De Sotoserrano a Miranda del Castañar. GR 10
O ter o posto base en Béjar obriga a desprazármonos en torno a unha hora no autobús para chegar aos inicios das rutas neste Parque Natural Las Batuecas-Peña de Francia. A pesar de que a estrada é bastante sinuosa nalgún tramo, a viaxe permítenos ir admirando a súa paisaxe, a chaira, a dehesa…
Situado ao sur da provincia de Salamanca, o Parque Natural forma parte das estribacións occidentais da Cordilleira Central, cunha extensión de 30183 ha pertencentes a 14 municipios. Durante estes tres días camiñaremos por esta comarca partindo hoxe dende a súa altitude máis baixa, sobre os 400 metros, á beira do río Alagón, no termo municipal de Sotoserrano, e chegando o domingo á segunda cota máis alta do mesmo (a primeira é o Pico Hastiala, 1735 m), situada na crista da Peña de Francia, que cos seus 1723 m domina o conxunto da comarca.
- Lonxitude: 13 km
- Dificultade: baixa‐media
- Desnivel: medio
Comezamos a camiñar…
Comezamos a nosa travesía da Peña de Francia na ponte romana sobre o río Alagón, moi preto de Sotoserrano. Saímos da ponte, seguindo o curso do río pola marxe dereita, observando a beleza da ribeira, e vendo como se funde o río Cuerpo de Hombre, procedente da serra de Béjar, uns poucos metros máis abaixo. Ao pouco ascendemos por unha pista entre aciñeiras, oliveiras, cerdeiras e viñedos que nos leva a Sotoserrano, que xa comezamos a divisar á metade da subida. É a primeira das localidades desta parte da serra que visitamos.
Unha vez que entramos na parte vella e antes de gañar a Praza Maior, encontrámonos coa fonte pública máis representativa do municipio. Realizada durante o reinado de Carlos IV, tal como reza na placa de canteiría situada na parte superior da fonte. Ademáis de surtir de auga ás casas da vila, polas dimensións da mesma, é facil imaxinar bebendo as bestas debido a que Sotoserrano foi sempre un pobo agrícola, dedicado á arrieiría, a pesares de que actualmente apenas quedan cabaleirías, reemplazadas éstas por tractores agrícolas.
Dedicamos un rato a ver o pobo, xa que é moi bonito e paga a pena. Encontrámonos con algunhas vivendas que aínda conservan a súa antiga estrutura, de tres andares, e realizadas con adobe e palla, anque algunhas está moi deterioradas. Nun lateral da praza, chama a atención o edificio que semella ser unha antiga torre defensiva coroada por un reloxo. Anque as súas paredes non destacan por unha gran beleza arquitectónica, a casa semella ter moita historia detrás.
Tamén temos ocasión de ver pendurado no medio da praza un pelele que representa o Escarnio de Judas. Segundo nos contan, é o único pobo da Serra de Francia onde se conserva esta tradición. Dentro da celebración da Semana Santa, na media noite do sábado de gloria, os mozos concéntranse na praza maior e fabrican un moneco a base de palla e roupa vella, que despois colgan dunha soga. O pelele, que representa a Xudas, permanece colgado ata o luns de Pascua, día en que o voltean ata destrozalo e rematan queimándoo no lume con moita festa.
Cando comezamos a prepararnos para continuar a marcha, un murmurio ven cara á praza, e pronto nos vemos non medio dunha procesión, coido que é un via crucis levado por unhas monxas, polo que temos que agardar a que a comitiva pase pola praza.
Continuamos, logo de ver pasar o coche do chatarreiro anunciando co megáfono a compra de chatarra montando un balbordo tremendo. O traxecto polo GR 10 ata Cepeda segue subindo durante un rato despois de pasar a igrexa, e transcorre nun primeiro tramo entre cultivos de cerdeiras (algunha aínda coa flor e moitas xa anunciando o delicado froito) e oliveiras, e algún viñedo. Vese que son plantacións recentes o que amosan a expansión destes frutais por estas terras nos últimos anos. Facemos algunha que outra parada para ver a jara e o espliego, plantas que aromatizan o camiño a cada paso.
Máis adiante adentrámonos nun bosque no que atopamos especies representativas como érvedos (madroño), jaras, queiroas, piñeiros, castiñeiros, acivros ou carballos. O camiño está moi ben marcado. Cruzamos o arroio San Pedro do Coso por unha fermosa ponte medieval na Dehesa de Cepeda que nos leva ata o devandito municipio.
Sobre a ponte facemos unha pequena parada para reagruparnos, e reparamos que á beira da mesma, pegado, hai un carballo centenario que, exercendo de contraforte, contribuiu a evitar a súa deterioración, ou incluso a súa caída. O carballo albar está catalogado e presenta a singularidade de que é un carballo pouco común por estas latitudes, pois trátase de vexetación de carácter atlántico.
Cruzamos a ponte medieval, saímos á estrada que collemos e, como a 200 m, cruzamos e tomamos a vella estrada, sen tráfico, que nos conduce a Cepeda, outro fermoso pobo serrano. Non imos camiñar polas súas rúas, pois o tempo adicado á visita de Sotoserrano fai que o admiremos dende a distancia. Chama a atención a súa igrexa, coa súa torre das campás exenta.
Deixamos Cepeda atrás. Continúa o camiño en subida entre fincas de cultivos, algunhas xa abandonadas, e temos tempo de admirar unha eira, a Era de la Manga, que están restaurando e adecentando o seu entorno. Imos camiñando comodamente pola parte alta do val observando panorámicas do val do río de Francia, baixo unhas nubes escuras ameazantes, que van descargar sobre nós máis adiante, nunha fermosa carballeira mentres baixamos ata a estrada e á Área recreativa de La Regajera.
Desde aquí temos un ascenso de 700 m que nos leva ata Miranda del Castañar. Decidimos quedar ás portas da ermida da Virgen de la Cuesta, patroa da localidade, fóra do recinto amurallado. No entorno da ermida decidimos xantar, tendo unhas vistas dende aquí espectaculares cara á Peña de Francia, con Monforte e Mogarraz na lonxanía, vilas polas que pasaremos mañá camiño de La Alberca.
Rematado o xantar temos que rematar a andaina e imos ata a praza situada fronte ao castelo, e o tránsito asta ela amósanos unha vila sinxelamente espectacular. Unha mágoa que esta praza aos pés do castelo estea chea de coches que nos impiden ver os restos do coso taurino en forma cuadrangular en que se pode converter. Xunto coa de Béjar, é das prazas de touros máis antigas de España. Percorrer o seu casco antigo é viaxar ao seu pasado medieval con casas de mampostería e madeira características da serra, xunto a casas de granito con blasóns nas fachadas.
Temos tempo de dar un paseo por Miranda del Castañar, unha das vilas máis impresionantes da provincia de Salamanca. Situada nun promontorio rochoso sobre o río de Francia, a vila destaca porque aínda se poden contemplar as súas sólidas murallas de antiga fortaleza na que sobresae a torre da homenaxe do seu castelo, tamén conserva unha arquitectura tradicional e uns sinais de identidade tipicamente serranos: rúas estreitas, tortuosas e abigarradas. Foi declarada Conxunto Histórico Artístico no ano 1973 e segundo algunhas fontes é un dos pobos máis bonitos de España.
Con este regusto rematamos a actividade. A verdade é que a ruta non defraudou en absoluto e pode dicirse que, ademáis das belezas paisaxísticas que gozamos, fixemos unha ruta de conxuntos históricos pola gran riqueza patrimonial que hai nestas vilas… e mañá máis!