiros, unha das rutas oficiais do parque. Estamos nas “fragas altas”, ao pé da Serra de Queixeiro, onde aínda quedan pequenas masas de bosque autóctono, rodeadas polo implacable monocultivo do eucalipto que, como xa dixen nunha entrada anterior, está a ser potenciado pola propia administración galega ao establecer unha moratoria na súa plantación que provocou o efecto contrario: plantación desaforada.

Fragas do Eume. Rutas dos Cerqueiros e Pena Fesa
Foto de Xerardo

Dividímonos en dous grupos de seis, respectando en todo momento as normas sanitarias establecidas para esta actividade, e comezamos a andar baixo os piñeirais das zonas máis altas, desde onde imos descendendo ata as fragas cubertas de liques máis próximas ao encoro. A presenza de gando vacún en liberdade é constante ao longo das dúas rutas que percorreremos esta mañá.

Fragas do Eume. Rutas dos Cerqueiros e Pena Fesa

Imos deixando atrás os paneis de inicio da ruta e camiñamos por unha zona despexada e, por momentos, temos vistas sobre algún tramo do encoro, aínda lonxe, quedando á nosa esquerda o monte de Escandadas. Toda a ruta discorre por unha pista ancha, sendo este primeiro tramo, ademáis, o máis cómodo, en contínuo descenso, no que pasamos dos 630 m de altitude aos 320 m á beira do encoro.

Fragas do Eume. Rutas dos Cerqueiros e Pena Fesa

Pouco  a pouco a paisaxe vai cambiando e comeza a aparecer a fraga, dominada polo carballo. Percorridos uns poucos quilómetros, deixamos o camiño. A ruta sigue pola pista cara á dereita, pero tomamos a opción de continuar de fronte. O bosque vaise facendo máis mesto e máis solitario. Agora sí que entramos na fraga: carballo, vidueiro, castiñeiro, acivro… ata que chegamos ao encoro, que está a rebosar de auga. Este é un bo punto para facer unha pequena parada e observar a paisaxe e o efecto do encoro sobre as beiras. Non nos detemos moito, pois hai que deixar o sitio para que o outro grupo chegue onde estamos nós, e temos que desandar o camiño ata a pista.

Fragas do Eume. Rutas dos Cerqueiros e Pena Fesa

Toca subir e a calor comeza a notarse. Chegamos ao cruce da ruta oficial e continuamos por ela. Ao longo do camiño atopamos diferentes paneis informativos que nos ilustran sobre o aproveitamento do monte ou sobre o corzo e o cervo, habitantes destes bosques. Coméntanos Víctor que setembro é un bo mes para facer esta ruta pois, entre outras cousas, permítenos escoitar a berrea dos machos.

Fragas do Eume. Rutas dos Cerqueiros e Pena Fesa

Continuamos en lixeiro ascenso camiño do seguinte punto de interés, o miradoiro de Carbueira. Tomamos o desvío ao miradoiro, un pequeno tramo de ida e volta. Tras pasar pola casa abandonada dos Esterqueiros, imos deixando atrás as árbores e a paisaxe ábrese no miradoiro da Carbueira. Impresionante vista! Unha plataforma de madeira dotada de baranda, que non nos atrevemos a pisar pois hai bastantes táboas soltas, permítenos asomarnos ás vistas sobre o encoro.

Fragas do Eume. Rutas dos Cerqueiros e Pena Fesa

Seguimos co desleixo. A quen corresponda: non se pode manter unha instalación nestas condicións de inseguridade! Hai que dar unha volta polo parque e ver en que condicións se atopa para arreglar o que corresponda… Aínda así, paga a pena deterse a analizar a paisaxe e pensar como sería o Eume sen o encoro, as súas curvas e o encaixonamento que divisamos ao lonxo, no principio da presa; ver algunha das aldeas das partes altas, máis chas, ou como as fragas intentan sobrevivir desde a media ladeira ata as beiras, con permiso da matogueira, nas zonas máis escarpadas.

Fragas do Eume. Rutas dos Cerqueiros e Pena Fesa

Temos que desandar o camiño ata a pista principal e retomar a subida. Pouco máis de 2,5 km de pista de terra, sempre en ascenso, que se nos fai un pouco duro pola calor que está a facer nestes momentos centrais do día. Unha vez chegados ao punto máis alto, decidimos parar para descansar e xantar xuntos os dous grupos.

Aínda así, os do primeiro grupo pronto retomamos a marcha e continuamos pola pista, camiño do punto de acceso á segunda ruta de hoxe, o Camiño de Pena Fesa, unha ruta que nos leva a un dos puntos máis altos da contorna, cun vértice xeodésico de 718 metros de altitude. De novo na estrada, só nos queda andar por este tramo menos agradable de asfalto durante 1,5 km, pero con nada de tráfico. Nótase que é hora de xantar pois un par de viaxeiros en autocaravana están xantando e gozando dunhas vistas inmellorables.

Fragas do Eume. Rutas dos Cerqueiros e Pena Fesa

Continuamos pola estrada ata que divisamos o autobús, aparcado nun entrante á esquerda, onde está o cartel da ruta de Pena Fesa. Comezamos agora unha ruta circular na que, o normal é facela no sentido contrario ás agullas do reloxo, pero nós imos probar a percorrela no mesmo sentido das agullas.

Fragas do Eume. Rutas dos Cerqueiros e Pena Fesa

Primeiramente temos un pronunciado descenso polo que hai que ir con precaución, aínda que a pista ten un bo firme. Creo que este sendeiro é coñecido como Camiño dos Franceses. A atención que lle prestamos ao chan non debe facernos perder de vista o bosque que nos rodea, un bosque autóctono de considerables dimensións.

Fragas do Eume. Rutas dos Cerqueiros e Pena Fesa

Entramos nun dos tramos máis bonitos da ruta, accedendo a superficies de bosque ben conservado e, case sen decatarnos, chegamos ao punto máis baixo deste tramo, o rego da Insua Longa, que uns quilómetros máis abaixo verte ao Eume. Nesta parte baixa tamén atoparemos unha fonte de augas ferruxinosas datada no ano 1863.  Agora toca un tramo de ascenso. Pouco a pouco, temos que chegar aos 718 m aproximadamente (andamos polos 500 m de altitude).

Fragas do Eume. Rutas dos Cerqueiros e Pena Fesa

Seguimos por pista aberta, entre matogueira e algo de arboredo. Un xiro á esquerda, un pequeno tramo por estrada e un brusco xiro á dereita no cruzamento sitúanos no Monte de Penafesa de San Pedro, segundo o cartel, e seguimos subindo, logo de deixar pasar unha moto domingueira, que pronto nos cruzaremos cando veña de volta. A subida é bastante tendida e vaise facendo.

Fragas do Eume. Rutas dos Cerqueiros e Pena Fesa

Ao chegar a un novo cruzamento agardamos para reagruparnos. A ruta sinalizada segue pola pista á dereita (en descenso), pero imos seguir á esquerda para subir ata as antenas. Hoxe Celia vai cunha marcha máis que o resto e pásase do camiño que hai que tomar á dereita antes de chegar á caseta. Ten que sair o vixiante forestal para advertirllo e faina descender uns metros para coller o carreiro entre toxeiras e poder alcanzar o vértice xeodésico da Pendella, a 718 m sobre o nivel do mar. Este punto supón a maior elevación destes montes de Pena Fesa, e do concello de Monfero no que transcorre toda a ruta.

Fragas do Eume. Rutas dos Cerqueiros e Pena Fesa

Facémonos fotos mentres agardamos polo outro grupo e marabillámonos coas vistas, a pesar de que a visibilidade non é o boa que quixéramos pois hai un pouquiño de bruma. Aínda así, desde aquí as vistas esténdense sobre a paisaxe en todas as direccións, especialmente cara ao oeste onde adiviñamos A Coruña pois distinguimos perfectamente a Torre de Hércules. Víctor coméntanos que se non fora pola mala visibilidade, veriamos máis alá as illas Sisargas. Nun plano máis próximo vemos a ría de Betanzos e o núcleo de Sada. A Serra do Moncoso chea de viraventos, a terras do concello de Aranga e a planta de biomasa de Teixeiro; máis eólicos na Serra da Loba, ao fondo, pero onde hai densidade de viraventos é na Serra do Xistral, onde nace o Eume, coa canteira de Muras perfectamente identificada; a cheminea da central térmica das Pontes, que cos 356 m é case imposible non vela dende calquera punto do percorrido; continuamos co Alto do Caxado, por onde vai a estrada que conduce a Ortigueira; a zona de Ferrolterra, a Capelada… e fixemos un xiro de 360 graos divisando gran parte da provincia da Coruña.

Fragas do Eume. Rutas dos Cerqueiros e Pena Fesa
Foto de Xerardo

Toca inciar o regreso e volvemos ao desvío anterior retomando a ruta sinalizada. O final realizámolo por unha pista forestal cómoda polos Montes de A Marola, en lixeiro descenso, entre mato,  algún piñeiral e prado para encontrámonos coa estrada e, tras un pequeno tramo de asfalto, damos co autobús que nos agarda.

Fragas do Eume. Rutas dos Cerqueiros e Pena Fesa

E seguimos co desleixo, pero este máis sangrante. Despois do gran incendio nas Fragas no 2012, seguimos sen Plan reitor para o parque (Feijóo ven de anuncialo para 2022). A falta de normas neste espazo protexido non é só cousa do río e de Endesa (que non da aprobado as normas de explotación do seu encoro), senón tamén da terra, das fragas que dan nome a un parque natural que carece de plan reitor de uso e xestión, malia ser unha esixencia desde hai dúas décadas. O plan reitor de uso e xestión é fundamental pois é o documento que indica o que se pode facer e en que parte do parque, limitando as actuacións nas propiedades privadas e planificando as intervencións da administración. Verémolo para 2022? Coido que non.

Hai moitas páxinas que describen estes dous camiños que percorremos hoxe pero, ademáis da consulta da páxina do Parque natural, foime de moita axuda a bitácora Luar na fraga, que describe estas dúas rutas de marabilla.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio