Roteiros Galegos 2019
Actividade Especial Fin de Ano. Monte Pedroso
- Lonxitude: 7 km, aproximadamente
- Desnivel: baixo-medio
- Dificultade: baixa
Xuntámonos un ano máis o 31 de decembro para facer a xa tradicional ruta de Fin de Ano. Nesta ocasión saímos camiñando dende Santiago, xa que o noso obxectivo é acadar o cumio do Monte Pedroso.
A actividade comezámola no Campus Vida, cruzando a carballeira de San Lourenzo e baixando ata o río Sarela. Facemos un treito río arriba para logo subir a Bar de Abaixo. Unha vez aquí entramos na Selva Negra para, pouco a pouco, subir ata o cumio do monte e deste xeito poder ter as vistas da cidade.
Coa puntualidade que nos caracteriza ?, ás 12:00 da mañá celebramos as badaladas, co desexo dun Feliz Ano 2020 para todas e todos. Coma sempre, non faltaron as panxoliñas nin as lambonadas destas datas, nas que sempre levan a palma os dátiles con queixo de Suso e Jesu, os mazapáns de Roch, que trae Antonio dende Mortalla, e as rosquillas que traen Marga e Xerardo da confeitaría Dinguilindín en Ponteareas.
O regreso facémolo polo tramo final do Via Crucis, a Granxa do Xesto e as Casas Novas ata o Sarela novamente.
Dende aquí regresamos ao campus pola capela do Carme, e despedímonos ata a vindeira ruta, xa no xaneiro do ano 2020.
Roteiros Galegos 2019
Con esta de hoxe, rematamos outro ano de andainas e non queremos deixar pasar a ocasión para agradecer a vosa participación e o voso apoio a este blog, para que sigamos adiante coa mesma ilusión do primeiro día.
Como xa temos sinalado en anos anteriores, non pretendemos facer unha memoria ao uso do acontecido ao longo do ano, pero si que queremos salientar os doce anos de andainas que levamos coa USC, que se di pronto, aló polo outubro de 2007.
Sen dúbida, este ano houbo moitas saídas e ben fermosas e, a risco de equivocarme, destacaría o ascenso a Pena Trevinca e Pena Negra, as visitas feitas ao Courel, ao que había tempo que non íamos, ao Alto do Convento, a Serra da Escrita e o ascenso ao Formigueiros; como non! a estadía nos Alpes franceses, a estadía en Quirós, co ascenso ao Pena Rueda como etapa raiña e, sen sair de Asturias, o Camiño Primitivo, que iniciamos en Oviedo con Elvira e Jaime, que aparcamos na Fonsagrada, e que agardamos rematar no 2020 e, como non, a subida anual á Moa do Monte Pindo, o pasado día 30 de decembro para despedir o ano de andainas.
Como sabedes, nutrímonos fundamentalmente das andainas organizadas pola USC, e non quero deixar pasar de comentar a baixa no número de andainas programadas para o curso 2019/2020 por parte dela. Non imos descobrir agora os beneficios desta práctica deportiva, pero si consideramos que debería contemplarse como un valor estratéxico por parte da Universidade, tanto na cohesión grupal que provoca como na de facer Universidade, pois sabemos que os mellores activos da institución son todas as persoas que forman a comunidade universitaria. Varios son os motivos que nos levan a pensar isto, de aí a nosa chamada de atención, que focalizamos en tres como principais: Redución do número de saídas, incerteza ante a situación dos exalumnos e tarifas elevadas.
Por outra banda, queremos ter un recordo especial co noso amigo Javier, de baixa momentánea e que agardamos se recupere o máis pronto posible e se xunte de novo con nós polos camiños. Unha forte aperta!
Reiteramos o pracer, a honra e o luxo de compartir un ano máis os vídeos, nos que deixamos moitas imaxes no caixón (non volo podedes imaxinar!), e nos que pretendemos pór cara aos verdadeiros protagonistas dos roteiros! Rir, falar, comer, camiñar, amar… diso se trata.
Pasádeo ben (e deixade algo para o ano que vén)! Sexa o que sexa o que desexedes, lembrade que o mellor está por chegar.
Vémonos no 2020, con moitos camiños por percorrer e moitas experiencias por compartir.
Saúde e terra!
Feliz ano, Fran!
Aínda que non adoito comentar, sígoche fielmente ;-). Non sabes o ben que me vén esta impresionante recompilación de rutas para planificar as miñas saídas.
Un bico moi forte e anímote a seguir co blog por moitos anos máis!
Moitas grazas Rocío! Grazas polos piropos e grazas polos ánimos (ben sabemos os dous o tempo que hai que adicarlle a estes “diarios” persoal). O interés é mutuo, pois a túa bitácora paga moito a pena lela. Eu disfruto coma un anano!
Moitos bicos e a seguir escribindo tan ben.
Vémonos polos camiños!
Feliz Ano Fran, e moitas grazas polos bos ratos que paso caos tuas fotos e comentarios.
Bicos
Moitas grazas, Pilar!
Eu disfruto dobremente, coas andainas e cos vosos comentarios, vendo que paga a pena adicarlle un tempiño a elaborar estes parágrafos adornados coas fotos.
Feliz Ano e moitos bicos!