Lagoa de Las Verdes. Babia
Esta ponte do 17 ao 20 de maio imos facer unha actividade especial de primavera. Catro días por Babia, na Cordilleira Cantábrica leonesa.
Babia atópase no norte da provincia de León, facendo límite con Asturias e a comarca de Somiedo. Abrangue os concellos de Cabrillanes e San Emiliano e ofrece unhas das paisaxes máis marabillosas da cordilleira Cantábrica. A simbiose entre os seus cómodos e amables vales e as súas montañas, moitas delas superando os 2000 m, fai que sexa unha zona perfecta para a práctica das actividades de sendeirismo e montaña e, sen dúbida ningunha, a primavera é das mellores épocas do ano para visitala.
Faremos rutas por paisaxes variadas e diferentes puntos, e todas cun alto interese natural e paisaxístico. A primeira prevista é
De Torre de Babia á Lagoa de Las Verdes
Esta é unha das rutas máis coñecidas de Babia debido á beleza da súa paisaxe e á relativa facilidade do percorrido. A lagoa é de orixe glaciar e está situada nun dos numerosos circos glaciares que houbo en Babia na última glaciación. Comeza a ruta en Torre de Babia e vai polo val do río Torre, primeiro entre zonas de prados e logo por pasteiros ata chegar a Majada Las Verdes. Aquí o camiño incrementa a pendente, pero pronto se acada a lagoa ao pé do Montihuero, un dos colosos que forman o circo glaciar.
Logo seguimos cara a Majada Chabuezo e Pena Tremeu, onde comezamos o descenso por unha cómoda pista que nos leva novamente a Torre de Babia. A ruta goza dun altísimo interese natural, paisaxístico e xeolóxico. Gran parte da ruta é por camiño ancho e cómodo, e outros tramos vai por sendeiros feitos polo gando.
- Lonxitude: 13 km
- Dificultade: media
- Desnivel: medio
Comezamos a camiñar…
Logo da viaxe, nada máis chegar a Torre de Babia, poñémonos mans á obra e preparámonos para a primeira ruta. O día é perfecto para camiñar, soleado pero sen unha calor abafante.
O bus déixanos ao pé dun cartel que nos indica o percorrido e algún detalle da paraxe. Reparo que, tras un balado, hai un poldro que coxea e que non se despega da súa nai e, ao fixarme máis detidamente aprecio que lle falta case todo o muslo traseiro, mentres alguén comenta que foi o oso o que o deixou así.
O percorrido sinalizado comeza no propio pobo, tomamos a rúa de cemento para sair del e, máis adiante, deixamos á nosa esquerda a Torre medieval defensiva, que case non se ve pola cantidade de vexetación que a cubre.
Mentres falo do aloxamento con Ramón, ao chegar á ponte que nos permite cruzar o río Torre, o Víctor reúnenos para comentarnos, coma sempre, o desenvolvemento da actividade. Temos por diante unha pista, de 4 quilómetros, que nos achegará sen moitos problemas case ata ao final do obxectivo do día. Imos pola beira esquerda do val e deseguido comezamos a gozar das inmensas vistas que nos ofrece o val de Vega Tijera que está presidido pola fermosa montaña que hai ao fondo, chamada A Cervata (2087 m), coa que se pode dar unha lección de xeoloxía, cos seus impresionantes plegamentos ainda cubertos en parte pola neve e que nos fala do pasado glaciar desta zona.
Pronto comezamos a divisar os picos da zona. Vemos Pena Chaña de Babia (2106 m) e en especial unha das montañas máis belas, o Montigüero ou Montihuero cos seus 2180 m. A paisaxe é moi fermosa. O río Torre baixa alborotado, nutríndose do desxeo, e algunha que outra fervenza rompe o cómodo transitar do mesmo.
O camiño non é moi costaneiro, aínda así temos que superar un desnivel de case 500 m en 5,5 quilómetros e hai que ir facéndoo aos poucos. A calor nestas horas centrais do día comeza a notarse o que tamén impide ir máis rápido, e tomámolo con tranquilidade. Este ascenso progresivo, xa con algún neveiro ao borde do camiño, permítenos chegar á Majada de Las Verdes, un lugar con dúas cabanas onde se recolle o gando en épocas estivais, e onde aproveitamos para facer o descanso e repoñer forzas.
Trala Majada de Las Verdes temos que acometer o tramo de ascenso máis duro da ruta pero, unha vez gañado o alto, o espectáculo paga a pena. Chegamos á fermosa zona dos meandros, un anticipo do que nos agardaba, e co desxeo facendo a súa pequena obra de arte: o runrun da auga, plantas e flores agromando, herba encharcada, pedra, todo moi harmónico. Estamos ao pé das paredes do Montihuero e da espadana que posúe.
A esta altitude comezamos a atopármonos cos primeiros neveiros que deberemos cruzar e, despois dos primeros pasos titubeantes, xa os acometemos sen dificultade, anque houbo algunha que outra caída.
E chegamos á fermosa Lagoa de Las Verdes, chamada así porque durante o verán medran nela unhas plantas verdes que afloran á superficie dándolle o aspecto dun manto verdoso. Pero nós atopámola ainda coa neve branca como cor principal. Impresionante a paraxe, e toda para nós, o que aproveitamos para facernos unha foto de grupo. Xa non quedan palabras para describir tanta fermosura!
A paisaxe sobrecolle e, se hai algo que destaca, ademais da lagoa en si, é a espectacular agulla que se ergue sobre ela, a agulla das Coloradas e, como non, a mole do Montihuero, unha inmensa masa caliza que resgarda e agocha un pouco a lagoa.
Despois de estar un bo rato saboreando esta paraxe con algunhas nubes sobre as montañas e reflectíndose na lagoa, iniciamos o regreso con moi bo sabor de boca e unhas cantas fotos na tarxeta. O camiño de volta, cruzando aínda algún que outro neveiro, fixémolo pola Majada Chabuezo. A pesares de que hai que levar coidado por onde pisamos nestes primeiros pasos, as miradas cara atrás foron constantes. Dende Pena Tremeu, continuamos o descenso por unha cómoda pista que nos levou novamente a Torre de Babia.
Encantoume esta primeira toma de contracto con esta terra e, mentres o bus nos baixa a Villablino, repaso as fotos feitas e comentamos a andaina; non estivo mal para o primeiro día, nada mal…
Boa tarde,
Levo tempo seguindo no ‘papel’ estes vosos roteiros.
Agradézovos informedes dos requisitos que fan falla para participar en eles.
Segue sendo de obriga pertencer a USC?
Ola Belén
Grazas por escribir. Eu son un mero participante das actividades de sendeirismo da USC, ás que acudo regularmente e, ademáis de poñer as rutas que fago coa USC, poño algunha que fago pola miña conta ou con amigos.
Facemos rutas por toda Galicia. Nunca foi obriga pertencer á USC, o único é que as persoas alleas teñen unhas tarifas distintas aos membros da comunidade universitaria.
Se te queres informar e participar nelas (ao que te animo), mándoche uns enlaces para que poidas estar ao tanto.Todas son fermosas, pero recoméndoche especialmente as de varios días: https://goo.gl/ArohnA, por exemplo, a finais de xullo iremos camiñar polo País Vasco, tanto pola costa como pola montaña, e coido que aínda queda unha praza.
Para saber como inscribirte, adxúntoche o enlace ao Servizo de Deportes da USC, onde te poderán informar de calquera cuestión relativa a esta actividade: (https://goo.gl/enF0yl.
Por outra banda, se tés Facebook, hai unha páxina da Fundación USC Deportiva (https://goo.gl/V8FOHb), que te informa previamente das rutas máis inmediatas que se van facer (fotografías, track… ).
Agardo terche aclarado e axudado no tema, e agardo que te animes e veñas con nós a coñecer Galicia!
Unha aperta