De Miranda del Castañar a La Alberca. GR 10

20-04-2019
De Miranda del Castañar a La Alberca

A segunda etapa da nosa travesía polo GR-10 comeza onde rematamos o día anterior, en Miranda del Castañar. Descendemos ata o río Francia e cruzámolo pola ponte nova, logo continuamos en paralelo á estrada ata coller o camiño que nos leva entre zonas boscosas ata Mogarraz, outro pobo serrano moi interesante. Aquí teremos un rato para poder pasear polas súas rúas. Destaca nesta vila a enorme cantidade de retratos dos veciños que teñen colgados nas fachadas das súas casas. A ruta logo continúa ata Monforte de la Sierra, que atravesaremos, para seguir por un fermoso bosque practicamente ata La Alberca, aos pés da Peña de Francia, un dos pobos máis interesantes da serra.

  • Lonxitude: 16 km
  • Dificultade: baixa‐media
  • Desnivel: medio

Comezamos a camiñar…

De Miranda del Castañar a La Alberca

Logo de deixarnos o bus en Miranda del Castañar, descendemos ata o río Francia e cruzámolo pola ponte nova, pasamos de novo por La Regajera e continuamos polo camiño paralelo á estrada de Mogarraz que nos leva entre diversas leiras e colmeares, pois esta é terra de bo mel, ata alcanzamos un bosque de carballos, castiñeiros, madroños e durillos, cun aspecto case selvático, que nos conduce, en forte descenso, ata a ponte de pedra dos Tres Ojos, que cruza o río Milanos, un lugar con moito encanto. Na baixada, un grupo de sendeiristas que nos cruzamos pregúntanos se somos os galegos que estamos en Béjar… debemos de ser famosos xa por estas terras!

De Miranda del Castañar a La Alberca

Dende aquí iniciamos pouco a pouco a subida por camiño empedrado ata Mogarraz. A costa ten o seu aquel a pesar de ir practicamente pola sombra, a cuberto pola vexetación. Ás portas do pobo atopámonos cunha instalación que chama a atención, unha especie de ortoedro coas caras de pedra e do que sobresae, pola parte superior, un ciprés. Segundo parece é un monumento levantado na honra do pintor Florencio Maíllo, que fixo sobre as fachadas de Mogarraz unha galería de retratos pertencentes á exposición Retrata2-388.

De Miranda del Castañar a La Alberca

Como tantos outros pobos da Serra de Francia, Mogarraz foi levantado tras o proceso de repoboación que tivo a zona no século XII. Poida que para moitos sexa o pobo máis bonito da Serra de Francia (a min encantoume!), sen desbotar que hai moitas xoias nesta paraxe como La Alberca, polo que ben merece un paseo polas súas rúas estreitas e empedradas. Pero que ten Mogarraz que tanto nos chamou a atención? Pois, como xa sinalei, sinxelamente que en case todas as fachadas das casas colgan varios cadros, 388 para ser exactos, realizados polo pintor local Florencio Maíllo, que comezou en 2012 como una exposición temporal pero que, en vista do éxito e o cariño que tomaron os veciños polo proxecto, ten todos os visos de quedar para sempre.

De Miranda del Castañar a La Alberca

Mogarraz converteuse así nun atractivo e orixinal lugar para visitar onde a herdanza medieval e histórica está moi presente. Casas datadas nos s. XVIII e XIX, con dinteis de canteiría e inscricións marianas: JHS (Jesús Hombre Salvador), Ave María Purísima, etc… axudado pola galería urbana de retratos que decoran as fachadas das casas.

De Miranda del Castañar a La Alberca

A idea desta galería xurdíu ao necesitar no ano 1967 unha foto para solicitar o DNI. Un veciño adicouse a retratar á totalidade do pobo enteiro -polo menos, os maiores de 16 anos- para evitar ter que ir a Salamanca a tramitar o carnet e, por azares da vida, os negativos chegaron ás mans do artista, que destaca unha e outra vez que o que vemos en Mogarraz, ademáis dun pobo ben fermoso, é unha homenaxe á memoria. «Á memoria dos que quedaron», porque Florencio decatouse que naquela colección de negativos estaba o pobo enteiro, os que por unha ou outra razón se negaban a abandonalo -ou non tiñan outra opción- nun momento en que o campo se valeiraba na busca de lugares nos que procurar unha vida mellor.

De Miranda del Castañar a La Alberca

Ao sair do pobo, en dirección a Monforte de la Sierra observamos a típica forma de cultivo en terrazas da serra, predominando a oliveira, vide e cerdeira. A ruta continua logo polo Camiño da Auga, un fermoso camiño  no que te perdes entre os sons da natureza e as esculturas que lle dan un toque artístico-filosófico a este espazo. O camiño empínase un pouco e realizamos un pequeno tramo por estrada antes de chegar a Monforte de la Sierra, deténdonos un anaco na súa praza maior. Unha rapaza dos servizos sociais acaba de despedirse dun veciño, Pepe, ata dentro de dous días. O ancián ten á súa muller encamada por mor dun ictus e ten que botar man dos servizos do concello para ilo levando. O home ten gañas de falar e nós temos que marchar, pero aínda lle dá tempo de contarnos amoríos de xuventude noutras vilas ou, como de mozo, ía á sega a Salamanca, cobrando nove pesetas de xornal, lembrándome aos casteláns de Castela de Rosalía de Castro… Esta conversa reflicte estupendamente como o rural por esta zona está igual que polas nosas aldeas, pouca poboación e avellentada.

De Miranda del Castañar a La Alberca

Continuamos camiño atravesando o que queda de pobo e iniciamos unha boa subida, para seguir por un fermoso bosque practicamente ata La Alberca. Camiñamos por unha senda paralela á levada de rego ata chegar á ermida de Majadas Viejas, perfectamente conservada, onde decidimos parar a xantar e tomar un pequeno descanso. Eu decido facelo á beira dos restos dun pozo. Tamén se para a xantar xunto a nós un grupo familiar que debe estar facendo o percorrido circular do Camino de Raíces, que comparte trazado coa nosa ruta. A verdade é que paga a pena pasar uns minutos neste remanso de paz.

De Miranda del Castañar a La Alberca

Reiniciamos a marcha cunha cómoda subida en dirección a La Alberca. Pasamos polo Montón de Cantos, un milladoiro onde os peregrinos rezan e botan unha pedra ao pasar por el cando veñen en procesión ata a ermida, celebrando as Majadas.

De Miranda del Castañar a La Alberca

Imos por un camiño que conta con varias obras de arte na natureza, que lle dan un valor engadido. Despois de cruzar con precaución a estrada que une La Alberca con Sotoserrano, o camiño pasa por diante da expresión artística “Del espejismo de un bosque” de Begoña Pérez, unha instalación que serve de espello dunha contorna máxica.

De Miranda del Castañar a La Alberca

Practicamente está o camiño andado e La Alberca recíbenos, para que percorramos as súas rúas, tendo como telón de fondo a Peña de Francia, un colofón moi acaído para unha ruta de sendeirismo perfecta que permite gozar de parte da beleza do Parque Natural das Batuecas-Sierra de Francia.

De Miranda del Castañar a La Alberca

Se hai un pobo tipicamente serrano que se inclúe sempre nas listas dos máis fermosos de España ese é La Alberca. Polo menos é o que máis turismo recibe na provincia de Salamanca e, polo tanto, o máis enfocado a este fin. Situado aos pés da Peña de Francia, en 1940 foi declarado Conxunto Histórico Artístico, o que facilitou a súa conservación, sendo o primeiro concello español en ter esa distinción. Persoalmente creo que outros pobos como Candelario, Miranda del Castañar ou Mogarraz, polos que pasamos, non lle van á zaga, pero La Alberca soubo gañar o favor do visitante e cada fin de semana son centos os que desembarcan nesta poboación e, se a isto lle unimos que estamos en semana santa, xa vos podedes imaxinar o balbordo co que nos atopamos ao chegar á vila. Isto non quita que non pague a pena disfrutar polo menos dun paseo por esta coidada vila, que rúas tranquilas tamén as ten.

De Miranda del Castañar a La Alberca

A fisionomía do pobo sorprende. Como nos que vimos onte e hoxe, as rúas son estreitas, sinuosas e empedradas, e as vivendas teñen muros de pedra ou adobe con travesas de madeira que trazan debuxos xeométricos. Moitas casas aínda expoñen a data da súa construción no dintel, xunto a inscricións e símbolos que fan fincapé no cristianismo dos primeiros propietarios. Remiten a épocas en que as desviacións relixiosas carrexaban complicacións. Destaca pola beleza e conservación da súa arquitectura tradicional típica da serra, de herdanza medieval, unha arquitectura popular levantada a base de pedras e armazóns de madeira, como noutros pobos da comarca.

Ah! E logo de atopar unha mesa libre na praza maior para tomar unha cervexa, por suposto, fixémonos cunha boa provisión de embutidos. Eu chourizo, salchichón e lombo de bellota, que os desta terra teñen moita sona, outros completárono con queixo e mel… xa teño gañas de probalos en canto chegue á casa!

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio