Polos arredores de Pena Ubiña

18-05-2018
Polos arredores de Pena Ubiña

Pena Ubiña é, con 2417 m de altura, unha das montañas máis altas da cordilleira Cantábrica. As súas dimensións son enormes, un auténtico xigante calcáreo. É unha montaña que fai límite entre a provincia de León e o Principado de Asturias, situada entre o val de San Emiliano, en Babia, e a asturianas de Teverga, Quirós e a de Lena, e aos seus pés sitúanse pobos como Torrebarrio, o propio San Emiliano ou Tuiza de Arriba (Asturias).

O noso percorrido comeza en Torrebarrio en constante subida ata o collado Ronzón, situado entre Pena Ubiña e Ubiña pequena. Unha vez aquí, achegámonos ata o collado de Terreros, para poder ver a vertente asturiana da montaña, e facemos un pequeno circuíto entre as Ubiñas e o Terreros, un cumio máis modesto.

O descenso facémolo regresando ao collado Ronzón, e dende aquí baixamos cara a Villargusán, outro lugariño típico de Babia. A ruta é quizais a máis esixente de todas as que fagamos nestes catro días, polo desnivel de subida e de baixada, aínda así gran parte do camiño é moi cómodo e a lonxitude da ruta non é excesiva.

    • Lonxitude: 12 km
    • Dificultade: media
    • Desnivel: medio‐alto

Comezamos a camiñar…

Ao chegar a Torrebarrio  (1260 m) o bus deixounos mesmo diante dun cartel que nos ilustra sobre os primeiros pasos da ruta e unhas indicacións claras desde o inicio. Temos que cruzar o río pola ponte que hai e deixar a ermida á nosa dereita, pero nós non lle facemos caso e subimos ata a ermida, chantada nun outeiro, dende onde o Víctor nos explica o desenvolvemento da andaina sinalándonos por onde se vai desenvolver a ruta. Tamén nos sinala as moles que temos diante: Pena Ubiña, os Fontanes

Polos arredores de Pena Ubiña

Deixamos a ermida e comezamos a subir por unha pista pola que camiñamos durante uns dous quilómetros, que abandonamos ao chegar a un poste indicativo da ruta. Neste percorrido, mentres ascendemos, as vistas cada vez son mellores, con Torrebarrio, alá abaixo, rodeado de montañas. Facemos un pequeno descanso para reagruparnos e aproveitarnos das impresionantes vistas que hai do val e das montañas veciñas.

Ao gañarmos altura, xa non só vemos Torrebarrio, tamén aparece o pobo de Genestosa e a Serra da Maserona, presidida polo gran Morronegro (2151 m), que distinguimos polo seu cume plano, aínda con moita neve. Máis que preocuparnos do desnivel e do que nos queda por subir, botamos continuamente a vista cara atrás, pois a imaxe tan cambiante e magnífica non pode ser mellor. Un regalo!

Polos arredores de Pena Ubiña

Desde aí, xa continuamos por un carreiro con fitos. Hai moitos fitos e diversas sendas máis ou menos paralelas, pero temos como referencia dúas penas que hai a metade de ladeira, e tras elas o collado que hai entre as dúas Ubiñas, o noso destino, o Collado Ronzón. A erosión mecánica e o karst fanse patentes nos canchais, espolóns ou picachos. Algún que outro neveiro fainos volver un pouco sobre os nosos pasos e baixar un pouco de cota, pero o ascenso é moi seguro e levadeiro. Nunha destas paradas marabillámonos ao ver como media ducia de rebecos cruza un neveiro que descende pola Pena Ubiña. Unha fermosura!

Polos arredores de Pena Ubiña

Van case 4 km e gañamos 700 metros de altitude. O Collado Ronzón (1937 m) está situado entre Pena Ubiña (2417 m) e Pena Ubiña Pequena (2197 m). É un punto para gozar a pracer da vista que temos diante. O panorama que se ve desde aquí é un espectáculo, a beleza das vistas quítanche a fala, en especial cara á Veiga de Riotuerto coa Tesa, a Mesa e a Almagrera ao fondo dos prados salpicados por neveiros e flotando sobre as nubes. Á nosa esquerda, e mais próximo a nós, elévase a Pena de Cerreos (2111 m).

Polos arredores de Pena Ubiña

A verdade é que non sei o que vían os reis de León durante a súa estadía estival nestas terras de Babia, nin se chegaban a estas alturas, pero non nos estraña esa frase de «estar en Babia», nos biosbardos diríamos nós, nin parte do seu significado actual: os seus súbditos xustificaban así a ausencia dos seus monarcas nunha contorna que lles servía para illarse dos seus problemas e preocupacións e producía sobre eles un efecto relaxante. Un punto a favor da nosa crenza sobre a influencia da paisaxe no ánimo.

Aquí é cando te decatas de que o esforzo da subida pagou a pena: non paramos de retratarnos, e eu non paro de facer fotos, cara á Ubiña grande, cara á pequena cara á veiga de Riotuerto co mar de nubes ao fondo… decidimos camiñar un pouco máis co fin de achegármonos ata o collado de Terreros, para poder ver a vertente asturiana da Pena Ubiña. No traxecto, cruzámonos con dous camiñantes que veñen desta parte asturiana coa intención de acometer a subida a Pena Ubiña. Semella que van un pouco tarde para facelo e que non van demasiado preparados para afrontar posibles problemas… non sei como lles iría.

Polos arredores de Pena Ubiña

No pequeno descenso, disfrutamos das bonitas estampas que nos ofrecen os cabalos pastando, alleos ao noso paso. Ainda deberemos cruzar algún que outro neveiro e prados encharcados polo efecto do desxeo para chegar ao alto de Terreros (1886 m). Bótasenos enriba a névoa e parece que non imos ter sorte coas vistas, pero pronto se disipa.

A imaxe que temos dende o alto non deixa de ser impresionante e non desmerece das que levamos visto desque subimos ao collado Ronzón; aquí, sorprendidos por un mar de nubes que non nos deixa admirar todo o val cara a Asturias, pero permítenos ver con claridade os cumios máis salientables do sistema: Pena Rueda (2154 m), Fariñentu (2168 m), Pena Chaña (2041 m), Siegalavá (2217 m) e Tapinón (2115 m), e aproveitamos este inmenso marco para facernos unha foto de grupo.

Polos arredores de Pena Ubiña

Antes de iniciar o regreso, vemos como dende Pena Ubiña descende un montañeiro pola canal e, en nada, xa está falando con nós. Este si ven preparado, con piolet e crampóns dos que tivo que botar man!

Decidimos regresar, máis ou memnos  sobre os nosos pasos, ata o val e desde alí subir ata o collado Ronzón para descender de contado cara a Villargusán. O descenso é doado, e xa a media ladeira, logo de amortizar bastante cota, decidimos facer unha parada para descansar e tomar un pequeno refrixerio, pois no Ronzón comezaba a soprar o vento e a formarse unhas nubes que non tiñan moi boa pinta, polo que era preferible estar o máis abaixo posible. As vistas seguen a ser inmellorables. Afortunadamente non nos choveu, pero si viamos como o facía en zonas próximas, no val de San Emiliano.

Polos arredores de Pena Ubiña

Xa por pista de terra, só nos queda chegar ata a aldea de Villargusán, medio protexida polas Penas de la Vega. Un pouco máis adiante nos agardaba o bus, que nos desplazou ata San Emiliano, onde saboreamos unha boa cervexa que soubo a gloria! Tamén aproveitamos para facer as nosas primeiras compras de produtos da terra. Eu tirei polo queixo de cabra.

Que gañas tiña de andar por esta zona tan mítica e fermosa para os montañeiros! Unha ruta moi exixente, pero cun alto interese natural e paisaxístico.

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio