Camiño dos Faros. De Camelle a Cabo Vilán

15-01-2022
Camiño dos Faros. De Camelle a Cabo Vilán
O perfil do maxestuoso cabo Vilán vémolo no tramo final do percorrido

É moi difícil dicir cal é a etapa do Camiño dos Faros máis fermosa, pero sen dúbida algunha, esta é unha delas. As paisaxes son variadas, cheas de lugares con encanto e gran parte da ruta transcorre por zonas, podemos dicir, que case que salvaxes. Natureza en estado puro.

Ao pouco de saír de Camelle chegamos a Arou, de aí á praia Lobeiras, máis adiante o porto de Santa Mariña e ao pouco o monte Branco, que rodearemos para chegar á enseada do Trece e de aí ao Cemiterio dos Ingleses xusto antes de enfiar a longa pista que nos levará ata Vilán.

As maiores dificultades da ruta están na primeira parte da etapa, entre Arou e a enseada do Trece. Hai zonas pedregosas onde hai que andar con coidado.

  • Lonxitude: 18 km
  • Desnivel: baixo-medio
  • Dificultade: media

Comezamos a camiñar…

Como resalto no primeiro parágrafo da introdución, para min esta é unha das etapas máis fermosas para percorrer o Camiño dos Faros, das que hai que facer si ou si. De feito, creo que é a que máis veces repetín, xa sexa acompañando a amigas e amigos que non poden facer todas as etapas, ou ben, como hoxe, repetindo a andaina guiada pola Fundación USC aló polo xaneiro de 2017. Xa van alá cinco anos!

Camiño dos Faros. De Camelle a Cabo Vilán
Achegándose ata o espigón aínda se pode contemplar parte do que queda da obra de Man

Creo que nesa entrada describo o percorrido, e segue vixente o relato a día de hoxe, polo que intentarei non repetirme e trasladarvos as miñas impresións de hoxe camiñando por este paraxe.

Camiño dos Faros. De Camelle a Cabo Vilán
A entrada en Arou facémola polo paseo litoral

Logo de tomar o café en Ponte do Porto, o bus achegounos ata Camelle, diante do Museo de Man e, como sempre fago antes de comezar a camiñar, a min gústame ir dar unha volta ata o espigón e contemplar alí o que queda da súa obra. O día non pode estar mellor para camiñar: boa temperatura, boa luz e o mar en calma, aínda que non me importaría velo un pouco bravo. Precisamente abandonamos Camelle á beira do que queda do xardín-museo do alemán e continuamos ata Arou bordeando a costa por camiños entre pequenas leiras protexidas do mar por muros de pedra seca.

Camiño dos Faros. De Camelle a Cabo Vilán
Dende o miradoiro, as casetas-vivendas na Praia de Lobeiras afean bastante o entorno

Camiñamos polo paseo litoral de Arou contemplando como as gaivotas están ao abrigo da praia, exactamente igual que as últimas veces que camiñei, e percorremos por unha senda costeira a Enseada de Xan Ferreiro que remata no miradoiro de Punta Lobeiras, desde o que temos unha vista privilexiada cara atrás de todo Arou, tendo aos nosos pés a Praia de Lobeiras, unha pequena praia situada nesta contorna salvaxe e, sigo insistindo, cunhas casetas-vivendas de pescadores que afean bastante o entorno.

Camiño dos Faros. De Camelle a Cabo Vilán
Pequenos coídos espectaculares, unha manchea de rochas de formas únicas

A continuación da praia acometemos un espectacular tramo de sube e baixa polo medio das rochas e entrantes que foron testemuña muda de moitos naufraxios nestas costas. A paisaxe lémbrame o treito percorrido hai pouco entre Traba Camelle, antes de chegarmos a esta vila: pequenos coídos espectaculares, unha manchea de rochas de formas únicas, cada unha co seu nombre: O Pelouro, Os Boliños, Os Portiños, Pedra do Sal… abraiante!

Camiño dos Faros. De Camelle a Cabo Vilán
Cara atrás, camiño do Monte Branco, vemos o pequeno porto de Santa Mariña

E chegamos ao pequeno porto de Santa Mariña, onde nos detemos un pouco a falar cun dos mariñeiros que está ordenando a chabola, pois hoxe non é día de saír a faenar pero, en terra, sempre hai algo que facer. Acompáñao o seu pequeno que está encantado de vir co pai a axudar (quen sabe se algún día collerá o seu relevo).

Camiño dos Faros. De Camelle a Cabo Vilán
Camiñar polas algas provocou unha sensación moi placenteira

Despedímonos e seguimos camiño. Ao deixar o porto cruzamos a praia de coídos na desemboca o pequeno rego de Santa Mariña, cuberta completamente polas algas. Había tempo que non tiña unha sensación tan placenteira! O camiñar sobre este manto durante tantos metros e o arrecendo a mar que desprendían as algas recén aportadas polas ondas, é dos olores que me van quedar por moito tempo na memoria.

Camiño dos Faros. De Camelle a Cabo Vilán
É imposible non mirar atrás sobre a Enseada do Colludo co porto ao fondo

Dende este porto xa comezamos a ver o Monte Branco e, en nada, estamos camiñando pola súa base. Descartado dende sempre o ascenso e baixada pola duna, bordeamos o monte, neste punto é imposible non mirar atrás sobre a Enseada do Colludo e admirar o camiño que levamos feito e a paisaxe que estamos a punto de deixar de ver. Aínda me lembro dos motivos esgrimidos por Víctor para non superar este monte a través da duna, tal como se facía en tempos, pois estamos camiñando por un espazo cun altísimo interés natural e paisaxístico. Para el, quizais, o punto máis importante do Camiño dos Faros dende o punto de vista medioambiental.

Camiño dos Faros. De Camelle a Cabo Vilán
A caramiña (corema album), hoxe en perigo de extinción, unha planta que se adapta perfectamente ás condicións extremas deste entorno.

Rodeamos o Monte Branco, pegados ao mar, por un sendeiro de pescadores, que leva aí anos e que minimiza de xeito considerable o impacto sobre a duna. Este tramo é curto, de certa dificultade, e pode ser vertixinoso nalgún punto polo que compre prestar atención, pero non maís que outros polos que xa pasamos no Camiño dos Faros, e ademáis ten unha enorme beleza.

Camiño dos Faros. De Camelle a Cabo Vilán
No Cabo Veo, un tramo curto, de certa dificultade, pero moi fermoso

Superado o Cabo Veo, ímonos parando a cada momento para contemplar o percorrido que nos queda por andar, e o mar aberto, que hoxe loce especialmente fermoso. As arnelas e os areais de praias abertas ao horizonte, as ondas batendo nos abundantes baixos, son puro espectáculo. Percorremos a famosa Enseada do Trece, nun sube e baixa polas súas distintas praias, ata que acadamos o Cemiterio dos ingleses (onde están enterrados os náufragos do buque británico HMS Serpent, afundido en 1890), onde decidimos parar para repoñer forzas e marabillarnos deste espazo.

Camiño dos Faros. De Camelle a Cabo Vilán

Mirando cara atrás, a vista concéntrase no impoñente Monte Branco. A súa enorme língua de area que sube monte arriba (quero insistir na súa importancia e na súa conservación por ser unha formación xeomorfolóxica de primeiro nivel), e a enseada. Unha marabilla!

Camiño dos Faros. De Camelle a Cabo Vilán
Dende o Cemiterio dos Ingleses o Cabo Veo e o Monte Branco locen espectaculares

Desde hai anos, este enclave do Cemiterio dos Ingleses, foi escenario dun hábito que, pedra a pedra, foi modificando o lugar. A moda de amorear pedras ao xeito dos milladoiros en varios puntos do litoral, estaba alterando este espazo, de importante interese xeolóxico, espertando as advertencias de científicos e colectivos ecoloxistas. Hai un par de anos, o goberno local decidiu colocar sinais para disuadir deste hábito de amorear pedras coa colocación de carteis no lugar, no que se advirte de sancións de ata 6000 euros, tal e como contempla a Lei de Patrimonio Natural e Biodiversidade. Con esta medida, trátase de evitar que “os visitantes non deixen a súa pegada nos espazos naturais” xa que “todos temos dereito a coñecelo tal e como é”, tal como sosteñen dende o consistorio.

Camiño dos Faros. De Camelle a Cabo Vilán

Hai que continuar camiño, non queda outra e, superada a terrible Punta do Boi, xa comezamos a divisar o perfil do maxestuoso faro de cabo Vilán. Camiñamos agora por pista cómoda, que nos permite ir vendo tranquilamente a nova paisaxe, e sempre co faro presente no que queda de percorrido. Hoxe estou de sorte, pois vou en animada conversa con Suso, que estrañamente quedou atrás do grupo, e vai igual de abraiado ca min. E mira que non percorremos este tramo de costa! A contorna é impresionante.

Camiño dos Faros. De Camelle a Cabo Vilán

Despois virán as praias de Reira e Balea. A primeira atopámola hoxe cuberta de croios (téñoa visto de area fina), e o son que provocan as ondas movéndoos é outra das sensacións que me levo hoxe. Lembroume ao son escoitado cando crucei a praia de area negra de Teixidelo. Igual de espectacular!

Camiño dos Faros. De Camelle a Cabo Vilán

Superado o alto da Pedrosa detémonos un anaco para contemplar unha vez máis o cabo co seu faro, xa moi próximo. Fronte a el, o illote de Vilán de Fóra, un pequeno paraíso de aves mariñas pois acolle, entre outras, as únicas colonias españolas do arao dos cons e da gaivota tridáctila, que tinguen co guano o enorme penedo cunha cor  branca, ou grisácea, abundante nos lugares de nidificación destas aves.

Camiño dos Faros. De Camelle a Cabo Vilán

O camiño ata o faro segue a ser un paseo, malia que xa levamos uns cantos quilómetros nas pernas. Só queda baixar ata o aparcadoiro onde nos agarda o bus e acometer un pequeno repeito que nos deixa no faro.  Non sei dende cando está implantada a medida de prohibir o acceso dos vehículos ata as mesmas portas do faro, pero paréceme unha medida moi acertada, aínda que é unha mágoa que o faro estea pechado e non o poidamos percorrer como outras veces. Facémonos un feixe de fotos no exterior, cara ao mar aberto, mentres vemos como os raios do sol se filtran entre as nubes que foron aparecendo ao longo do día. Unha imaxe ben fermosa.

Camiño dos Faros. De Camelle a Cabo Vilán

Como non podía ser doutro xeito, logo dos estiramentos facemos parada en Camariñas para tomarlle a cervexa de rigor, que hoxe soubo especialmente a gloria, e compartida ademáis con xente nova que nos está a acompañar nestas rutas. Nótase que o Camiño dos Faros ten tirón!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio