Riolago. Lago Chao. Babia
Riolago é outra coñecida localidade de Babia. Alí está situada a Casa do Parque, que visitamos onte.
A ruta de hoxe é liñal e vai ata o lago Chao, unha fermosa lagoa situada nun antigo circo glaciar. Para chegar a el hai que seguir o chamado camiño das Brañas, que en xeral é moi cómodo, ata que cruzamos o río. Aquí a pendente aumenta e o camiño xa é máis estreito ata chegar ao lago. O regreso faise polo mesmo camiño.
Ademais dun moi interesante percorrido xeolóxico, a ruta permite dar un repaso ás antigas formas de aproveitamento do monte, os pastos de altura, as brañas, os chozos, currais… A paisaxe, así como o pobo de Riolago gozan de gran beleza.
- Lonxitude: 13 km
- Dificultade: media
- Desnivel: medio
Comezamos a camiñar…
Partimos de Riolago de Babia, localidade pertencente ao municipio de San Emiliano e que agora acolle a Casa do Parque de Babia e Luna no edificio histórico do Palacio de Quiñones, un dos edificios de arquitectura civil máis relevantes da montaña occidental de León restaurado no 2010 para este fin.
A ruta está sinalizada ata o Lago Chao e iníciase a partir dun cartel explicativo da ruta por unha pista de uso gandeiro denominada, Camiño das Brañas, seguindo o curso do río, o que permite apreciar perfectamente os bosques de ribeira. Ao tratarse dun camiño ancho e cómodo, e cun día espléndido, a subida resulta moi levadeira e, a medida que imos gañando altura, a paisaxe é cada vez máis aberta e fermosa.
Tras aproximadamente 4 km, no Cueto la Piedra, un cartel avísanos que debemos desviarnos á esquerda para cruzar o arroio de Riolago cuxo curso seguimos ata este punto. O camiño que abandonamos é o que hai que seguir para facer cumes. A partir de entón continuamos por unha senda máis estreita, e de inmediato cruzamos unha veiga de pastoreo coñecida como Braña de la Vega (1471 m), na que hai un refuxio. Uns mastíns avísannos de que non estamos sós e achéganse ao grupo con moitas gañas de aloumiños. Imaxino que ao ser unha ruta moi frecuentada, recibirán moitas caricias dos camiñantes.
Nesta braña hai unha reliquia etnográfica que nos chamou moito a atención, unha otsera, que nos fala dun tempo no que a vida transcurría da cabalo entre as brañas e os pobos. As otseras eran pequenos recintos ou cubículos de mampostería que tiñan a finalidade de gardar as otsas, os cántaros co leite recén muxido. Polo seu interior facíase pasar unha corrente derivada dun regato ou dunha fonte, de modo que as frías augas das montañas mantivesen fresco o leite ata que se baixaba aos pobos, pois a estadía nas brañas podía alongarse durante varios días, e no verán era absolutamente necesario dispor dun sistema de refrixeración para conservar o leite en bo estado.
As vistas desde a contorna da Braña cara ao val das Veigas é espectacular. Seguindo a canle do Arroio de las Vegas empezamos a divisar o Pico La Ferrera. De aquí ata o lago é o máis duro do percorrido, pois ainda temos que superar máis de 300 m de desnivel.
Alcanzamos o Lago Chao (1752 m), lagoa de orixe glaciar que permanece protexida ao abrigo do Alto de La Cañada (2154 m) e do Pico Penouta (2102 m). A paisaxe é soberbia. Tralas pertinentes tomas de fotos, deleitámonos coas vistas deste entorno, nun ambiente de alta montaña no que abundan os pastizais e as matogueiras. O nome de Lago Chao ven ser unha redundancia, pois Txao en Patsuezu, significa “lago”, xa que os da zona chamárono toda a vida o Chao, é dicir, o Lago.
E comezamos o descenso. Vemos as montañas de Babia e todo o val percorrido. Estamos na paraxe de Bustagil. Pola paraxe Bustagil caen as augas bravas que baixan do lago para formar o Arroio de la Señal. Detémonos un rato mentres falamos con outros camiñantes do Club de sendeirismo Forum Metropolitano da Coruña que suben ata o lago, e que están a pasar estes días por estas terras como nós. Desexámonos boa andaina e continuamos a nosa ruta.
O descenso é máis cómodo do que agardaba. Un pouco máis abaixo volvemos sobre os nosos pasos e apreciamos mellor que na subida a Peña del Cuérrabo e logo xa divisamos La Braña e a pista pola que se ascende ao Alto de La Cañada e, como non, volvemos deternos na fermosa fervenza de San Bartolo que fai o arroio de La Señal. Paga a pena facerse unha foto diante dela! (hai que ter coidado con non achegarse moito a vela pois hai unha caída grande e perigosa). Suavízase o terreo ao chegar ás edificacións de La Braña onde nos detemos para reagruparnos e facernos unha foto de grupo con Elena que quedou agardando por nós neste punto. Nin rastro dos tres mastíns que nos encontramos á mañá na subida.
O camiño de regreso ofrécenos vistas que na subida quedaron ás nosas costas, destacando, por riba de todas unha, a do Macizo da Ubiña. Unha vez cruzado o arroio de Riolago retomamos de novo o cómodo camiño que utilizamos no noso ascenso matutino e ao pasar pola paraxe do Forno chámanos a atención unhas vacas que parecen ser de raza Branca Cacereña que, polo que nos dixeron, non é moi coñecida por estes lares. O que si está claro é que a gandeiría segue a ser unha actividade moi importante na economía da zona, e xa dende antigo pódese falar da trashumancia que realizaban os pastores cos rebaños dende Castela e Estremadura para pasar o verán nos pastos da comarca.
A chegada a Riolago aínda nos permite dar unha volta polo lugar, pois decidimos xantar alí mesmo, antes de emprender a viaxe de volta, e fixémolo no patio da mesma Casa do Parque, cunha atención exquisita do seu persoal. Moitas grazas! Sempre recomendo consumir produtos da zona pola que andamos e desta vez achegámonos a unha panadería, Alonso, que ofrece, ademais de pan, uns doces exquisitos. Un dos seus produtos máis peculiares son as pastas babianas, e non faltan as pastas de manteiga ou de améndoa, os suspiros e outros doces… un xa non sabe que escoller, pero paga a pena pasar por ela.
Sen dúbida, a estadía por Babia foi espectacular; a min encantoume, catro rutas para non esquecer. Repito e repetirei moitas veces!
PS: Coma sempre que saimos de Galicia procuro documentarme en bitácoras que coñezan os lugares e as rutas polas que imos andar, e cando vimos a León a miña referencia é sempre a mesma, Rutinas Varias, un blog moi coidado que ofrece unhas rutas moi ben descritas e cunhas fotografías marabillosas. Paga a pena botarlle unha ollada!
Espectacular, preciosa ruta!!!!!