Ruta do Río Loña. Pereiro de Aguiar

28-01-2022
Ruta do Río Loña. Pereiro de Aguiar
As marxes do Loña están cubertas dunha ampla variedade de floresta autóctona

Galicia enteira está chea de pequenos (ou non tan pequenos) lugares que non deixan de sorprendernos, sitios fermosos con moito encanto. A ruta de hoxe lévanos por un deles. O percorrido que transcorre polo río Loña no concello do Pereiro de Aguiar é un auténtico tesouro. É unha ruta moi fermosa, levadía, incluso fácil, sempre que non haxa moita lama, onde o patrimonio natural e cultural son os protagonistas: bosques de ribeira, muíños, paisaxe…

A ruta é circular, comezando e rematando no encoro de Cachamuíña.

  • Lonxitude: 15 km
  • Desnivel: baixo-medio
  • Dificultade: baixa-media

Comezamos a camiñar…

Hoxe percorreremos a proposta que fai o concello por este pequeno pero importante río para esta comarca, importancia que se ve reflectida no gran número de muíños que atoparemos ao longo da ruta. O río Loña nace ao pé do monte A Moura no veciño concello de Nogueira de Ramuín e é o verdadeiro nervio axial do concello do Pereiro de Aguiar, amansando as súas augas nos dous encoros que abastecen de auga á capital ourensá, o de Cachamuíña e o de Castadón máis abaixo, antes de desembocar no Miño pola súa marxe esquerda.

Ruta do Río Loña. Pereiro de Aguiar
Pequeno tramo por pista que nos conduce ata a beira do río

É no aparcadoiro acondicionado á beira do de Cachamuíña, dende onde comezamos a nosa andaina, logo de cruzar a estrada, ao pé dun panel ilustrándonos sobre un sendeiro que nos relata a convivencia harmónica que durante séculos gozou o ser humano co medio natural que o rodea, aproveitando o discorrer das augas do río como enerxía sustentable para o desenvolvemento económico e social.

Ruta do Río Loña. Pereiro de Aguiar
Dende o primeiro momento, a beleza do entorno está garantida

Como sendeiro de percorrido circular, permite escoller os dous sentidos da marcha. Nós optamos por tomalo no sentido contrario ás agullas do reloxo, é dicir, comezar percorréndoo río arriba, e achegándonos ata a área recreativa de Loñoá, un pequeno tramo de ida e volta, para logo iniciar no regreso a pequena subida polo monte da Chaira, aínda que, vista a beleza do entorno ribeirego, eu non desbotaría a opción de ida e volta ao longo do río, pois é verdadeiramente fermoso.

Ruta do Río Loña. Pereiro de Aguiar
Muíño do Sr. Xosé

Logo de andar un pequeno tramo por pista, baixamos ata a beira do río, cruzamos unha pequena ponte e iniciamos o camiño río arriba pola súa marxe esquerda. En poucos quilómetros chegamos ao primeiro grupo de tres muíños, relativamente próximos entre eles. Aínda que están en estado ruinoso, paga a pena ler os paneis descriptivos de cada un deles e deterse un pouco a admiralos. O primeiro é o Muíño do Sr. Xosé, e practicamente con moi pouca distancia entre eles acadamos o Muíño do Zapateiro e, un pouco máis lonxano o Muíño do Cambeiro. A pesar de ver que tristemente só quedan ruínas, o número de rodicios dannos unha idea da importancia desta actividade.

Ruta do Río Loña. Pereiro de Aguiar
Fermosa pontella sobre o río

Tamén atopámonos ao longo do percorrido con outros elementos que están asociados a estas construcións, as distintas presas e levadas que servían para conducir a auga ata os muíños e tamén varios pasales utilizados para cruzar dunha beira a outra do río, camiño do muíño ou das terras de labor próximas. Como o que nos atopamos ao chegar ao Muíño do Orentino, moito máis distanciado dos anteriores e xa no tramo de ida e volta ata a área de lecer, que conta nas proximidades cun fermoso pasal en forma de S, e confeccionado con grandes bloques de pedra, o que lle concede a este muíño unhas características especiais dentro do percorrido. Asentados en dous ciclópeos pilares que conectan ambas ribeiras, o pasal bifúrcase ao pé mesmo do muíño para salvar a saída da auga polo inferno. Quédanos un último muíño por admirar, o Muíño da Faba, medio tapado pola vexetación.

Ruta do Río Loña. Pereiro de Aguiar
Camiñar por estas beiras é un pracer para os sentidos

Pero, ademais deste patrimonio popular herdado como son os muíños de auga, o espectáculo témolo tamén no propio río. Seguimos o noso percorrido río arriba por un agradable sendeiro que por momentos nos introduce nunhas partes do río ben fermosas. As marxes do Loña están cubertas dunha ampla variedade de floresta autóctona: rebolos, salgueiros e vidueiros fundamentalmente. Grupos de parrulos que aproveitan as represas para nadar tranquilos nestas augas.

Ruta do Río Loña. Pereiro de Aguiar
A tranquilidade das augas é patente na maior parte do percorrido…

É un espectáculo ir camiñando nesta época do ano (por suposto, é boa calquera estación para percorrelo), árbores espidas, camiños alfombrados coas súas follas… Momentos de quietude nas augas axudan a que o río reflicta na súa superficie unhas imaxes case perfectas das formas das árbores espidas; noutros tramos, coa compaña do son da auga, pequenas fervenzas formadas sobre un terreo con certo desnivel que debemos salvar sen maiores dificultades.

Ruta do Río Loña. Pereiro de Aguiar
… e permite que o río reflicta unhas imaxes case perfectas das formas das árbores espidas

E chegamos á área recreativa de Loñoá, acondicionada con mesas e bancos de granito, onde decidimos parar a xantar e gozar un bo anaco da agradable conversa que levamos sempre. Sentámonos na pedra fría á beira do río, no que hai disposta unha represa, que permite que vaia a xente refrescarse polo verán cando a pechan para que se encha.

Ruta do Río Loña. Pereiro de Aguiar
Abandonado o río, iniciamos un pequeno ascenso polos montes da Chaira

Pero o percorrido desta ruta non vai ser integramente pola senda do río. Unha vez feito o tramo de regreso polo río e volver pasar polos dous últimos muíños visitados, chegamos a un punto en que continúa o percorrido circular e iniciamos un pequeno ascenso polos montes da Chaira, que é onde acadamos o punto máis alto da ruta. Algunha que outra mimosa en flor ao inicio, dá paso a formacións de rochedos e plantacións de piñeiros fundamentalmente, aínda que tamén hai zonas de arboredo autóctono, sobre todo de carballo e cerquiño.

Ruta do Río Loña. Pereiro de Aguiar
É de a vital importancia este tipo de augas temporais como as que se acumulan na concavidade desta pedra, sobre todo para os anfibios

O camiño déixanos nun miradoiro natural dende onde podemos apreciar a paisaxe da contorna, que ata agora o río non nos permitía ver. Grandes vistas entre as que podemos intuir (non me atrevo a afirmar ver), o mosteiro de San Pedro de Rocas. Tamén observamos a contorna natural da Chaira, e Víctor repara na pequena charca formada nunha pedra cóncava case sen auga que temos aos nosos pés. Xa nos ten explicado noutras andainas a vital importancia que teñen este tipo de augas temporais como as que se acumulan nesta pedra (hoxe con moi escasa cantidade), sobre todo para os anfibios (nos que se constata o descenso de poboación que están sufrindo), que as necesitan para a súa reprodución. Tampouco axuda nada a conservar este hábitat esta manía que ten algunxa xente de tirar pedras sobre estas augas estancadas, como as que vemos na poza. Por favor, absterse de facelo.

Ruta do Río Loña. Pereiro de Aguiar
Plantacións de piñeiros están presentes en gran parte do percorrido final

Ah! Absterse os que andedes buscando bancos onde inmortarizarvos, afortunadamente aquí non os ides atopar. Como dí a miña amiga Rocío, coa que coincido, á Natureza non lle fai falta este tipo de elementos para admirala. O entorno é o suficientemente fermoso sen banco. Non precisa de nada máis.

Ruta do Río Loña. Pereiro de Aguiar
O Encoro de Cachamuíña focaliza a atención dende o Miradoiro da Chaira

Continuamos camiño, practicamente todo por pistas, ata que chegamos a outro pequeno desvío que nos conduce ao punto máis alto da ruta, o Miradoiro do monte da Chaira (449 m), ao que paga a pena achegarse. Situado xunto a unha antiga caseta do ICONA, dende el temos unha vista completa de todo o entorno do Encoro de Cachamuíña, polo que discorre unha sinxela e fermosa ruta ao longo das súas beiras, e que se pode aproveitar para enlazar coa que estamos percorrendo hoxe. Un acertado panel panorámico ilústranos do que podemos ver dende as pedras deste outeiro, pois tamén podemos apreciar, ademáis de núcleos de poboación próximos, terras do concello de Amoeiro, e aínda máis lonxe, ata os Montes do Testeiro, incluso a vista maís distante dende aquí chega ata a Serra do Faro e a Serra Martiñá, que percorréramos hai uns anos cunha inesquecible nevarada.

Ruta do Río Loña. Pereiro de Aguiar

Dende o miradoiro, todo é descenso ata o aparcadoiro, onde nos agarda o bus. Sen dúbida, unha ruta fermosa e agradable, que atopamos ben limpa e sinalizada, e practicamente sen desnivel, polo que é apta para todo tipo de persoas ou para ir con nenos, podéndose acortar e facer diferentes distancias.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio