Serra da Escrita. O Courel

Serra da Escrita. O Courel

Estamos de novo polo Courel. Moitas gañas lle tiña á ruta que imos percorrer. O obxectivo de hoxe é a serra da Escrita, preto do val de Lóuzara, onde comeza e remata a ruta. Iniciamos a andaina en Requeixo (650 m), un lugariño moi preto da Ponte de Lóuzara. A ruta comeza subindo, e pronto chegamos á aldeíña de Vila do Castro, segue rodeando o Teso de Penalba e a pendente acentúase para chegar ao Alto do Lago (1300 m). Dende aquí podemos gozar dunhas fermosas vistas. Pouco nos queda xa para acadar o cumio de A Escrita (1455 m), un dos mellores miradoiros naturais do Courel. Descendemos dende aquí á aldea de Paderne, cruzando a devesa do mesmo nome, unha das máis importantes da serra. En Paderne collemos o camiño que nos leva, subindo, a Pedrafita do Courel. Neste punto, logo de ver a microrreserva do Alto da Pedra, iniciamos o descenso ata Requeixo.

Algúns dos puntos interesantes do percorrido son as vistas panorámicas, a impresionante devesa de Paderne, a arquitectura típica do Courel nas aldeas polas que pasaremos ou a microrreserva do Alto da Pedra.

É salientable o desnivel que hai na ruta, tanto positivo como negativo: 1300 m, polo que se require certo nivel físico pois o desnivel hai que superalo en moi poucos quilómetros.

  • Lonxitude: 21 km aproximadamente
  • Dificultade: media-alta
  • Desnivel: forte

Comezamos a camiñar…

Serra da Escrita. O Courel

Logo do madrugón e dunha parada en Samos para tomar o café, o bus levounos ata Requeixo, no sur do Concello de Samos, en pleno val de Lóuzara. Camiñamos ata a ponte de Lóuzara, un paso de moita importancia, xa que permite comunicar O Courel con Samos. Esta zona é considerada como unha prolongación da serra do Courel e caracterízase por un valioso patrimonio natural, paisaxístico e cultural.

Serra da Escrita. O Courel

Nada máis cruzar a ponte, reagrupámonos e, sen máis preámbulos, comezamos o ascenso ata o alto da Escrita, a 1455 m. Pronto chegamos á aldeíña de Vila do Castro. A nosa presenza provoca que moitos cans saian ao noso paso armando un balbordo tremendo, pero os veciños tremen deles sen maiores complicacións. Seguimos subindo e, xa por pista, acadamos e bordeamos o Teso de Penalba practicamente sen gañar altura, o que nos permite gozar comodamente de  todo o val de Lóuzara. O punto dende onde partimos, Requeixo, a ponte de Lóuzara, as aldeas de Paredes, Vilela, na outra beira do val, ou a Vila do Castro que acabamos de deixar, son o preámbulo do patrimonio natural e cultural dun dos espazos naturais máis valiosos da Península, e do que imos desfrutar ao longo da xornada; e tamén podemos comprobar o enorme impacto ambiental que causa a canteira que domina toda esta parte da ruta.

Serra da Escrita. O Courel

A parte dura da xornada comeza agora, cando deixamos a canteira ás nosas costas e vemos o longo e interminable cortalumes que temos por diante. Comezamos subindo sen tregua. E non é para menos. Temos que acadar o cumio da Escrita a 1455 m. Afortunadamente, o sol non xogou na nosa contra, pois tivemos sempre sobre nós unhas nubes de evolución que en calquera momento podían descargar, polo que tampouco era conveniente demorarse moito na subida. Mentres subimos polo cortalumes, e fago algunha parada para recuperar folgos, vexo prefectamente o trazado da ruta tamén por cortalumes cara ao Monte Oribio (que pouco me gusta andar por eles, e que dano ambiental e paisaxístico fan), que tivemos hai poucas xornadas.

Serra da Escrita. O Courel

Tras este arreón, que me deixou case sen folgos, chegamos ao Alto do Lago (1300 m), o que nos permite ter un leve descanso na subida, mentres nos reagrupamos, e as pernas agradéceno ben. Neste punto deixamos o concello de Samos e entramos no de Folgoso do Courel. Non paramos de subir, pero a pendente ata A Escrita modérase bastante.

Serra da Escrita. O Courel

Pouco a pouco e sen deixar de botar a vista cara atrás de cando en vez para ver o espectáculo que temos ás nosas costas (e tamén o que levamos subido), chegamos ao cumio da Escrita. Ata agora temos un día estupendo para camiñar. Ceo azul con algunhas nubes altas e unha visibilidade incrible. Cambiamos de val e agora entramos no dominio do val do río Pequeno, un val que é un exemplo perfecto para apreciar o fortemente humanizado que está este territorio. Unha paisaxe constituída por un mosaico de pequenas aldeas, cultivos e bosques perfectamente ordenados desde os fondos do val -en xeral, moi escarpados- ás abas onde se instalan as aldeas, os cultivos e os soutos. En primeiro termo, o Alto da Pedra, Pedrafita do Courel, Paderne, lugares polos que camiñaremos de regreso a Requeixo, divisamos perfectamente a mancha grisácea do afloramento de rocha caliza no monte de Taro Branco entre MirazVilasibil, ao lonxe o perfil da serra de Ancares, e tamén o perfil dos picos máis salientables do Courel, que temos a contraluz neste momento do día: Capeloso, Alto do Faro, Formigueiros, Teso das Papoulas (que nome tan fermoso), Pía Paxaro… Que razón tiña Neruda cando afirmaba que “se non escalas a montaña, xamáis poderás disfrutar a paisaxe”. Que fermosura!

Serra da Escrita. O Courel

Facemos unha pequena parada para xantar e descansar un pouco. Pouco tempo, pois fainos falta para o que nos queda de ruta. Camiñamos pola cordal da Escrita e, a pesar de que o grupo xa colleu distancia, hai que facer parada obrigada nas Penas da Escrita para poder apreciar en toda a súa extensión a Devesa da Escrita ou de Paderne. Debe ser espectacular contemplar dende esta atalaia a variedade de tonos desta devesa, aínda espida, que, xunto coa devesa da Rogueira, é unha das mellor conservadas do Courel.

Serra da Escrita. O Courel

Continuamos a andaina, xa en descenso, disfrutando das fermosas vistas que nos ofrece o val do Rio Pequeno. Imos pola pista forestal ainda un bo treito ata que damos cun camiño que descende paralelo ao regueiro de Valmaior; á outra beira, o tupido bosque da Devesa Grande de Paderne (ou Devesa da Escrita), que acabamos de ver dende arriba. A devesa é un bosque mixto autóctono, duns dous km cadrados asentada na ladeira NE, a de sombría, e que encerra no seu interior non menos de medio cento de especies: faias, bidueiros, abeleiras, carballos, teixos, acivros, capudres… Mentres descendemos, apreciamos varios saíntes rochosos de orixe glaciar, as Penas da Escrita nas que acabamos de estar, que bordean o bosque pola súa banda superior entre os 1300 e os 1370 metros. O regueiro de Vilarmaior nace ao pé das penas e atravesa toda esta espesura, onde apenas hai camiños que entren na devesa, o que axuda ao seu estado de conservación. Estamos ante un dos grandes redutos de biodiversidade do Courel, xunto coa Rogueira ou as máis pequenas de Romeor e Riocereixa.

Serra da Escrita. O Courel

Na baixada, case chegando ao fondo do val, o Alfonso e o Jaime páranse para admirar no medio do camiño unha planta que lles chama a atención (milagre que non quedase esnaquizada polo paso dos que nos preceden). É un Dente de can, Erythronium dens-canis, unha planta que se dá a partir dos 400-600 m de altitude, e que recibe o seu nome pola forma do seu bulbo, que se parece a un canino, segundo me comentara Suso cando a recollera para o herbario subindo ao Miravalles aló polo 2013, e que tivera a mala sorte de escorregarse nun neveiro, que o tivo durante un tempo de baixa…

Serra da Escrita. O Courel

Unha vez cruzado o río Pequeno, un estreito e empedrado camiño entre prados e cuberto de castiñeiros introdúcenos en Paderne polas pequenas rúas entre casas de pedra e madeira con tellados de pizarra, perfectamente integradas no medio. Paderne é unha das aldeas courelás con máis vida, con varias casas rurais restauradas, que conservan importantes valores da arquitectura tradicional da montaña galega.

Serra da Escrita. O Courel

Sen pararnos moito, tomamos o camiño que nos leva, subindo, a Pedrafita do Caurel. Estamos indo pola vella vía de comunicación que unía Pedrafita con Seoane entre interminables soutos que son, sen dúbida, o outro punto clave da vexetación courelá. Malia súa proximidade aos núcleos de poboación, permanecen nun bo estado de conservación como consecuencia da súa utilización secular. Había tempo que non gozaba tanto dun camiño coma este. Que fermosura! Castiñeiros, prados, valados, sequeiros, a primavera comezando a notarse nas árbores floridas, sobre todo nas cerdeiras espalladas por todo o val…  Esta organización espacial onde se combina riqueza natural e uso do territorio, xunto á beleza dos seus lugares e camiños, é  o que confire á serra do Courel un valor extraordinario.

Serra da Escrita. O Courel

Reagrupámonos en Pedrafita e xa queda pouco para rematar a subida. Detémonos no Alto da Pedra, onde hai instalado un panel que nos ilustra da microrreserva, un proxecto que pretende conservar e protexer as orquídeas e outras especies pratenses do Courel, debido ao proceso de abandono que están a sufrir estas zonas pola perda das actividades gandeiras tradicionais. Volvemos entrar no concello de Samos neste punto e, a partir de agora, recuperamos as vistas sobre o val de Lóuzara, que disfrutamos camiñando durante un bo treito sen apenas desnivel. A pesar de que a luz do día vai perdendo forza e a nube cargada se fai cada vez máis ameazante, a baixada ata a Vila do Castro hai que facela amodo, pois o desnivel é considerable e os xeonllos xa levan un bo repaso. Aínda con pouca luz, sigo a facer fotos pois a paisaxe ampla deste val paga moito a pena.

Serra da Escrita. O Courel

Tamén dá para ir comentando con Alfonso a impresionante andaina que fixemos hoxe, e da excelente preparación que fai Víctor das rutas, pois cónstanos o concienzudo que é, e que poucas veces valoramos, pois hai un traballo previo de buscar en varios sitios: imaxes aéreas, webs de montaña, rutas existentes… evidentemente, moitos dos lugares xa os coñece (e como os coñece!) e, a partir de aí, vai cunha base e xa mira se a ruta é viable, se está en condicións, se se pode facer en tempo, se se pode facer nun día… un luxo de profesional. Parabéns meu!

Serra da Escrita. O Courel

Pouco a pouco imos chegando a Vila do Castro, onde os cans nos volven recibir alporizados. Descendemos polo seu impresionante souto e, logo de cruzar a ponte de Lóuzara, chegamos ao bus aparcado en Requeixo momento no que comezan a caer as primeiras pingas. Zafamos! E así rematou o día do sábado, parando aínda en Samos para mercar pan e os afamados biscoitos… e tomándolle unhas cervexas. Como digo máis dunha vez, hai que consumir algo nos negocios da zona, pois é unha pequena axuda para que lugares tan fermosos coma este que acabamos e percorrer se manteñan.

PS. Sempre que ando por estas terras boto man da Guía do Courel, de Javier Guitián, Luís Guitián e José L. Martínez Villar, publicada en Xerais no 2009. Coido que está esgotada, pero a pesar dos dez anos que leva publicada é un bo referente para introducirnos nesta serra.

Ruta do val do río Aviouga

8 comentarios sobre “Serra da Escrita. O Courel”

  1. Parabéns e moitas grazas pola reportaxe Fran ¡¡
    E parabens a todos os participantes na actividade. Era unha ruta esixente, non hai dúbida ¡

    Apertas

    1. Os parabéns hai que darchos a ti, pola fermosa ruta que preparaches… e ao grupo, un grupo marabilloso co que paga moito a pena ir e co que se aprende moito cada vez que nos xuntamos.
      Xa estou desexando volver!
      Unha forte aperta, meu!

    1. A verdade, Mariví, é que a ruta foi moi fermosa e agardo que as imaxes reflictan un pouco esa fermosura… e a dureza da ruta queda nun segundo plano! 😉
      Un bico moi grande!

    1. Grazas Sofía! Como ves, non rematei relatando os despistes dalgunha 😉 e estou encantado de que che guste o que fago. Eu pásoo xenial e agardo que che guste andar con nós e vérmonos en moitas máis rutas.
      Vémonos!
      Bicos

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio