Ruta pola serra de Béjar. Candelario
O mesmo día que viaxamos a Béjar, ao chegar, fixemos o noso primeiro percorrido pola zona, unha ruta que nos serve de toma de contacto para ir coñecendo toda esta comarca.
-
- Lonxitude: 11 km
- Dificultade: baixa
- Desnivel: medio
Comezamos a camiñar…
A ruta comeza mesmo en Béjar e lévanos, en forte subida ao comezo, ata o santuario de Nuestra Señora del Castañar e a praza de touros da localidade, coñecida como La Ancianita, por ser un dos cosos taurinos máis antigos de España. Dende aquí temos unhas vistas moi boas da cidade de Béjar.
Dende este punto continuamos cara o val do río Cuerpo de Hombre o cal temos que cruzar polo Pontón del Coto. Un pouco máis adiante chegamos a Candelario, fermosísima vila situada na ladeira da serra. Accedemos pola parte máis alta da vila, á altura da igrexa de Nosa Señora da Ascensión, de grandes proporcións e onde se mezclan varios estilos arquitectónicos, dende o románico ata o barroco ou o mudéjar, podendo admirar neste estilo no seu interior o magnífico artesonado que cubre a bóveda da capela maior.
Candelario está situada na serra de Béjar. O cumio máis alto da serra é o Calvitero a 2400 m de altitude. A neve, que no inverno e na primavera cobre os seus cumes, é unha importante reserva de auga. Nas ladeiras da serra son abondosos os bosques de castiñeiros e carballos, moitos deles centenarios e de gran porte. No fermoso pobo, as casas soen ser de tres andares, construídas en granito con parte das paredes recebadas.
Un dos elementos que máis nos chama a atención son as regaderas, un elemento singular deste pobo. Trátase dunha especie de pequenas canles que cruzan toda a localidade desde o alto da vila ata a súa parte máis baixa. Estas regaderas que adornan as ruelas serven para o rego das hortas próximas aproveitando as augas procedentes dos mananciais e do desxeo da serra próxima, e tiveron en tempos a utilidade de arrastrar os desperdicios e o sangue do porco en época de matanza.
Outro dos elementos máis curiosos e facilmente recoñecibles da casa, que chega a singularizala, é a batipuerta que protexe o seu acceso desde o exterior. Con ese nome referímonos á media porta que antecede e protexe á propia da vivenda. De madeira e cun remate superior variable no seu deseño semella reunir diferentes funcións. Para uns defendía a casa dos rigores climáticos como as frecuentes nevaradas que se acumulaban en rúas e accesos. Segundo outros, permitían airear a vivenda sen temor a que entraran os animais que andaban ceibos polas rúas. Para outros, formaban parte do quefacer cotián da casa, permitindo que desde o interior da mesma, desde o portal, o matarife, puidera asestar ás reses o golpe definitivo que puxera fin á súa vida e iniciara o proceso da matanza. De feito, nalgunhas delas pode verse un curioso anel de ferro e algún gancho, do mesmo material, polo que se facía pasar a corda que suxeitaba ao animal, para tirar desde o seu interior e acercalo ata a batipuerta, facilitando así o traballo do sacrificio sen temor a golpes, cornadas ou dentelladas.
Logo dun tempo para gozar polas súas rúas e observar a arquitectura das súas edificacións, compre seguir o noso camiño. Reagrupámonos na praza do Humilladero, en torno á Ermida do Santo Cristo do Refuxio, situada na parte baixa, nada máis entrar na vila nunha gran explanada presidida pola Cruz de termo. No interior descansa o Cristo do Refuxio, de gran devoción por parte dos veciños. Preside a ermida un retablo barroco, con dúas hornacinas acubillando unha delas unha talla excepcional de San Vicente Ferrer, e a central o chamado Cristo do Refuxio, unha pequena talla dun crucificado que seguramente sexa de finais do século XVI.
Ao saír da vila cruzamos o río do Barquillo e imos gozando do camiño e das vistas, moi interesantes, focalizadas sobre o núcleo de Candelario e parte da serra, aínda nevada, que a acubilla, algo más alá xa asoma a cidade de Béjar e ao fondo a serra de Cabeza Gorda e o porto de Vallejera.
Pronto chegamos ao monte Marío, dende onde descendemos ata Béjar, xa co solpor, onde rematamos a andaina. Supoño que pola hora teremos que deixar o paseo pola cidade para outro día, xa que aínda temos que instalarnos e descansar, pois mañá comezamos a primeira das etapas que faremos do GR10 polas Batuecas e Peña de Francia. Isto promete!