Polos arredores de Pena Chana
Esta é a ruta máis longa de todas as que fixemos nesta estadía por Babia. Comeza no porto de Somiedo, a case 1500 m e vai por camiños moi cómodos e de gran beleza ata a base de Pena Chana, unha das montañas máis importantes da zona, limítrofe con Asturias e o parque natural de Somiedo.
Logo sigue ata a localidade de La Cueta, unha das poboacións máis coñecidas de Babia onde poderemos observar a súa igrexa e a arquitectura típica da zona. Dende aquí, só nos queda regresar ao punto de comezo, xa que a ruta é circular.
O percorrido ten un alto interese paisaxístico e natural.
- Lonxitude: 17 km
- Dificultade: media
- Desnivel: medio
Comezamos a camiñar…
Santa María del Puerto atópase no Porto de Somiedo, braña vaqueira situada a dous quilómetros do límite con León. Poucos sitios coñezo tan fermosos para comezar unha ruta como este do Puertu. Dende aquí tamén parte unha ruta cara o Cornón, a PRAS-10 “Ruta al Cornón”, que nós culmináramos no outono de 2016 partindo dende Lumajo, na veciña Laciana, pero hoxe camiñaremos en sentido contrario, cara ao leste, e andaremos polas abas babianas da pena Chana.
Logo de deixarnos o bus no centro da aldea, iniciamos a ruta por un camiño que sae de entre a primeira casa á esquerda da estrada dirección a León, alí hai un panel informativo da ruta para ir ao Val do Lago e da cal faremos parte do traxecto.
Polo val e seguindo os carreiros vaise remontando aos poucos, son amplas pradeiras e con gando; neste caso vacas que pastan polo medio das escobas das que sairon un par mastíns que, unha vez nos advertiron da súa presenza, achegáronse ata nós con moitas gañas de aloumiños. E non deberon quedar satisfeitos pois seguíronnos a certa distancia durante un bo treito do percorrido.
Deixamos o Rañadoiro medio por pista medio entre xestas e cruzando algún que outro neveiro, pois xa estamos a certa altitude. É unha subida tendida, que se fai a ritmo de forma cómoda, como todo o que levamos andado ata agora. No collado del Muñón hai pequenas lagoas que dan un toque diferente ao lugar, coñécese como a zona dos Lagüezos ou Chagüezos. Estamos en primavera e non sorprende moito que haxa auga por todas partes, polo que nalgún tramo fíxosenos un pouco máis complicado pasar pola veiga, pisando nos terróns de herba enchoupados pero sen problemas de afundirnos.
O collado del Muñón fai límite de Somiedo con Babia, e desde aquí tamén podemos contemplar a beleza das terras babianas. Imos deixando á nosa esquerda Pena Chana que impresiona pola mole de montaña que é. Como o seu nome indica, está formada por unha zona máis ou menos chá en forma semicircular, o que a dota de dous cumes, aínda que o que se leva o nome é o que está máis ao leste. O camiño é doado pois camiñamos polo pé da montaña, na que imos apreciando faixas de pedras que caen polas súas abas, moitas ainda tapadas pola neve. Observamos unha vez máis a acción erosiva do vento, a neve e o xeo e a actividade modeladora dos glaciares, que deixaron vertixinosos e curtos vales.
Descendemos polas pradeiras de Cebolléu e do val que baixa cara a La Cueta, que cos seus 1470 metros de altitude é a localidade de maior cota da provincia de León. Por detrás temos todos os cumes da zona do Montihuero, pola que andivemos hai dous días. Superada unha cabana, continuamos baixando xa por cómoda pista que discurre polo val das Borras, que nos deixa nesta pequena aldea, onde aproveitamos para repoñer forzas. A maioría faino na terraza do pequeno bar Picos Blancos, pero outros preferimos subir ata o adro da igrexa e sentarnos practicamente co pobo aos nosos pés. Vemos bastantes casas en ruinas pero tamén outras ben conservadas e restauradas, e o río Sil, aínda pequeno e ruidoso, pasando pola pequena veiga na que está asentada La Cueta.
Iniciamos o regreso xa por pista, en contínuo ascenso, que nos leva directamente ata o cruce de camiños polo que andivemos pola mañá. As vistas dende o val sobre toda a Pena Chana son moi fermosas e ainda dende lonxe semella impresionantemente grande.
Dende o cruce, a pista xa non ten perda e lévanos de regreso ata o Puerto. Tras superar o Alto de Busmartín xa vemos Santa María del Puerto, coas cimas do Cornón, agora tapado polas nubes, e Pena Penouta, dándonos unha fermosa imaxe, inmellorable colofón dunha xornada montañeira.
Xa no Puerto, logo de facer os estiramentos pertinentes diante do Hotel–Rte. El Coronel, e despois de tomarlle a cervexa de rigor asaltamos literalmente ao panadeiro que acaba de chegar coa fornada. Traía pan de escanda! O Triticum dicoccoides ou escanda, tamén coñecido como trigo almidoneiro silvestre, é unha especie común do cereal Triticum (trigo). Na antigüidade foi a especie de trigo máis importante para a humanidade, pero actualmente está case extinta, xa que só se preservan cultivos desta especie nalgunhas rexións da India e en Asturias… e nós ímolo probar! Tamén apaño unha trenza de pan de ovo que ten unha pinta estupenda. Xa me estou imaxinando con que o vou acompañar…
Casa do Parque de Babia e Luna
A xornada non rematou coa andaina, pois ainda tivemos tempo para achegarnos ata Riolago e visitar a Casa do Parque de Babia e Luna, dúas comarcas leonesas que conforman un conxunto de paisaxes montañosas de gran beleza e cuns recursos naturais e culturais moi interesantes, como estamos a comprobar estes días.
O centro de interpretación está ubicado no Palacio de Quiñones, do século XVI, e nel albérgase unha exposición moi didáctica sobre a fauna, flora, a paisaxe e a riqueza cultural destas comarcas, o que fai a este territorio merecedor de distintas figuras de protección: Parque natural, reserva da Biosfera de Babia, Reserva da Biosfera dos vales de Omaña e Luna, Zona de Especial Conservación e Zona de Especial Protección para as Aves. Unha gozada de Centro! Parabéns!
A verdade é que as andainas que estamos a percorrer estes días son unha auténtica marabilla e estou gozando moito nesta estadía por esta terra. Mágoa que a de mañá sexa a última, que precisamente partirá desde este lugar de Riolago.
Hola, buenas tardes.
Al intentar bajar el track comprimido de esta ruta, me sale una pantalla que dice:
La conexión no es privada
Es posible que los atacantes estén intentando robar tu información de fundacionuscdeportiva.org (por ejemplo, contraseñas, mensajes o tarjetas de crédito). Más información
NET::ERR_CERT_COMMON_NAME_INVALID
Me podéis decir si es que hay algún fallo por mi parte, he bajado varios tracks vuestros u nunca he tenido ningún problema.
Gracias
Ola José Luis, perdoa pola tardanza na resposta, pois estiven fóra e non consultei os correos ata hoxe.
A min nunca me pasou o que me comentas, pois sempre os baixo da Fundación USC Deportiva sen ningún problema. Voulles preguntar (non sei se me contestarán pis estamos en agosto), e se hai algunha novidade xa cha traslado.
Grazas por escribir.
Apertas,
Fran