Praia de Teixidelo
Ao longo da ruta tamén podemos observar a fervenza ou a falla de Teixidelo, unha estrutura xeológica de pedras ultrabásicas de preto de 300 millóns de anos, formadas por peridotitas, piroxenitas, granulitas e anfibolitas, que discorre por un fermoso val de orixe glaciar. Un lugar maxestuoso na Serra da Capelada.
Comezamos a camiñar…
Despois de varios intentos de quedada, por fin citámonos para esta mañá, aproveitando que a baixamar sería sobre as dez e media e daríanos tempo de chegar dende Santiago ata o areal (ou pedragal), e poder camiñar por el. Este da marea é un elemento fundamental a ter en conta se se quere andar polo areal, e outro, e fundamental, é axudarnos dun track, porque o tempo cambiante que hai na zona pode xogarnos unha mala pasada aló abaixo.
A ruta decidimos comezala en Santo Andrés de Teixido. Logo de visitar o santuario e tomar un café no único bar aberto que había a estas horas, iniciamos a andaina dende o aparcadoiro que hai para turismos antes de entrar na aldea; subimos por unha congostra que nos leva directamente ata o cruceiro de Teixidelo.
Os tres quilómetros de ascenso facémolos no medio da néboa, o que lle dá un ambiente misterioso por un camiño pedregoso e esvaradío pero moi fermoso, e levamos certa preocupación por se a néboa nos vai impedir a baixada ata a praia, polo que decidimos acordalo unha vez que cheguemos ao cruceiro de Teixidelo.
No entorno do cruceiro hai colocada unha placa lembrando a Leslie Howard, o actor inglés que saltou á fama pola participación en Foise co vento, e ao derribo do voo 777, un Douglas DC-3 co nome de Ibis, en xuño de 1943, á altura de Cabo Ortegal por dous Junkers alemáns. Tamén neste entorno está o milladoiro de Ortigueira, o amilladoiro de Teixedelo, mantido polos veciños desta vila que xeración tras xeración veñen a pé en peregrinación a Santo Andrés.
No cruceiro agárdanos Manuel, disposto a guiarnos por este sendeiro costeiro que, como bó ortegano, tan ben coñece. A pesar da néboa decidimos baixar, pois cremos que a medida que vaiamos perdendo altura esta se irá disipando o que nos permitirá ter unha boa visión do entorno; ademáis anímanos o pronóstico do tempo, que indica que pola tarde sairá o sol.
Mentres me recoloco a mochila, sinto ese coñecido placer ante un día de andaina distinto. Agora toca baixar. Un sendeiro condúcenos en suave pendente, primeiro entre pradeiras e logo polo denso bosque de ribeira que forma o río Teixidelo, ata que se vai convertendo pouco a pouco nun carreiro entre enormes toxos dende onde comezamos a adiviñar a enseada de Teixidelo. Instintivamente, detémonos para contemplar a espectacular vista dende o alto.
Ao fondo, o mar, estrañamente lonxano, e ás nosas costas, sobre nós, cantís verticais cubertos dun manto verde salpicado polo amarelo das chorimas, que a néboa comeza a deixar mostrar. Dispoñemos dunhas poucas horas para chegar ao noso destino, antes de que a auga volva a cubrir a praia e nos impida camiñar por ela. Dende o alto adivíñase unha praia salvaxe e recóndita, un lugar no que alonxarse do mundo. Cando esteamos abaixo será o momento de reparar no tesouro xeolóxico polo que andaremos. Que fermoso é todo isto!, pensei mentres continuabamos o descenso polo sendeiro.
A fauna da zona, cabalos e cabras fundamentalmente, mantén semiabertos estes camiños que permiten baixar ata a praia. Antes de descender a ela, subimos un pequeno repeito guiados por Manuel e Víctor, que nos permite ver a illa Gabeira e a fermosa fervenza de Teixidelo, unha fervenza que ten a caída directamente ao mar e que, segundo o mapa topográfico, calculámoslle uns 40 ou 50 m de altura. Hoxe baixa espectacular por mor das últimas chuvias.
Logo puxémonos a camiñar pola praia cara ao norte, en dirección a cabo Ortegal, e a medida que o faciamos, íamonos mergullando na paisaxe e tratando de imaxinar como se formou. Pensando nisto, o tempo engúleche. Hai ? millóns de anos esta costa era terra firme, quedando a liña do mar a uns doce quilómetros, polo que chegamos á formación desta costa que estamos a ver e percorrer despois nun proceso de lentitude enorme que durou millóns de anos. E aquí estamos nós, no medio dunha paisaxe que induce, inevitablemente, a reflexionar sobre o tempo.
Para percorer e apreciar na súa medida esta praia de Teixidelo (resístome a chamala Pedras Negras), son consciente de que precisamos algo que non temos: a mirada dun xeólogo. Se nesta ou en calquera das andainas pola montaña foramos da man dun xeólogo ante esta area negra ou diante dunha superposición de estratos ou dun afloramento rochoso, eu estaría caseque cego: el, pola contra, vería centos de cousas e cada unha delas contaría unha historia: un leito lacustre, unha glaciación… estas son rochas ultramáficas.
A medida que avanzamos, o percorrido tamén nos amosa a bravura deste mar batendo na costa nos restos do cargueiro Don Segundo Sombra, que quedou ao garete polo forte temporal, o oleaxe arrastrouno ata o litoral e acabou encallando en xaneiro de 1980.
Mentres abandonamos a praia e subimos por unha empinada aba para acadar rapidamente altura e iniciar o regreso, volvinme para contemplar a praia e toda a costa cara ao norte. Marchei destes fermosos cantís sentindo que era un lugar no que a presenza humana estaba de máis… pero sen dúbida que paga a pena visitalo.
Louvanzas polas fotos e, aínda tanto ou máis, para o texto.
El negro de las rocas, el azul grisáceo del mar, el blanco de las nubes y de las olas, forman un paisaje único. Gracias por estar ahí en ese instante, para mostrarnos toda esa belleza.